BEGOñA GONZáLEZ, PROFESORA DE GALEGO NO INSTITUTO ESPAñOL VICENTE CAñADA BLANCH DE LONDRES

“Estudar galego en Londres é consecuencia do clima multilingüístico e multicultural da cidade”

O Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres conta con nova profesora: Begoña González, natural de Compostela e profesora durante un tempo no IES Manuel Murguía de Arteixo, “probablemente o instituto máis multicultural de Galicia”, comenta.

“Estudar galego en Londres é consecuencia do clima multilingüístico e multicultural da cidade”
Begoña González Rey, profesora de galego no Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres.

O Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres conta con nova profesora: Begoña González, natural de Compostela e profesora durante un tempo no IES Manuel Murguía de Arteixo, “probablemente o instituto máis multicultural de Galicia”, comenta. A nova mestra afronta esta etapa con ilusión –“Se antes non me aburría, agora menos”, asegura– e co obxectivo de poñer aos alumnos ante situacións comunicativas reais que melloren a súa competencia lingüística, porque “nas clases de galego poñemos a énfase na lingua como habilidade, non na lingua como coñecemento”, di.

Pregunta. Vostede tan só leva un mes en Londres impartindo galego no Cañada Blanch. Como está a resultar a experiencia?
Resposta. Fantástica. Eu xa viña dun instituto incrible, o IES Manuel Murguía de Arteixo, probablemente o instituto máis multicultural de Galicia. Agora Londres dáme dúas cuncas dese caldo. Teño alumnos fillos de familias mixtas de orixes do máis diverso, compañeiros do claustro con bagaxes persoais e profesionais moi interesantes, un barrio –Portobello– con forte personalidade… e habitando neste ecosistema, o ser galego, que emerxe constantemente en calquera recuncho. Se antes non me aburría, agora menos.
P. Son todos alumnos orixinarios de Galicia ou tamén hai algúns procedentes doutros lugares? 
R. Algúns dos alumnos acaban de chegar de Galicia, coma Natalia ou Conchi, que están a pasar o seu primeiro ano en Londres. Pero o habitual é que sexan descendentes de galegos de segunda ou terceira xeración: Álex e Ánxeles veñen de Malpica, Brian de Mazaricos, Marinueva e Daniel do Ézaro, Andrea de Santa Comba, Sef de Monforte… Tamén temos alumnos que non teñen vinculación previa con Galicia, como Paloma ou Cristina, madrileñas, Mateo, mexicano, Zvezdana, serbia ou Adam, co pai catalán e a nai exipcia. 
P. Cales cre que son os motivos polos cales os alumnos se inclinan por elixir esta materia, tendo en conta que se trata dunha lingua minoritaria?
R. Os motivos son variados. Evidentemente, para os alumnos de ascendencia galega o galego é un vínculo coas súas orixes e un valor diferencial. Algúns deles utilizan o galego na casa como lingua de comunicación familiar e outros non o fan, pero tamén están interesados en participar da nosa cultura e as clases de galego axúdanos a reforzar a súa identidade. A outros, as clases de galego permítenlles coñecer unha lingua nova. Non o perciben como unha perda de tempo, senón como unha oportunidade. É unha consecuencia do clima a prol do multilingüismo fomentado no propio centro e do ambiente social dunha cidade tan multicultural como é Londres. 
P. Que lles pode aportar aos galegos en Londres estudar galego para o seu futuro profesional?
R. Eu non son partidaria dunha análise economicista da formación das persoas, nin de valorar o coñecemento pola súa utilidade práctica ou profesional, e menos nun eido tan identitario coma o lingüístico. Un polaco fala polaco porque é o que lle tocou, non porque sexa a lingua máis falada nin a máis útil na lóxica dos mercados. Así e todo, o galego é a lingua máis útil en Galicia. Algunhas das familias galegas emigradas en Londres pensan na posibilidade de retorno, e a aprendizaxe regrada do galego é unha porta aberta a continuar os seus estudos e a acceder a certo tipo de traballos en Galicia. E fóra da nosa terra, a ninguén se lle escapa que o galego ten unha semellanza enorme co portugués que nos abre as portas a comunicarnos con toda a lusofonía, o que é un valor engadido no currículo de calquera.
 P. Que problemas está a detectar para a aprendizaxe do galego nun país anglosaxón?
