Manuel Antas Fraga: Un emigrante no paraíso racial

Animado polos emigrantes que voltaban a Cotobade con todo tipo de riquezas, con 15 anos Manuel Antas Fraga emigrou rumbo a Brasil. A súa partida foi unha máis dunha grande traxedia
Manuel Antas Fraga: Un emigrante no paraíso racial
Manuel Antas Fraga, xunto a Felipe González.
Manuel Antas Fraga, xunto a Felipe González.
Manuel Antas Fraga naceu no Concello de Cotobade o 23 de setembro de 1932. No ano 1947, con 15 anos incompletos, marchou para o Brasil. Segundo o propio Antas, “porque aquí en Galiza a vida era moi difícil porque non había maneira de gañar diñeiro; traballo había moito pero non se gañaba diñeiro, practicamente non se gañaba para comer. Eu vía chegar á xente que marchara e chegaban con reloxos, cadeas de ouro, aquelo impresionaba. Nós non tíñamos nada. E eles chegaban e tiñan diñeiro suficiente para cubrir as necesidades súas e mais as dos seus familiares. Iso evidentemente na miña mocidade creaba unha ilusión. Naqueles tempos, parecía que a panacea era a emigración. Naquela bisbarra onde eu nacín todo mundo marchaba para o Brasil, especificamente para a cidade do Salvador. Entón eu tiña un tío, un curmán do meu pai, que estaba en Bahia. O meu pai estivo na guerra de Alemaña onde morreu por un ataque dunha bomba. A miña nai estivo enferma de cancro, fixéronlle varias intervencións nunha perna.
Pasaron unha vida moi dificil, o meu pai chamábase Eleuterio Antas Garrido, e a miña nai chamábase Auria Fraga García, e tiveron tres fillos. Eu e máis un irmán, Loriano Antas Fraga, e Xosefa Antas Fraga.
No ano 1947, o día 29 de novembro marchei desde o porto de Vigo nun barco chamado ‘Cuiaba’. Marchei moi eufórico e moi contento. Despedinme da miña nai, da miña irmá e da miña avoa, que naquel tempo aínda vivía. A miña avoa foi a que me trouxo a Vigo, viñemos nun coche dos da Empresa García. Saimos cedo porque demoraba catro horas para facer un percorrido de 25 minutos. Os coches naqueles tempos parecían unha tartaruga andando. Chegando a Vigo fomos para o peirao e alí esperamos. A miña nai tivo que se empeñar, para mercarme a pasaxe. Cando cheguei ao porto de Vigo dixéronme: “Vostede pode embarcar”, e eu díxenlle se podía voltar e eles dixéronme que aínda estaba a tempo. E cando pasei a alfándega había alí uns carabineiros, con botas negras, que representaban moi ben o franquismo o sistema que había aquí en España. Onde o home tiña pouco valor. Tiña máis valor unha mula que o propio ser humano. E dixéronme: “¡agora entre vostede no barco!”, e eu díxenlle que me quería despedir da miña avoa, e eles dixéronme que xa non podía saír. Eu como era pequeno, metinme polo medio das pernas dos carabineiros, e eles queríanme coller, mais eu era máis rápido ca eles e saín correndo e colgueime do pescozo da miña avoa. E dixen que non quería marchar. Ela despois de tanto sacrificio, abrazoume, bicoume e díxome: “vaite meu fillo, vaite”. Esa travesía levounos 29 días desde Vigo ata Salvador facendo escala en Lisboa e nas Illas Canarias.
Cando chegamos a Arrecife fun para un barco salvavidas, había unhas gomas alí e eu deiteime enriba delas para tomar un pouco o fresco. E entón coa calor pegoume o sono eu non me din conta pero cando espertei xa o barco desamarrara. Estaba no medio do mar, eu asusteime ao ver aquela oscuridade negra e collín e fun para o camarote e despois de dous días cheguei a Salvador. Alá tiña un parente esperándome e cando saltei facía unha calor terrible, deberían estar a 30 e tantos graos. Cheguei alí e fomos traballar para un almacén de ultramarinos dun curmán do meu pai. Os primeiros días traballando alí eu tiña unha soidade terrible, tiña ganas de chorar, tiña ganas de vir. A empresa tiña moitos empregados brasileiros. Eu non os entendía ben e moito menos entendía os productos que vendían. Eu acordábame da miña avoa, da miña nai, pasaba as noites facendo as cartas. Porque nós íamos de aquí analfabetos. Eu malamente sabía debuxar o meu nome. Non sabía asimilar o que lía. E unha persoa alfabeta é a persoa que sabe asimilar o que le e expresarse escribindo. E eu non sabía, mais nesa necesidade de poder comunicarme coa miña familia, escribía aquelas cartas rústicas a maneira dun pouco de galego e de español. Do pouco que eu sabía eu escribía para miña nai e cando recibía unha carta, era como se recibise unha nova extraordinaria. Parecía que os estaba vendo, víñanme moitas bágoas aos ollos.
