Rapaces de oito anos asisten unha vez por semana a unha clase telemática

Un total de 32 mozos da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ aprenden galego

15.Clases Gallego con niños VenezuelaManuela ‘Manoli’ Maseda comezou en outubro a dar clases de galego e cultura galega a nenos de oito anos do Colexio Castelao da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’, dentro dun programa de difusión do galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “A pretensión é que coñezan a cultura galega e que coñezan un pouco a lingua dos seus avós e bisavós, e achegalos a todo o que teña que ver co noso”, explica Maseda, quen asegura que os rapaces “están moi interesados”.
Un total de 32 mozos da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ aprenden galego
15.Clases Gallego con niños Venezuela
Un momento dunha das clases telemáticas.

Manuela ‘Manoli’ Maseda comezou en outubro a dar clases de galego e cultura galega a nenos de oito anos do Colexio Castelao da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’, dentro dun programa de difusión do galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “A pretensión é que coñezan a cultura galega e que coñezan un pouco a lingua dos seus avós e bisavós, e achegalos a todo o que teña que ver co noso”, explica Maseda, quen asegura que os rapaces “están moi interesados”.

O Colexio Castelao da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ recupera este ano as clases de lingua e cultura galega que tiña hai anos para os rapaces. “O proxecto estaba previsto para iniciar o pasado curso, pero co tema da pandemia deixouse para este”, asegura Manoli Maseda.

En total son 32 nenos repartidos en dúas quendas –luns e mércores– que reciben unha hora de clase en liña ainda que “normalmente estamos máis tempo porque eles queren preguntar cousas de Galicia e eu estou encantada co seu interese”, asegura a súa mestra Manoli, quen explica que os rapaces “teñen un interese enorme e gústalles moito estudar galego”. 

“A miña percepción–explica– é que están contentos. Son nenos pequenos que se conectan as 7:00 da mañá e ves como que ás veces ainda se lles abre a boca e non me estraña”, pero aí están “preparados a esa hora”, explica Maseda.

Esta mestra explica que “o que se pretende é que haxa unha predisposición positiva, que sí que teñen. De verdade que están encantados e se ven contentos e pouco a pouco imos dando a coñecer o noso e a lingua para que eles consigan falar en galego. Xa van chapurreando cousiñas, saúdan e cousas así, conversas moi básicas pero só levamos dende outubro”.

“Loxicamente –continúa– non é unha clase ao uso, trátase de ir introducindo algo que para eles é novo, sobre todo para os nenos que non teñen familia aquí e é a primeira vez que teñen contacto co galego”.

Maseda comenta que hai rapaces que xa non contan con familia en Galicia porque son xa a cuarta ou quinta xeración, pero aínda así “manteñen o interese”. Tamén hai outros que si teñen avós ou curmáns en Galicia e están máis afeitos á lingua galega.

Respecto ao formato telemático, esta mestra explica que os rapaces non teñen problemas xa que, ademáis de seren nativos dixitais, coa pandemia acostumáronse ás clases en liña, de todos os xeitos, non é o mesmo, “sobre todo porque a estes rapaces non os coñezo en persona”, explica Manoli Maseda, quen recoñece que está moi contenta coas clases.  

“É un proxecto moi bonito, a verdade é que ‘chapeau’ pola Secretaría Xeral de Política Lingüista”, asegura Maseda, que se mostra “encantada” de que o secretario xeral, Valentín García, a chamase para desenvolver este proxecto.

“Gústame falar coa 

miña avoa”

Con oito anos os rapaces aprenden axiña e xa fan os seus primeiros intentos en galego. Nun vídeo da Secretaría Xeral amósanse encantados de aprender esta lingua e explican que lles encanta estudar galego. 

Paola Valentina conta que está moi contenta porque “aprendín moitas palabras coa mestra Manoli, tamén cancións e parte da cultura”. “E gústame falar galego coa miña avoa”, asegura a rapaza. 

Pola súa banda, Thairymar Quintero afirma que espera “poder seguir practicando e aprendendo”. “Gústanme moito as miñas clases de galego porque aprendo coa mestra Manoli sobre Galicia e os seus costumes e aprendo a dicir palabras e moitas cancións”.