O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu coa expectativa prevista

A festa galega da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà polo Corpus recolleu éxitos espectaculares

Un ano máis, a popular festa galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Major’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares, tanto no tocante á participación cidadá que lle deu vida, coa súa masiva presenza, no mítico Parque de Can Mercader, como no apoio institucional por parte do Concello de Cornellà, co seu alcalde, Antonio Balmón, así como toda a Corporación Municipal, así como doutras autoridades, entre elas o expresidente da Generalitat José Montilla e demais institucións de Catalunya.

A festa galega da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà polo Corpus recolleu éxitos espectaculares
Cornella-BANDA DE ROSALÍA DE CASTRO
Actuación do grupo da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro.

O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu coa expectativa prevista pola entidade organizadora, así durante os días 9, 10 e 11 de xuño, milleiros de galegos e non galegos asistiron aos diferentes actos, facendo que esta Festa Galega siga sendo unha cita destacada dentro dos actos programados en Cornellà, co gallo da súa Festa Maior e tamén como acto conmemorativo dos 43 anos de andadura de entidade galega de Cornellá.

Noite celta

Os actos comezaron o venres pola noite, coa celebración dunha cea de confraternidade na que homenaxeou as persoas que este ano cumpriron 25 anos como socios da entidade, que deu paso á noite celta, un concerto musical coas actuacións de ‘As Rosaleiras’, un grupo de pandereteiras e cantareiras, mozas da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro que levan desde cativas no seu grupo de danza e música e que desde hai uns anos están a traballar na recolleita e interpretación de pezas tradicionais da música celta e o folclore galego, un brillante e talentoso traballo que amosaron na súa actuación coa que se inaugurou unha das festas galegas máis espectacular celebradas fóra de Galicia e coas que deron paso no escenario ao concerto do Grupo Aíla, un concerto baseado na recolleita de historia do canto e transmisión oral de Galicia.

Unha noite celta de concertos en Cornellà celebrado nun escenario espectacular como é o Parque de Can Mercader, e coa multitude que a arroupou coa súa presenza e o goce da súas actuacións, que lle deixaron un bo recordo a tódolos asistentes.

Ofrenda floral a Rosalía de Castro

O sábado pola mañá, despois da resaca do venres, numerosas persoas asistiron á ofrenda floral a Rosalía de Castro, un acontecemento que anualmente realiza a entidade, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellà, Antonio Balmón Arevalo, xunto co presidente da Asociación, Oliver Fernández Expósito, presidiron depositando o tapiz de flores, representando a Galicia e Catalunya, diante da escultura de Rosalía de Castro, que preside un espazo destacado no Parque Can Mercader.

Acto ao que asistiron outras autoridades como os portavoces do grupos municipais de Cornellà, ademais da Corporación Municipal, un representante do goberno da Generalitat de Catalunya e diversas entidades socioculturais de Cornellà, e do resto de entidades galegas en Catalunya, os partidos políticos con presenza na cidade, depositando cada un deles o seu correspondente ramallo de flores no monólito á Rosalía de Castro, que convive cos visitantes e moradores deste fermoso Parque desde o ano 1990. 

Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe á musa das nosas letras, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados pola Banda de Gaitas Rosalía de Castro, xunto cos grupos Casa Galega de Hospitalet, Els castellers de Cornellà, Escola de Gaitas de Ortigueira A Coruña e Atabalats de Espulgas de Llobregat. Destacar, este ano, a participación na Festa da Banda de Gaitas de Ortigueira, que se desprazou a Cornellà, froito dos intercambios culturais e musicais que a A.C.G. Rosalía de Castro fai ao longo de cada ano a diversos lugares de Galicia e outras comunidades do Estado.

Xa pola tarde, despois do tradicional xantar campestre ao que asistiron unhas duascentas persoas, socios e amigos da entidade, representantes municipais e da vida asociativa de Cornellà, e o presidente de honra da entidade organizadora, José Montilla, así como representantes da práctica totalidade de entidades galegas en Catalunya, o recinto da festa adornouse coas actuacións dos seguintes grupos: Cornellà per les Dones, Escola de gaitas de Ortigueira (Ortigueira, A Coruña), Ariños da nosa Galicia de Santa Coloma de Gramanet, Grupo de danza e banda da ACG Rosalía de Castro de Cornellà de Llobregat.

O domingo pola mañá, o Concello de Cornellà suspéndeo tódolos actos polo asasinato dunha muller e convocou tres días de loito. Así que A. C. G. Rosalía de Castro sumouse ao reproche de tal feito e anulou tódolos actos pendentes da Festa, para sumarse a concentración de repulsa á violencia de xénero celebrada ás sete da tarde na Praza Cataluña, convocada polo Concello.

Asemade os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etcétera, así como información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, e todo tipo de produtos da gastronomía galega.