Unha muller preside por primeira vez o Consello da Cultura Galega

Rosario Álvarez: “A emigración sempre foi vista como un fracaso colectivo, pero esa non é a percepción de hoxe”

Rosario Álvarez Blanco é, desde 2018, a primeira muller que preside o Consello da Cultura Galega, un organismo creado hai case 40 anos, que se ocupa do estudo, promoción e difusión da cultura galega, no territorio e no exterior. Convencida de que a institución non é de todos coñecida, o seu mandato camiña pola senda de abrila a todo o ecosistema cultural. “Os que coñecen o que é o Consello foron mellorando a valoración que se fai dentro destes tres anos”, asegura.
Rosario Álvarez: “A emigración sempre foi vista como un fracaso colectivo, pero esa non é a percepción de hoxe”
entrevista Rosario Balcón catedral
Rosario Álvarez, no balcón do despacho que ocupa no Consello da Cultura, fronte a fachada principal da Catedral compostelana.

Catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago, Rosario Álvarez Blanco é, desde 2018, a primeira muller que preside o Consello da Cultura Galega, un organismo creado hai case 40 anos ao abeiro do Estatuto de Autonomía de Galicia, que se ocupa do estudo, promoción e difusión da cultura galega, no territorio e no exterior. Convencida de que a institución non é de todos coñecida, o seu mandato camiña pola senda de abrila a todo o ecosistema cultural. “Os que coñecen o que é o Consello foron mellorando a valoración que se fai dentro destes tres anos”, asegura.



Pregunta. Hai tres anos que accedeu á Presidencia do Consello da Cultura Galega. Que balance fai deste tempo ao fronte dunha institución tan imprescindible para a difusión da cultura de Galicia, tanto dentro como fóra das súas fronteiras?

Resposta. Foron tres anos un pouco especiais, porque case ano e medio está dentro desta anomalía [do Covid]. Por tanto, o balance e moi diferente do que se facía prever na primeira parte deste período. Eu estou dentro do Consello desde hai moito tempo, e algunhas cousas que se veñen producindo, de avances, non son unha sorpresa, porque vese que había unha progresión anterior. Pero si percibo un maior coñecemento e respecto institucional e maior e mellor valoración por parte da sociedade, aínda que a maior parte non sabe que o Consello existe, porque non é un órgano de Goberno e non é fácil de entender como encaixa dentro das instancias públicas.

Nos actos de conmemoración dos 40 anos do Estatuto de Autonomía, o Parlamento galego tivo a cortesía e xenerosidade de organizar unha sesión específica para os tres órganos estatutarios creados ao abeiro do Estatuto: a Valedoría do Pobo, o Consello de Contas e o Consello da Cultura Galega. O que se crea de primeiro con moita diferencia é o Consello da Cultura Galega, coa idea de que a cultura estaba no centro da singularidade de Galicia. Ninguna outra autonomía ten un órgano igual.

O Consello da Cultura é un órgano independente e non forma parte da Xunta. A min nomeoume o presidente, pero non me escolleu el, escólleume o plenario, que nace do ecosistema cultural.

P. Pensa, entón, que é unha institución pouco coñecida?

R. Hai unha gran parte da sociedade galega que ignora que nós existimos, porque descoñece de que órganos se dotou Galicia no Estatuto de Autonomía. Pero os que si coñecen o que é o Consello, foron mellorando a valoración que se fai dentro destes tres anos, nos que, en tempos de pandemia, fixemos un esforzo moi notable de interlocución con todos os axentes do ecosistema cultural galego: xestores, organizacións profesionais e plataformas diversas, desenvolvendo unha actividade moi intensa, a través de internet, de apoio, de espazo de encontro e estímulo de todas as preocupacións dos distintos sectores. Substituímos desde o primerio momento a actividade presencial por máis actividade virtual; volcámonos no poder da nosa web, aproveitando que xa tiñamos unha xanela aberta e que a podiamos espalancar máis, e traballamos en produtos específicos para ver cal era realmente a crise que estaba sufrindo o sector. E creo que iso, a sociedade, si que no lo está recoñecendo.

P. As competencias do Consello resúmense en tres: estudo, defensa e promoción da cultura galega. En que medida a Galicia do exterior contribuíu a esa promoción?