Era unha sociedade estraña, un ambiente de racismo, un paraíso racial como ben escribiu o historiador bahiano. Entre nós, eramos discriminados e nos chamábannos ‘suicidas do arado’, porque íamos totalmente sen preparación para exercer calquera profesión. Porque non tiñamos preparación, nin cultura ningunha, non sabiamos ler nin escribir e matemáticas moito menos, eramos uns analfabetos incapaces case de todo só así, para traballos máis rudimentarios eran o que nós podiamos desempeñar e isto pagámolo moi caro, e isto durante o 47 ao 56, ano no que por primeira vez puiden vir aquí; foi unha etapa moi difícil”.
Cos primeiros aforros Manuel mandoulle á súa nai o valor da pasaxe que ella lle custeara con muchos sacrificios. Cando podía ou coincidía que algún amigo volvía a Galiza, Manuel mandáballes café, azucre, teas para sabas. Sabía que na súa casa necesitaban de todo. En 1956 Antas Fraga realizou a súa primeira viaxe a Galiza, segundo el mesmo conta, aproveitando unhas pasaxes baratas que promocionaba o Goberno de Franco.
“A miña familia e a sociedade galega pasaban moitas necesidades porque vivían illados do mundo. Os únicos países que tiñan relación diplomática con España eran Arxentina e Portugal. Viviamos aquí illados, por culpa do réxime dictatorial que vivimos. Que moitos agora aínda teñen saudade del con tanto cariño. Para min foi unha traxedia, para os pobos do estado español. Porque foi unha época na que máis de 4 millóns de españois tiveron que fuxir de España.
No ano 56 con todas esas dificultades vin a España e casei. Dese matrimonio tiven dúas fillas que están vivindo en Pontevedra. Tiveron máis oportunidades ca min. Desde sempre estiven entre os dous mundos. Cando estou en Galiza teño ganas de volver ao Brasil. Cando estou no Brasil teño ganas de vir para Galiza.
Voltei seis meses, porque estaba na idade do servicio militar. Non podíamos pasar máis de seis meses na nosa terra e voltei para alá. Daquela íamos ó Centro Español. Naquela institución había moito racismo. As ricas non querían bailar cos pobres. Tiven moitas dificultades para me adaptar, ía pedir ás mozas para bailar e só bailaban cos fillos dos ricos. E eu era pobre evidentemente, entón sentíame discriminado. Fíxenme socio dun clube fai anos que se chamaba ‘Canabales Cruceiro da Vitoria’. Alí as mozas xa ían danzar conmigo e como non sabían se eu era pobre ou era rico tiña acceso á Sociedade. Era unha sociedade moito máis aberta que a española, e non se perseguían as persoas por ideas políticas. Porque naquel tempo na Bahia o que non era franquista, xa era renegado.
Nese clube pasei a ser director o día 30 de outubro do ano 1958, asasinaran o primer tesoureiro que se chamaba Sr. Costa, e eu como segundo tesoureiro asumía a tesourería do clube. Pasaron dous anos, e recibín unha prestación moi boa. Aí había un señor que se chamaba Joaquín Magallanes, o dono de Casa Decorativa. Entón chamoume para ir para alá, eu gañaba moi pouco, e fun para esa firma. Comecei a expandirme, a vender, era unha funeraria. O diñeiro que gañaba non sabía moi ben como empregalo porque non tiña estudios maiores. Porque se eu tivese outra educación tería empregado o diñeiro moito mellor do que o empreguei. Despois da funeraria levei ó meu irmán para alá para traballar conmigo. Co meu socio Dalmiro Pérez metémonos na construcción e fixemos varios edificios. Despois veu a doenza de meu irmán que morreu, eu desestimuleime e paramos de construír e botamos máis socios na funeraria porque a min me parecía que non merecía a pena traballar moito. A miña riqueza, todo o meu patrimonio está nos amigos que me rodean; o maior patrimonio que un ser humano pode ter.
Eu considérome un home que teño suficiente, non son rico, mais teño suficiente para a miña familia. Con dignidade hoxe eu teño ese patrimonio que para min é satisfactorio. Non sería moito máis feliz se tivera moito máis. Evidentemente se eu tivese unha boa fortuna podía axudar a outras persoas”.

Manuel Antas Fraga desenvolveu unha longa actividade na colectividade galega. Foi presidente do ‘Sport Club Galicia’, un equipo de fútbol de primera división, sendo campeóns en 1968.
Foi tesoureiro, e despois vicepresidente do Consello do Centro Español; vicepresidente do Consello Liberativo do Sanatorio Español; presidente de Cabaleiros de Santiago, e hoxe é Presidente do Consello Liberativo, que e o órgano máximo da entidade. Desde a constitución do primer CRE foi elixido conselleiro polo Salvador. Posteriormente, foi elixido Conselleiro Xeral da Emigración en Madrid.
Antas Fraga é un fiel expoñente do libre pensamento, movemento ao que pertence desde 1960. Converteuse nunha das máis destacadas figuras da cidade de Salvador. Polos seus méritos personais foi condecorado coa máis alta distinción que outorga o Estado de Bahia, a Orde Castro Alves.
O seu talante aberto e a súa traxectoria sen tachas convertérono nun auténtico embaixador do Estado español no Brasil. Durante as distintas visitas realizadas por figuras como Felipe González, José María Aznar, Manuel Fraga Iribarne, Romay Beccaría ou Xosé Manuel Beiras, Antas Fraga actuou como o máis dinámico anfitrión.