Contou coa presenza da alcaldesa, do exalcalde Celestino Corbacho e dun total de 300 persoas

A Casa Galega de Hospitalet celebrou cunha cea o seu 25º aniversario

O pasado día 17 de novembro tivo lugar na cidade de Hospitalet (Barcelona) o acto de clausura da conmemoración do 25º aniversario da Casa Galega de Hospitalet que, presidida por Manuel Prados na última década, conseguiu asentarse na cidade como unha das suas principais entidades socioculturais.

A Casa Galega de Hospitalet celebrou cunha cea o seu 25º aniversario
Un momento da celebración.

O pasado día 17 de novembro tivo lugar na cidade de Hospitalet (Barcelona) o acto de clausura da conmemoración do 25º aniversario da Casa Galega de Hospitalet que, presidida por Manuel Prados na última década, conseguiu asentarse na cidade como unha das suas principais entidades socioculturais.

Este acto contou coa presenza da alcaldesa de Hospitalet, Núria Marín, e do exalcalde  Celestino Corbacho, ademais de diversos representantes da vida social e cultural. Entre socios, amigos da entidade e membros das xuntas directivas da maioría de entidades galegas en Cataluña se xuntaron ao redor de 300 persoas que degustaron unha cea de homenaxe os 25 anos de andaina da Casa Galega.

Segundo o seu presidente, Manuel Prados, este evento serviu para compartir soños, sentimentos e agradecer os esforzos da xente que fixo realidade esta entidade. Logo de agradecer a presenza de todos os asistentes, Manuel Prados lembrou a todas aquelas institucións, empresas e persoas que apoiaron á Casa Galega e destacou o seu agradecemento a Amarelo de Castro, que foi secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia; Fernán Bello, da Generalitat de Cataluña; Celestino Corbacho, exalcalde do Concello de Hospitalet; e Xulio Fernández, presidente de Filmax.

Tamén tivo un recordo especial para as persoas que ao longo destes 25 anos fixeron posible que na Casa Galega se puidese aprender a bailar e a tocar a gaita, ademais de outros instrumentos da música tradicional galega. Desta forma, destacou o traballo das profesoras Eva e Iolanda, que levan máis de 20 anos impartindo estas clases cada fin de semana e sen cobrar un só euro. Tampouco se esqueceu dos socios que dedicaron e dedican o seu tempo libre a facer realidade a vida diaria da Casa Galega nin de Rosa, Antonio, Daniel e Marcial, catros dos socios fundadores da entidade que estiveron presentes na gala.

A Casa Galega de Hospitalet

Fundada en 1987, a Casa Galega de Hospitalet evolucionou firmemente no seu compromiso para coa cultura galega en Cataluña e converteuse nunha asociación dinámica en actividades e heteroxénea en idade, cun tecido asociativo constituído por máis de 400 familias.

A Casa Galega ten a súa orixe nun dos lugares máis emblemáticos para os galegos emigrados a Barcelona na década dos sesenta como era a tradicional sala galega de baile de ‘Font Trovada’, situada en Montjuic, e onde en 1992 construíron a piscina olímpica, motivo polo que se trasladaron á cidade de Hospitalet.

Tras desenvolver a súa actividade en varios locais, a entidade instalou a súa vida asociativa na Masía Escorça, un dos edificios históricos máis emblemáticos da cidade de Hospitalet de Llobregat. Remodelada completamente no 2003, esta casa ofrece unhas instalacións idóneas para o satisfactorio desenvolvemento das diferentes actividades que promove a Casa Galega, así como para o progresivo incremento dos seus asociados.

A danza e a música tradicional son o principal motor da Casa Galega, na que se imparten clases de sendas modalidades en varios niveis a uns 80 alumnos. En concreto, a Casa Galega conta cunha banda integrada por 50 músicos e catro grupos de danza –pequenos, medianos, maiores e pais– que a representan en diversas mostras e certames de ámbito catalán e galego.

O grupo de baile de maiores viu recoñecido o seu firme traballo en diversas ocasións. Galardoado co primeiro premio de danza na primeira, terceira e carta edición do Concurso de Música e Baile Tradicional Galego en Cataluña, este grupo logrou o primeiro posto na ‘categoría D’ do XV Concurso de Baile Tradicional organizado pola Asociación Xacarandaina en xullo de 2004, conseguindo ser o primeiro grupo de fóra de Galicia en obter este premio.

Desde 2000, a banda da Casa Galega de Hospitalet compite na Liga de Bandas de Gaitas que se celebra en Galicia. Na actualidade, a formación musical da entidade participa no primeiro e segundo grao da competición dentro da formación Banda de Gaitas Xuntanza de Cataluña, composta por a Casa Galega de Hospitalet, Rosalía de Castro de Cornella e Agarimos de Badalona.

Tendo como eixo central o baile e a música, a Casa Galega completa a súa oferta lúdico-cultural con cursos de lingua, historia e cultura galega, ademais de actividades que teñen como finalidade fomentar e estreitar a relación entre socios e alumnos. Así, realízanse diferentes saídas ao longo do curso, como a tradicional excursión á neve de toda a mocidade, e celébranse festas gastronómicas que exaltan a tradición culinaria de Galicia. O Magosto e a Festa da Empanada son as máis populares entre os socios da entidade, así como a Festa de San Iago que cada ano se celebra na cidade de Hospitalet a primeiros de xullo. Por ela pasaron os principais artistas da cultura musical galega como Xoán Pardo, Carlos Núñez, Milladoiro, Alberto Comesaña, Marta Sánchez, Hevia e Susana Seibane, entre outros. En tres días se dan a coñecer mediante diversas activiades a cultura, os instrumentos e as tradicións galegas.

No seu claro desexo de difundir a cultura e a tradición de Galicia, a Casa Galega de Hospitalet abre as súas portas a todas aquelas persoas galegas e non galegas interesadas en descubrir, vivir e compartir a riqueza cultural de Galicia.