R. Se repite moito que a Galicia contemporánea non se pode comprender sen a emigración, en ningún dos seus aspectos, e moito menos no cultural. Sería cegueira e un pouco de obstinación non recoñecer que os nosos propios símbolos naceron na emigración americana. Son emigrantes galegos americanos os que contribúen a que se cree a Real Academia Galega, a bandeira, o himno, etc. Todos sabemos o gran impulso que tivo o uso escrito do galego nas publicacións americanas, non só literarias senón xornalísticas. Unha das exposicións do Consello, ‘A Galicia imaxinada’, itinerante por varios países americanos e agora parada pola pandemia, ten que ver precisamente con iso, coas revistas galegas da emigración, algo que sorprende para calquera país que tivese unha morea emigrante como é o caso de Galicia. 

Pero hai moito máis. Outro feito singular é que nas primeiras décadas do século XX, Galicia, que vivía nun atraso educativo clamoroso, encheuse de escolas financiadas polos emigrantes. Coa exposición ‘Luces de alén mar’, tratamos de explicar, dar a coñecer e homenaxear aos colectivos de emigrantes que contribuíron cun peso a crear escolas nas súas parroquias de orixe. Nós o que fixemos foi mapear esas escolas porque temos moito material sobre iso. No reconto eran cerca de 400 as escolas que estaban inventariadas.

Ese feito foi crucial e transformou culturalmente este país, porque levou o ensino ao mundo rural e deu ocasión por primeira vez a que as mulleres puidesen acceder á escola. 

E logo están todas as remesas que enviaron, que foron o motor de transformación de moitas familias. As remesas dos emigrantes contribuíron á mellora das condicións de vida e da cultura, e á apertura mental, con perspectivas distintas do tradicional que se tiña ata o momento.

P. Na Galicia territorial, se lle dá suficiente importancia a este labor que fixeron os galegos no exterior?

R. Non dabondo, pero debo dicir que nas últimas décadas houbo tamén un cambio con respecto a isto, porque cada vez máis, desde instancias como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou desde as universidades, se ven insistindo moito en que é de xustiza recoñecer estas achegas. Desde Galicia, a emigración era vista como unha especie de fracaso colectivo. Se pensaba que Galicia era un país que non daba para máis, e a solución era emigrar. Eu creo que non é esa a percepción que se ten hoxe desde a emigración nin desde Galicia. Efectivamente, a emigración pode ser un feito que demostra unha crise a nivel persoal, pero a nivel colectivo, non é un fracaso, senón unha forma de salvar unha situación. Hai moitos factores que teñen que ver cos beneficios para o país propio, e tamén para os países de acollida. Unha das liñas nas que traballamos no Consello, na Academia Galega e na Secretaría Xeral de Emigracion é en mostrar aos arxentinos, cubanos ou mexicanos, que os seus países non serían o que son se non estivese a forza creativa, económica e emprendedora dos galegos que foron para alá.

Para reforzar ese traballo, desde hai anos temos presentado ao presidente da Xunta un anteproxecto de lei, que agora é xa un proxecto, para a creación dun museo da emigración en Galicia. ‘Diásporas’, chamámoslle, porque cremos que Galicia ten que ter un museo que recolla esta memoria e a visualice. A contribución dos emigrantes galegos en todo o mundo é algo que merece ser contado e eles merecen unha homenaxe de toda a sociedade galega. 

Se Galicia tivese un centro dese tipo, ao que puideran vir todos os escolares para ver a realidad da emigración galega, penso que esta perpectiva mudaría de maneira moi considerable. Nós propoñemos un centro moderno, cunha sede física, pero que puidese ser visitado de maneira dixital, e iso podería ser un faro para mostrar a contribución da emigración galega para todo o mundo.

P. Galicia ten un día para enxalzar as súas letras que non existe en ningunha outra comunidade. Como contribúe a celebración dese día a gabar a nosa lingua, incluso no exterior?

R. Creo que contribúe moito. O feito de que nós teñamos unha gran festa nacional o 17 de mayo darredor da lingua e das nosas letras é un feito singular que tamén nos define. Porque non é só que as nosas grandes festas non se constrúan derredor de feitos guerreiros, de datos de conquistas, senón que se fan derredor do orgullo dunha lingua e unha literatura propia, e iso indica moito como somos nós. Este ano, e aproveitando que en tempos de pandemia houbera xa un modo de establecer a comunicación a través das redes e de internet, a proxección exterior do Día das Letras, tanto de Galicia cara a fóra como de fóra para Galicia, foi moito máis grande.

P. Moitas son as entidades do exterior que celebran este día e renden homenaxe a persoa escollida. Como é valorado isto desde dentro?

