Películas en galego que se proxectan na universidade King’s College

Películas en galego que se proxectan na universidade King’s College

A importancia dos idiomas é tal en Londres, cidade na que se falan ata 300 linguas distintas, que parece normal que o galego trate de abrirse un oco para estimular a súa aprendizaxe entre a poboación alí residente, tanto galegos como non galegos. Tanto é así que o pasado venres 20, a Universidade King’s College de Londres acolleu a proxección por primeira vez de dúas curtas en galego. Son traballos de galegos que fan cine na capital londinense, onde residen, e lévano a cabo na súa lingua orixinal, asegura Xaime Varela.
Álvaro Gago, ‘Peque’ Varela e Alfonso Zarauza participan nesta iniciativa altruista que se pretende que teña continuidade no futuro, di o mestre.
O certo é que “dende fóra, somos capaces de ver outra realidade”, asegura Xaime Varela, quen reflexiona sobre a actitude dos galegos á hora de promocionar o seu idioma e a súa cultura. E engade: “Dende o exterior hai moito ánimo” para empregar o idioma e facer cousas que falen de Galicia.
O que ocorre é que “non cremos en nós”, apostilla Varela, xa que só cando está “no exterior” o galego é capaz de poñer en valor o seu patrimonio, lamenta.

Estudar galego en Londres

É por iso polo que o mestre Xaime Varela se estraña de que sempre que concede unha entrevista lle pregunten aquilo de para que serve estudar galego en Londres, e se iso ten algún futuro para os alumnos. “O día que deixemos de facernos esa pregunta” é que se conseguiu ver como algo normal o emprego do galego en calquera parte do mundo, puntualiza. Conseguir iso sería para el un logro; un gran logro ao que este galego afincado en Londres por motivos laborais non parece disposto a renunciar. De aí que poña o acento en que o galego sexa capaz de abrir a mente para recoñecer a importancia do que lle é propio.