 R. O problema non é o punto de partida lingüístico dos alumnos, todos eles cando menos bilingües en español e inglés, e moitos deles familiarizados co galego porque é a lingua da casa. Nas clases de galego poñemos a énfase na lingua como habilidade, non na lingua como coñecemento. O labor fundamental que teño como profesora no contexto destes rapaces é crear situacións comunicativas reais e significativas en galego, que transcendan o uso familiar da lingua e a asocien a outros contextos e que faciliten a mellora da súa competencia lingüística. Por iso se fomentan actividades como o ciclo de conversas con relatores dos máis diversos ámbitos profesionais que veñen ao instituto compartir o seu saber co noso alumnado en galego. Polas nosas aulas pasaron e seguirán a pasar científicos, informáticos, médicos, deportistas, artistas de todo tipo, etc. Nestas últimas semanas tivemos a canda nós, por exemplo, a Mercedes Peón ou ao director de cine Ángel Santos. E algunha actividade máis argallaremos, porque do que se trata é de realizar actividades que os obriguen a comunicarse na nosa lingua e de que vexan que o galego é unha lingua que serve para todo. 
P. Amais de aprender o idioma, realizan outras actividades relacionadas coa cultura galega?
R. Desde logo, o enfoque da materia é abertamente sociocultural. Aprender unha lingua é algo máis ca aprender gramática e léxico. É tamén aprender costumes, modos de vida, valores… Por iso teñen moito peso no enfoque da materia os contidos relacionados coa cultura galega en sentido amplo, como a xeografía, a historia ou a arte. E moitas das actividades que nos levan a falar, ler ou escribir nas aulas teñen que ver coa nosa literatura, coa nosa música, co noso cine, cos nosos mitos, coa nosa gastronomía ou coas nosas festas. Ademais, trátase de que os rapaces non sexan espectadores, senón que sexan partícipes da nosa cultura. A comezos de novembro, por exemplo, faremos unha sesión para aprender a bailar o peón. Porque “polo San Martiño, trompos ao camiño”.
P. Amosan os alumnos interese por todo o relacionado coa cultura de Galicia? Que aspectos lles provocan maior inquedanza?
R. Os alumnos son diversos e polo tanto os seus intereses con respecto a Galicia tamén o son. Pero hai dúas constantes que se repiten en todos eles. Unha ten que ver cos lugares de orixe seus ou dos seus familiares, aos que sempre aluden. E outra ten que ver coa música, que dentro das manifestacións culturais é das que máis interese esperta. 
P. Trátase de clases presenciais ou tamén se empregan as novas tecnoloxías na aprendizaxe?
R. As clases en Secundaria son presenciais. As novas tecnoloxías por suposto están presentes continuamente no noso traballo, pero como ferramentas, non como obxectivo. Por exemplo, a través das tarefas de creación audiovisual trabállanse todas as destrezas lingüísticas e poténciase a creatividade. A través do blog Fala Londres os alumnos realizan actividades e divulgan os seus traballos e os encontros cos convidados que pasan pola aula. Tamén teñen moita vitalidade o twitter ou o facebook Galego en Londres, que naceron aquí no IE Cañada Blanch. Estas redes sociais axudan a cohesionar a comunidade galega de Londres, divulgando as actividades dos ‘londoners’ galegos, e relaciónana cos nosos alumnos de galego, que tamén divulgan a través delas as súas creacións. Pero, sobre todo, visibilizan a todos estes galegos que hai en Londres e conéctanos tamén con Galicia.
P. O programa para fomentar o galego no Instituto Cañada Blanch inclúe unha visita a Galicia no mes de maio por parte dos alumnos matriculados nesta materia. Que lles poden aportar estas visitas?
R. Pois moito. Para comezar trátase dunha viaxe cultural que os leva a coñecer espazos e realidades novas, diferentes ás da comarca dos pais emigrados na que pasan as vacacións, se é que xa coñecen algo de Galicia. É moi útil para ratificar moitas das aprendizaxes realizadas na aula, que abordan a realidade galega desde os puntos de vista natural, xeográfico, cultural, artístico, social. E tamén para desmitificala, porque contrasta o rural co urbano, o interior coa costa, a cultura tradicional coa moderna, amosa os xeitos de vida actuais, etc. Ademais, ofrécelles contextos de uso real da lingua e reforza o seu vínculo identitario coa nosa terra. Así e todo, o fundamental tampouco é iso. O máis importante da actividade é a ilusión que xera nos alumnos, que a aprendizaxe na visita é vivencial, implica as emocións, e é polo tanto imborrable.