R. Celebran o día e con actividades de distinto tipo. No acto institucional deste ano, que se retransmitíu por ‘streaming’, o presidente da Real Academia saudou a todas as persoas e entidades que estaban conectadas desde o exterior. Había institucións de Arxentina, Suiza, Brasil, etc., conectados e retransmitindo o acto do Día das Letras en Vigo.

P. Como catedrática de Lingua Galega, que supón para vostede o feito de que desde dentro poidámonos comunicar cos nosos paisanos do exterior en galego?

R. Como cidadá, resúltame emocionante, como filóloga, creo que tamén é una especie de rareza, porque hai moitas comunidades de emigrantes no mundo, como a italiana, que tamén mantiveron a súa lingua e as súas tradicións, aínda que non na mesma maneira que nós. Moitos deles perden a lingua. Entón é bastante singular o que ocorre co idioma e iso demostra ata que punto a nosa identidade é cultural e lingüística. No noso caso non son galegos só os nacidos en Galicia, son galegos tamén os que naceron fóra, pero proceden de Galicia. Séntense eles galegos e sentímolos nós.

Estes días estabamos aquí co embaixador da República Arxentina, Ricardo Luis Alfonsín, que é bisneto dun galego, e para nós segue sendo un galego. Non lle pedimos certificado de nacemento en Galicia, senón que sabemos que nace nesa Galicia ideal que está por todo o mundo e para nós é galego.

P. Nese encontro con Alfonsín, acordouse colaborar para consultar os fondos consulares no que ten que ver coa emigración galega. Queda aínda moito por rescatar da diáspora a Arxentina?

R. Moitísimo, para varias vidas de todos nós, porque a emigración foi moi intensa. Nós temos dixitalizado moito. Pero na conversa con Alfonsín referímonos á parte de acá, porque nos fondos do consulado da Arxentina en Vigo ten que estar o rexistro de todos os que saíron. É máis fácil acceder a documentación que está nas sociedades creadas pola colectividade que aos fondos oficiais dos respectivos países. Por iso necesitamos un apoio que moitas veces ten que vir das embaixadas e dos consulados de España nos países de acollida, e viceversa. 

P. Pensan que hay documentación salientable neses arquivos.

R. Cando vexamos o fondo, dirémolo, porque nós non sabemos que conservan, nin que antigüidade ten o que conservan, nin en que situación está. O primeiro paso vai ser visitar o fondo, valoralo, ver se hai que dar outros pasos cara a outras instancias de rango superior ao Consulado de Vigo. E temos que aproveitar que nestes momentos temos un galego de aliado na embaixada arxentina en Madrid para facer esas xestións.

P. Tamén falaron da exposición sobre Luis Seoane en Arxentina. En que fase está?

R. Comentámolo, pero a exposición sobre Seoane xa a iamos inaugurar o 12 de xuño do ano pasado. A pandemia nos deixou parada a producción na última fase e o acto de inauguración. Nós xa tiñamos acordado co Museo Larreta e co goberno da Cidade de Buenos Aires a exposición, que é moi ambiciosa e aborda todas as etapas de Seoane, non só a obra na Arxentina. Queremos mostrar esa realidade e facelo nos espazos centrais da sociedade arxentina, para que sexa visitable polos galegos da comunidade e pola ciudadanía en xeral. Non queremos métela dentro da comunidade de galegos por se puidera parecer que fora una exposición só para galegos. 

P. Seoane, Castelao..., foron intelectuais recoñecidos que serven de referencia na actualidade, que pouso deixaron na xeración posterior? Hai unha intelectualidade galega no exterior ao abeiro destes personaxes? 

R. Creo que deixaron pousos doutro tipo. Pensa nun feito como o de ‘Xeito Novo’, en Buenos Aires. Ver todo ese movemento darredor da música galega protagonizado por xente de todas as idades, tamén xente moi nova, que xa non naceu en Galicia, e en moitos casos, nin sequera os seus pais, e que seguen reivindicándose como galegos, e que enchen un teatro con música galega, e que no escenario, tocando e cantando con eles hai non só fillos da colectividade, senón tamén moitas persoas que non teñen nada que ver coa colectividade..., todo iso danos unha idea de que aquí hai unha herdanza que é moi forte e se debe naturalmente a eses intelectuais das primeiras décadas. Actualmente pode non haber un Castelao, pero si que hai un tecido cultural que eles deixaron moi armado con creación artística de distintos tipos.



