GALICIA RENDE HOMENAXE AO AUTOR DE ‘DíAS DE GLORIA’, FIGURA SENLLEIRA PARA COMPRENDER O TEATRO EN GALEGO

Roberto Vidal Bolaño, un dramaturgo que ligou o teatro profesional ao galego

Por vez primeira, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle en 2013 o Día das Letras Galegas a un autor enteiramente entregado ao teatro: Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), unha figura imprescindible para comprender a dimensión do teatro galego.

Roberto Vidal Bolaño, un dramaturgo que ligou o teatro profesional ao galego
Roberto Vidal Bolaño.

Por vez primeira, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle en 2013 o Día das Letras Galegas a un autor enteiramente entregado ao teatro: Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), unha figura imprescindible para comprender a dimensión do teatro galego. Para contribuír a difundir a súa obra e favorecer a participación cidadá na celebración do 17 de maio, a Xunta de Galicia ven desenvolvendo ao longo deste ano múltiples actividades: espectáculos teatrais, novas edicións, concursos escolares e exposicións que teñen a obra e a figura de Vidal Bolaño como protagonistas.

Vidal Bolaño viviu pegado aos escenarios. Consagrou a súa vida profesional á práctica escénica en galego e a unha extensa creación literaria centrada no xénero dramático. Pola calidade da súa prolífica obra, Roberto Vidal Bolaño cobrou protagonismo no Día das Letras 2013, once anos despois do seu pasamento, ao deixar como legado unha manchea de obras, todas escritas en galego, que contribuen a manter o teatro profesional en galego.
‘O xogadeiro’, a súa primeira peza teatral, marca o inicio dunha traxectoria da que xurdirán unha manchea de obras desde o seu papel de dramaturgo, de director e tamén de actor. Nesa dedicación ao teatro, a súa paixón polo cine tamén estará sempre presente na súa vida e levarao a participar en diversas producións audiovisuais, como guionista e, sobre todo, como actor.
‘Días sen gloria’ (1992), Premio Rafael Dieste e finalista do Premio Nacional de Literatura; ‘Rastros’, estreada en 1998; ‘Doentes’, Premio Rafael Dieste en 1997; ‘Anxeliños’ (1997), ‘Criaturas’ (2000), ‘A burla do galo’ (2000) e ‘Mar revolto’ (2001) son só algúns exemplos do prolífico labor desenvolvido por Vidal Bolaño, que o converte nun referente indiscutible do teatro galego.
A escena, o espazo natural de Vidal Bolaño, é a protagonista da programación que a Xunta de Galicia lle dedica ao autor. Durante o 2013, máis de 100 representacións teatrais (entre produción propia, coprodución e teatro universitario) levarán a obra do dramaturgo ás principais vilas e cidades de Galicia.
Por primeira vez, o Centro Dramático Galego dedicará toda a súa actividade anual de 2013 á obra deste autor, cun cobizoso programa no que integra tamén a colaboración con compañías privadas: ‘Días sen gloria’, producida polo Centro Dramático Galego (CDG) baixo a dirección de Fefa Noia; ‘Criaturas’, do Teatro do Aquí e coproducida polo CDG; e ‘BailadELAS. Seis mulleres bolañesas’, do Teatro Antroido e tamén coproducida polo CDG.
Ademais, o CDG tamén pon en marcha, en homenaxe ao dramaturgo compostelán, o ‘Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador’. ‘Touporrouto da lúa e do sol’, de Teatro do Noroeste e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia é a proposta teatral para os máis novos, mentres que o ámbito do teatro universitario participou nas celebracións do 17 de maio coa representación das pezas ‘Animaliños’, ‘A burla do galo’ e o espectáculo ‘Vidal Bolaño 2013’.
Entre a programación para achegarse á obra de Vidal Bolaño a través das gravacións das súas representacións históricas inclúese o ciclo ‘Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais’ e a proxección do filme ‘Doentes’, de Gustavo Balza, sobre o texto homónimo de Vidal Bolaño.


