XAIME VARELA, PROFESOR DE GALEGO NO INSTITUTO ESPAñOL VICENTE CAñADA BLANCH DE LONDRES

“Hai alumnos que foron seleccionados para traballar en Londres porque estudaran galego”

O proxecto educativo ‘Fala Londres’, baseado no enfoque sociocultural do ensino do galego e no emprego das novas tecnoloxías aplicadas á aprendizaxe desta lingua, serviulle a Xaime Varela para gañar unha praza no Instituto Español Vicente Cañada Blanch da capital londinenses e impartirlles clases de galego aos alumnos de Primaria, Secundaria e Bacharelato que elixen esta materia entre as optativas que contempla o sistema educativo.

“Hai alumnos que foron seleccionados para traballar en Londres porque estudaran galego”
Xaime Varela, xunto a un mural do Carnaval de Notting Hill, en Portobello.

O proxecto educativo ‘Fala Londres’, baseado no enfoque sociocultural do ensino do galego e no emprego das novas tecnoloxías aplicadas á aprendizaxe desta lingua, serviulle a Xaime Varela para gañar unha praza no Instituto Español Vicente Cañada Blanch da capital londinenses e impartirlles clases de galego aos alumnos de Primaria, Secundaria e Bacharelato que elixen esta materia entre as optativas que contempla o sistema educativo. Varela aposta polo galego nunha cidade multicultural como é a capital británica onde “ser diferente é un valor” en si mesmo, tamén no momento de presentar un currículum. É por iso polo que se ten dado o caso de “alumnos que foron seleccionados para traballar” polo feito de “estudar galego”; porque, en Londres, “ser diferente, é positivo”, comenta.

Cinco anos leva Xaime Varela impartindo clases de galego no Cañada Blanch de Londres. Éste será o último porque no convenio asinado sobre o particular así se especifica. Outros virán detrás del para seguir poñendo en valor na capital británica un idioma que se presenta atractivo, a xulgar polo número de alumnos que se inclinan por esta materia nun instituto que acolle a rapaces de distintas nacionalidades.
O alumnado ve o galego equiparable a calquera outro idioma porque do que se trata é de ampliar a marxe de coñecementos. Canto máis saibas e canto máis singular te amoses, máis posibilidades tes de formar parte do mundo laboral. Esa é a máxima que se percibe en Inglaterra, segundo Varela, quen está a desenvolver o seu proxecto educativo ‘Fala Londres’ coa mesma ilusión coa que o concebiu e que lle valeu para gañar a praza que agora ocupa no instituto.
Pregunta. En que está baseado o proxecto ‘Fala Londres’?
Resposta. Nun enfoque sociocultural da ensinanza da lingua e tamén na aplicación das tecnoloxías á aprendizaxe. Con este obxectivo, por exemplo, pasaron polas aulas galegos cualificados que están en Londres para falarlles aos nenos do seu traballo ou de algo relacionado co seu traballo. O importante é que os alumnos comprendan que en galego se pode vehicular calquera tipo de coñecemento, dende humanísticos a científicos.
P. Como están a percibir os alumnos todo este labor que se está a facer?
R. Penso que o están a percibir ben. De feito, esta materia é unha das que escollen máis alumnos entre as optativas. Uns son de orixe galega e outros, non. Hai alumnos nacidos aquí que son galegofalantes. Cando os dous pais son galegos, os fillos son galegofalantes. Pero tamén os hai de diversas nacionalidades. Entre Primaria, Secundaria e Bacherelato contamos con 65 alumnos que estudan galego, disciplina que compite coas optativas cultura clásica, latín, reforzo de español ou de matemáticas.
P. E que lles pode achegar estudar galego en Londres?
R. Ao estar nunha cidade multicultural decátanse de que saber galego é saber máis. Calquera cousa é coñecemento. Ser diferente é un valor en Londres; é positivo. Aquí a diferenza está valorada; a diferenza é un valor económico. Non queren perfís iguais. Hai alumnos que foron seleccionados para traballar precisamente porque estudaron en galego.
P. En que clase de traballo?
R. Pois nun banco. O ter estudos de galego foi o primeiro no que repararon en recursos humanos no caso deste alumno. Na cultura anglosaxona, máis que a formación, é moi valorado que os rapaces estean un ano dando a volta ao mundo; que teñan una personalidade emprendedora...
P. No apartado das novas tecnoloxías, presentou un blog que, ao parecer, tamén está a ter moito éxito. En que consiste?
R. É un blog con máis de 500 entradas. Serve para aunar as actividades que se fan nas clases. Hai quince días estivo nas aulas Noemi Martínez Santiago, unha deseñadora gráfica dixital, quen puido ensinarlles o seu traballo. Os alumnos tiveron oportunidade de facerlle unha pequena entrevista no blog.
Agora mesmo estamos tendo unha actividade sobre Uxía. Trátase de escoitar unha entrevista que lle fixeron á cantante e responder a unhas preguntas.
O que se pretende é que os rapaces se familiaricen coas novas tecnoloxías; que se acostumen a empregar programas distintos que teñen un montón de aplicacións.
P. Vostede chegou a Londres hai cinco anos para impartir clases de galego no Vicente Cañada Blanch. Como está a resultar a experiencia?
R. No ano 2010 presenteime a un concurso co proxecto ‘Fala Londres’ e gañei. Dende o ano 92, que se imparten clases de galego no Instituto, xa pasaron por aquí outros profesores, entre eles o falecido Ramiro Fonte.
P. O proxecto obtivo o recoñecemento da Fundación Barrié e do Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas y de Formación del Profesorado como ‘Boa prácTICa 2.0’. Que supón isto para vostede?
R. Supoño que, para esa xente, traballei de maneira interesante. A proposta educativa foi ben considerada por ambas as institucións. Penso que a didáctica proposta estivo moi adaptada ao contexto.
P. Cada ano polo mes de maio e coincidindo coa semana das Letras Galegas, un grupo de alumnos dese Instituto visitan Galicia nunha viaxe de estudos que lle permite embeberse da cultura galega e coñecer algúns lugares emblemáticos da Comunidade. Que ten programado para o presente ano?
R. O itinerario márcoo eu e varía dun ano a outro. Aínda estou traballando no deste ano. Trátase dun proxecto que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Emigración e que se desenvolve durante tres días completos.
O ano pasado estivemos en Santiago e na  Coruña, onde puidemos visitar a Torre de Hércules, a Casa dos Peixes e o museo Domus. Visitamos Camariñas e Fisterra e tamén estivemos en casas de familiares de algúns dos alumnos que participaron na excursión. Concretamente, aparecémoslle de sorpresa na súa casa de Carnota á avoa dunha das rapazas que ían na excursión e levou unha grande alegría. Tamén estivemos en Pontevedra, concello co que temos realizado un proxecto cultural, e no monte Santa Tegra.
P. Cantos alumnos partipan nesta iniciativa?
R. Empecei levando 10 e agora imos 28. O certo é que viaxar a Galicia cando hai bo tempo, como pode suceder en maio, todo é máis doado.