“A miña elección e froito dunha estratexia do Consello cara a igualdade”

Rosario Álvarez, sexta persoa en ocupar a Presidencia do Consello da Cultura Galega, é, por contra, a primeira muller que accede ao cargo desde que se creou a institución, hai casi 40 anos. Con anterioridade tiveron a máxima representatividade Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares, Alfonso Zulueta de Haz e Ramón Villares.

P. Tendo en conta que se está querendo visibilizar o papel da muller na sociedade actual, que importancia lle concece a esta circunstancia?

R. Pois concédolle esa importancia, xustamente. Creo que é importante que unha muller ocupe este cargo. No meu caso non é casual, nin excepcional dentro do Consello, nin se debe exclusivamente a miña persoa, porque hay algo máis de 15 anos que no Consello se puxo en marcha unha comisión de igualdade para deseñar unha estratexia cara a unha certa igualdade en canto a nomeamentos, linguaxe inclusiva e vixía da representatividade das actividades. Esa comisión cada vez foi adquirindo máis capacidade dentro da casa, e despois de moitas mudanzas, derivou no que hoxe se coñece como o Centro de Documentación en Igualdad e Feminismos, un dos catros arquitos centrais do Consello da Cultura Galega. 

Como consecuencia daquel xermolo inicial fomos pouco a pouco escalando en número de mulleres que formaban parte do plenario. Pero no plenario, que ten 15 representantes de distintas institucións, é moi difícil lograr una igualdade de número, porque cada institución escolle ao seu representante, e na maior parte delas non están mulleres.

Por tanto, iso é difícil de cambiar, pero hay una realidade dentro do Consello que fai que o meu caso non sexa unha excepción, xa que dentro del hai máis mulleres con representatividade, e iso é froito dun traballo que se veu facendo desde hai tempo, implicándose seriamente en que houbese en todos os órganos mulleres e en darlles capacidade de actuación, de protagonismo. O importante é percibir que se pode chegar a unha situación en que estas cousas flúan con normalidade.

“Se do meu mandato quedara o Museo da Emigración Galega, bailaba na punta do pé”

A vinculación de Rosario Álvarez co Consello da Cultura Galega ven de lonxe. Por iso, o funcionamento interno non lle resultou alleo 

P. Cómo lle beneficiou isto?

R. Eu estou vinculada co Consello desde os inicios. Cando se creou unha ponencia de lingua, Ramón Piñeiro [entón presidente] pediume que formase parte da ponencia, e eu formei. Pero logo houbo un momento en que pasei a formar parte do plenario como representante do Instituto de Lingua Galega. Eso debeu ser darredor do ano 2008. Así como entrei no plenario, Villares [o anterior presidente] pediume que o acompañase como vicepresidenta, polo que o funcionamento do Consello non me era alleo. Pero agora tes que estar no quefacer diario e iso dache outra perspectiva.

P. Que pegada lle gustaría deixar na institución durante os seus anos como presidenta?

R. Gustaríame deixar algo de portas adentro do ecosistema cultural. Pola miña maneira de ser, pero tamén polo feito de ser muller, a min gustaríame que haxa sempre unha actitude colaborativa, participativa; que haxa como sinerxias continuas entre uns e outros. Máis que o brillo individual, que se vexa que hay un tecido humano colaborativo por detrás. 

Iso creo que é un cambio que se está producindo dentro do Consello, porque, aínda que antes sempre houbese esa declaración de interese, neste momento, nós estamos poñendo espazos para que isto se dea si ou si. Os distintos departamentos temos que coordinarnos sabendo exactamente cal vai ser a actividade do futuro inmediato. Ten que haber colaboración cruzada e exploración cruzada entre uns e outros. Queremos contar con xente de distintas idades, hábitats, espazos territoriais, urbanos, rurais, Eixo Atlántico, interior, Galicia de dentro e de fóra, pero tamén con espazos de actividade cultural nos que teñan cabida creadores, industrias culturais, xestores da cultura, políticos que deciden sobre a cultura, os intermediarios que venden cultura, as galerías de arte, librerías, xente que traballa no mundo dixital ou en actividades presenciais. Dalgunha maneira, involucrar a todos eses nunha relación co Consello. 

Iso é o que a min me gustaría que quedase, máis que un logro persoal. Claro que se quedara do meu mandato o Museo da Emigración Galega, eu bailaba na punta do pé, a ver se me entendes, pero paréceme máis importante, como sociedade, esta conexión comunitaria, este reforzo das redes culturais darredor dos feitos identitarios.