Exposición itinerante
De maio a decembro percorrerá Galicia unha exposición itinerante para difundir a obra de Vidal Bolaño. A mostra, desenvolvida pola Asociación Roberto Vidal Bolaño coa colaboración da Xunta, ofrece unha panorámica da extensa obra do dramaturgo a través das imaxes dos seus espectáculos, dos seus personaxes e dos seus textos.
Este ano tamén verán a luz edicións especiais como ‘Un chapeu negro e un nariz vermello’, da Editorial Galaxia. Edicións Positivas publicará as ‘Obras completas’ do dramaturgo e o texto dramático ‘Doentes’. Ademais, a colección Cadernos Ramón Piñeiro dedicaralle un número á andaina creativa de Vidal Bolaño.


Bibliotecas de Galicia
A Biblioteca de Galicia e as bibliotecas nodais súmanse á celebración do Día das Letras Galegas con diversas actividades ao longo do mes de maio. A Cidade da Cultura propón unha intervención de Manuel Manquiña sobre textos do dramaturgo, mentres que as bibliotecas nodais ofrecen actividades para todos os públicos (exposicións bibliográficas, guías de lectura, obradoiros etc.) nos centros da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Vidal Bolaño tamén está presente nos centros de ensino a través de diversas iniciativas. Un concurso-exposición de carteis, actividades promovidas polos equipos de dinamización da lingua galega, a ‘Festa da Lingua da Federación de Relixiosos do Ensino de Galicia’, actos diversos en 38 universidades de fóra de Galicia, unha aplicación no espazo Abalar para saber máis sobre a obra de Vidal Bolaño e unha unidade diáctica sobre ‘Días sen gloria’ son algunhas das propostas que chegan ao ámbito educativo.

‘Días de gloria’. É a produción propia coa que o CDG homenaxea este ano ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras. Trátase dun dos textos máis audaces na brillante produción literaria de Vidal Bolaño, co Camiño Francés como territorio no que o paradigma amor-morte se revela en atmosfera inquietante, como compañeiro inseparable de quen peregrina disposto a arriscalo todo. Este é o vimbio co que construíu unha historia a modo de ‘road movie’ que conclúe no final dun oeste europeo, ao pé de Compostela. Namentres, a aventura, o espírito do Camiño anegándoo todo, envolto de violencia e de tenrura, de derrota e vellas fraternidades.


‘Criaturas’. Espectáculo que trata de indagar e poñer ao descuberto o que a razón ou a civilización puideron producir de monstruoso en nós, ou nos que nos rodean. Neses personaxes anónimos, cotiáns, cos que nos cruzamos cada día no paso de peóns, á volta da esquina, na cola do súper ou do cine, e cos que nos relacionamos con toda naturalidade. Con esa mesma naturalidade coa que aceptamos, ou consumimos, polos sen plumas, ovos sen colesterol, melóns sen pebidas ou híbridos de améndoa confeitada con boa presentación e sabor a todo e a nada.


‘BailadELAS’. Teatro Antroido foi a compañía coa que, a principios dos anos setenta, Roberto Vidal Bolaño deu o paso cara á profesionalización escénica. Laura Ponte, a persoa que o acompañou nesa aventura, rescata agora esta estrutura teatral para, a xeito de homenaxe, reivindicar un tem-po e un país a través da ollada de seis personaxes femininos representativos do universo literario bolañano e que responden a fragmentos das obras Laudamuco, señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo Tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas.


‘Touporroutou da lúa e do sol’. Teatro do Noroeste, a ESAD de Galicia e o CDG coproducen esta nova versión do texto Touporroutou da lúa e do sol, considerado o de máis alta calidade escénica de todos os que Roberto Vidal Bolaño escribiu especialmente para o público infantil. Con este espectáculo, a compañía pública contribúe, así mesmo, á promoción e divulgación da figura do autor compostelán no ámbito educativo, principalmente entre o alumnado de infantil e primaria.


‘Animaliños’. Neste texto, Vidal Bolaño aborda o microcosmos, das urbanizacións de chalés acaroados que ocuparon a periferia das cidades galegas desde finais dos noventa. A historia comeza cando unha praga de caracois altera a pracenteira vida na urbanización e os seus habitantes unen forzas na procura de fórmulas para se enfrontaren aos pequenos invasores.


‘A burla do galo’. Vidal Bolaño achégase ao mito de Don Xoán desde unha perspectiva eminentemente galega e atopa en Álvaro Cunqueiro a súa principal fonte de inspiración, especialmente na particular aproximación ao donxoanismo no relato O galo de Portugal de Merlín e familia.