150 aniversario da primeira edición de ‘Cantares Galegos’

150 aniversario da primeira edición de ‘Cantares Galegos’

Con motivo dos 150 anos da primeira edición de ‘Cantares Gallegos’ de Rosalía de Castro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa na Biblioteca de Galicia unha exposición centrada no poemario de Rosalía, coa que se propón un percorrido pola evolución da obra a través das súas edicións desde 1863 ata a actualidade, de traducións, de propostas críticas, de versións musicais e de diverso material efémero que permiten mergullarse nos seus versos e nas circunstancias que os rodearon nos seus 150 anos de existencia.
‘Rosalía de Castro. 150º aniversario de Cantares Gallegos’ é o título da mostra coa que, ata xuño, a Secretaría Xeral de Cultura “difunde a historia destes versos emblemáticos e pon de relevo a súa autora como bandeira da literatura galega”. O material que conforma a exposición procede fundamentalmente dos fondos da Biblioteca de Galicia e da colección particular de Guillermo Escrigas, e tamén se inclúen exemplares e materiais cedidos por entidades como o Consello da Cultura Galega, o Parlamento de Galicia, o Centro Galego de Artes da Imaxe ou a Universidade de Santiago de Compostela.
A exposición está artellada arredor de sete seccións que percorren a historia editorial de ‘Cantares Gallegos’, a través de exemplares singulares e de gran valor. ‘Os poemas soltos’ que Rosalía  publicara en 1861 e 1862 na revista ‘El Museo Universal’ e no ‘Álbum de la caridad’, antes de que vise a luz ‘Cantares Gallegos’, abren unha mostra na que tamén se poden ver as edicións publicadas en vida pola autora, a primeira, de 1863, e a segunda, de 1871; a que se considera a primeira recensión do poemario, asinada por Ruiz Aguilera en 1864; as diversas edicións que viron a luz ata 1963 e as primeiras publicacións conmemorativas e críticas, que xorden arredor do centenario da obra e entre as que se inclúen a promovida pola Editorial Galaxia, anotada por Bouza Brey, e a da autoría de Carvalho Calero.
Fóra de Galicia, hai dous ámbitos xeográficos nos que a autora recibe unha atención singular. Por unha banda, América. No continente americano viron a luz a quinta edición da obra, poemas e textos de homenaxe á escritora, abundantes biografías e estudos sobre Rosalía de Castro. Por outra banda, Portugal. A relación lingüística entre o galego e a lingua irmá espertou un achegamento á escritora a través de distintos estudos literarios e da inclusión dos seus poemas en obras antolóxicas.

150 aniversario da primeira edición de ‘Cantares Galegos’