“Este ano imos dixitalizar os fondos da Península en colaboración coa Secretaría Xeral”

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración están ‘condenados’ a entenderse, de maneira máis estreita no que atinxe a promoción e conservación da lingua no exterior. Recentemente, a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, asinou un convenio co secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, para visibilizar a lingua propia nos lugares de maior presenza de galegos. Esa colaboración intensifícase no que atinxe ao traballo que desenvolve o Arquivo da Emigración Galega –organismo dependente do Consello– do que se ocupa Xosé Manuel Núñez Seixas. 

“O Arquivo é o centro de referencia para a emigración en Galicia. A través del, nós imos recollendo materiais da emigración, as veces orixinais, pero sobre todo dixitalizados, para ir tendo un gran repositorio de documentación da emigración galega”, comenta Rosario Álvarez. 

Ese labor desenvólvese en colaboración co departamento que dirixe Rodríguez Miranda, “porque eles teñen o mandato de preservar o fondo patrimonial da emigración galega”. Non obstante, repara, “o que non ten a Xunta é un organismo no que isto se poida centralizar, nin os expertos en historia da emigración”. E polo tanto, é neste terreo no que o Consello traballa con eles, lanzando “campañas conxuntamente”.

Como parte dese labor en equipo, “este ano imos empezar a dixitalización dos fondos no espacio ibérico, centrándonos en Lisboa, Madrid, País Vasco, Cataluña, Castellón e Andalucía, entre outros”.

Outra das iniciativas que se fan conxuntamente ten que ver coa difusión de exposicións como ‘Galicia imaxinada das revistas da Emigración’, ‘Luces de alén mar’, e outras, “que son exposicións con gran rigor científico, moi visuais e moi divulgativas, e comprensibles para calquera”, di, e engade: “Agora estamos con ‘Inventio Mundi’ que é unha exposición de tema migratorio pero doutra maneira. Trata sobre a epopea dos navegantes galegos na época dos descubrimentos transoceánicos”. 

Rosario Álvarez pon o acento tamén en iniciativas literarias como a dos ‘Clásicos da emigración’, en que “imos recuperando, en forma de facsimil, obras que son de difícil acceso e que tocan o tema migratorio desde distintos puntos de vista”.

Asimesmo, no ‘Álbum de Galicia’ “tamén lle damos visibilidade a grandes figuras da emigración de todos os tempos”, como Virxinia Pereira, muller de Castelao, “que se non fosen emigrantes, ao mellor, aínda non chegarían a estar no Álbum”, recoñece a presidenta do Consello.



A lingua como marca de identidade en produtos de consumo

Como parte das súas competencias, o Consello da Cultura Galega está a traballar na promoción da cultura desde o rural e na implantación da lingua como marca de identidade en produtos de consumo. Dúas actividades están programadas para este mes de xullo neses apartados. A primeira, era para o día 8, en Monterroso, cun acto sobre a "sostenibilidade da cultura no mundo rural”. Trátase de expoñer “como desde espazos rurais se pode acceder a creación e disfrute da cultura e incluso exportar cultura”, comenta Rosario. Para iso, veñen “recollendo experiencia de distintas persoas e grupos” que se presentaron en Monterroro.

Unha segunda actividade vaise desenvolver o día 20 en Castrelo do Miño, donde van presentar o que chaman “novas realidades”, que ten que ver coa lingua; “coa lingua usada como marca de identidade tamén en produtos de consumo de distinto tipo”, aclara. Porque non é o mesmo que os produtos de explotación ecolóxica de Galicia “leven un nome en galego e etiquétense en galego, que que non o leven”, porque “se venden moito mellor se o vinculas con un trazo identitario galego como é a lingua”. E iso “é algo que moitos produtores non acaban de comprender”, remarca.

No seu caso, “eu non compro un leite que non sexa galego –recoñece–, por principios ideolóxicos e porque para min, se é galego, é moito mellor que si non o é”. 

A xornada do día 20 vai por ese camiño, o de procurar que os produtores de viños, queixos, carnes, conservas, etc., que están lanzando os seus produtos a un mercado esixente coa calidade, ofrezan un etiquetado en galego. A xornada vaise facer nunha bodega no Ribeiro, con xente de todos os sectores “para que o sistema se faga máis mesto, máis rico”.