As actividades da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro tiveron gran relevancia

A gran Festa Galega de Cornellá volveu a amosar todo o seu encanto despois de dous anos suspendida pola pandemia

O fin de semana do 17, 18 e 19 de xuño, se celebrou a festividade do Corpus, Festa Maior de Cornellá de Llobregat (Barcelona) e na que as actividades da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro teñen unha relevancia moi significativa, desde a súa fundación no ano 1980, e moi especialmente dende 1990, ano no que a devandita Asociación chantou no principal parque de cidade, como é o Parque de Can Mercader o monolito a Rosalía de Castro.

A gran Festa Galega de Cornellá volveu a amosar todo o seu encanto despois de dous anos suspendida pola pandemia
Val das Mouras
A actuación de 'Val das Mouras' congregou a numeroso público.

Dende entón, cada ano polo Corpus celebrase a gran Festa Galega de Cornellá, que atrae ao recinto a miles de galegas e galegos residentes en Catalunya, así como a veciños da cidade.

Despois de dous anos suspendida por mor do Covid-19, este ano volveu a celebrarse cun esplendoroso programa de actos no que se recolle o mellor da música, e outras actividades da cultura galega; actuacións como a orquestra ‘Panorama’, ou os grupos de música celta como ‘O Val das Moura’ e ‘Pelepau’ e, un ronsel máis de actuacións, que fixeron que a popular Festa Galega de Cornellá volvera a amosar todo o seu encanto.

O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu coa expectativa prevista pola entidade organizadora. Así, durante os días 17, 18 e 19 de xuño, milleiros de galegos e non galegos asistiron aos diferentes actos, facendo que esta Festa Galega siga sendo unha cita destacada dentro dos actos programados en Cornellá, co gallo da súa Festa Maior, e tamén como acto conmemorativo dos 42 anos de andadura de entidade galega de Cornellá.

Noite celta

Os actos comezaron o venres pola noite cunha cea de irmandade á que asistiron socios e amigos da entidade organizadora, durante a cal se homenaxeó, coa Medalla de Prata da Asociación, aos socios que cumpriron este ano os 25 anos de militancia na entidade. Os agraciados foron: Francisca Largo, Serafín Prados, José González, Vicente Neira, Óscar López, Elena Bruño, Maía Dolores Cacabelos, Ramiro Landeira, Antonio Lama, Dolores Fernández, Manuel García Quiroga y Juan Carlos García Bernárdez.

De seguido, comezou a Noite celta, cun concerto musical coas actuacións dos grupos:

‘O val das Mouras’, unha formación de celta-folk cunha proposta musical baseada na obra de Rosalía de Castro, asemade a través das súas melodías retrata á muller galega, a emigración, os mariñeiros e aldeáns; ‘Rosalieiras’, un grupo de pandereteiras e cantareiras, mozas da A. C. G. Rosalía de Castro, que levan desde cativas no seu grupo de danza e música, e que desde hai uns anos están a traballar na recolleita e interpretación de pazas tradicionais da musica celta e o folclore galego, un brillante e talentoso traballo que amosaron na súa actuación; e ‘Pelepau’, un grupo de música tradicional galega. Nado na cidade de Vigo en 2010, está formado por 11 percusionistas, mestres en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega, e de recoñecida traxectoria no panorama musical galega.

A Asociación Rosalía de Castro considera que o grande esforzo que fixo para poder traer o elenco de este ano, mereceu a pena, xa que lle deu e esta Gran Festa Galega unha categoría que en Cornellá, este ano, fora do mellor para os cornellanenses dentro dos actos da Festa Maior da cidade.

Ofrenda floral a Rosalía de Castro

O sábado pola mañá, numerosas persoas asistiron á ‘Ofrenda Floral’, un acontecemento que anualmente realiza a entidade, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellá, Antonio Balmón Arévalo, xunto co presidente da Asociación, Oliver Fernández Expósito, presiden, depositando o tapiz de flores, representando a Galicia e Catalunya, diante da escultura de Rosalía de Castro, que preside un espazo destacado no Parque Can Mercader.

Acto ao que asistiron outras autoridades como os portavoces do grupos municipais de Cornellá, ademais da corporación municipal, e diversas entidades socioculturais e partidos políticos con presenza na cidade, depositando cada un deles o seu correspondente ramallo de flores no monólito á Rosalía de Castro, acontecer ao que cada ano se suman mais entidades e institucións.

Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe á musa das nosas letras, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados pola Banda de Gaitas Rosalía de Castro, xunto cos grupos ‘Els Castellers de Cornellà’, Banda de Gaitas Rosalía de Castro (Cornellá), Banda de Gaitas RedeGaita (Ourense) e Arritmia (Batucada, Ripollet).

Xa pola tarde, despois do tradicional xantar campestre ao que asistiron unhas duascentas persoas, socios e amigos da entidade, representantes municipais e da vida asociativa de Cornellá, e o presidente de honra da entidade organizadora, José Montilla i Aguilera, así como representantes da práctica totalidade de entidades galegas en Catalunya e outras institucións da cidade de Cornellá, o recinto da festa adornouse coas actuacións dos seguintes grupos: Escola de Gaitas e danzas ‘Toxos e Xestas’ de Barcelona, a Banda de Gaitas RedeGaita (Ourense). Así como outros grupos rexionais, rematando a tarde de música e cultura a Banda de Gaitas da A.C.G. Rosalía de Castro, cos seus respectivos grupos, Séniors, Xuvenís e Rosaliaeiras.

A partir das 21 horas, comezou a festa rachada coa actuación da orquestra ‘Krater’ (Barcelona), que fixo a apertura da festa para darlle paso, ás 23 h., á grande atracción que ofreceu a popular orquestra galega ‘Panorama’. Máis de 3 horas dun grandioso espectáculo en directo, ao que asistiron, segundo datos competentes, máis de 20.000 espectadores, e no entremedio, foi adornado cunha espectacular demostración de fogos de artificio, para axotar os virus e malos augurios. Unha noite máxica na que Can Mercader marcou o referente principal dos máis dun cento de actos organizados polas diferentes entidades socioculturais e Concello, en Cornellá co gallo da súa Festa Maior pospandemia.

O domingo, pola mañá comezaron as actuacións dos grupos, así como espectáculos e xogos infantís. A demostración de bailes e música folk estivo amenizada polos grupos: Irmandade Galega de Rubí, Blas Infant de Cornellà, A extremeña San Isidro Labrador de Cornellá e Casa Galega de l’Hospitalet. Pola tarde actuaron: ACG Agarimos de Badalona, o corpo de danza da asociación ‘Cornellá per les Dones’, Banda de Gaitas Sénior da A.C.G. Rosalía de Castro e rematou este ano a mostra de Danza e música do Grupo de Danza y Gaitas de A.C.G. Rosalía de Castro. Deseguido, comezou a festa rachada coa orquestra valenciana ‘Evasión’, rematando a festa cunha queimada galena, como ven sendo habitual desde que comezou esta Festa Galega.

Ademais de tódalas actuacións que estiveron á altura que a festa merece, no eido gastronómico, numerosas familias déronse cita á sombra das centenarias árbores de Can Mercader para degustar xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familias.

Asemade, os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etcétera, así como información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, e todo tipo de produtos da gastronomía galega.