O primeiro premio foi a Javier F. Rouco Ferreiro polo seu poema ‘A escrita da Luz’

Entregados os premios do Certame de Poesía ‘Rosalía de Castro 2016’, organizado pola Asociación de Cornellà

O sábado 26 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro 2016’, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa 30ª edición, e no que xe lle concedeu o primeiro premio a Javier F. Rouco Ferreiro polo seu poema ‘A escrita da Luz’.

Entregados os premios do Certame de Poesía ‘Rosalía de Castro 2016’, organizado pola Asociación de Cornellà
conferencia de Anxo, na mesa Antonio Balmon alcalde de Cornella, Oliver Fernandez e Xulio Cougil
Un intre da intervención de Anxo Angueira, acompañado por Antonio Balmon, Oliver Fernández e Xulio Cougil.

O sábado 26 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro 2016’, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa 30ª edición, e no que xe lle concedeu o primeiro premio a Javier F. Rouco Ferreiro polo seu poema ‘A escrita da Luz’.
 

O acto de concesión dos premios foi precedido da presentación, no Centro Cultural García Nieto de Cornellà, do libro ‘Follas Novas’, de Rosalía de Castro, unha edición crítica, que inclúe notas e comentarios do autor, Anxo Angueira, sobre o texto rosaliano, co que quere facilitar a lectura do libro, especialmente ao alumnado de Educación Secundaria e universidade, pero tamén aos estudosos da obra de Rosalía, e facer máis cómoda a súa lectura, para o lector en xeral. Como nos ten acostumados Anxo Angueira, volveu a darnos unha lección maxistral dos textos de Rosalía en ‘Follas Novas’, coa súa narración e explicación.
 

Asemade, celebrouse un recital musical a cargo de ‘2naFronteira’ Carmen Penim (voz), Maurizio Polsinelli (piano), que deleitou aos asistentes con cancións do seu cuarto disco ‘Son de Nós’, así como do novo proxecto no que está inmersa, todo unha gozada escoitar e ver en directo a actuación de Carme Penim, interpretando aos poetas clásicos galegos e tamén cancións de autoría propia. Un recital moi recomendable para ver e pasar uns momentos de deleite a través da musica e a enorme voz de artista.

Pola noite, e no transcurso dunha cea celebrada nas dependencias da entidade e presidida polo presidente da Asociación, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornella e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, Anxo Angueira Viturro (presidente da Fundación Rosalía de Castro) e composto polo vicepresidente Henrique Fernández Sánchez (presidente fundador do Certame, e poeta); e os vocais, Carmen Penim (profesora e cantante), Xulio Simón (profesor), Xosé Lamela (escritor), e como secretario o profesor Xulio Cougil Vázquez, deu a coñecer aos gañadores deste ano 2016 na súa 30ª edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que foron os seguintes:

Primeiro premio: Javier F. Rouco Ferreiro, de A Coruña, polo seu poema titulado ‘A escrita da Luz’.

Segundo premio: Miriam Ferradáns Ferradás, de Bueu Pontevedra, polo poema ‘Situarémonos fronte ao frío, berrando’.

Terceiro premio: Modesto Fraga Moure, de Arteixo A Coruña, polo seu traballo ‘Éxodo’.


 


 

30 anos de poesía galega en Cornella


 

Dentro do proxecto cultural e literario que a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella creou en 1986, sendo presidente da entidade Henrique Fernández Sánchez, e xunto coa edición da revista ‘Lúa Nova’ e o programa de radio ‘Sempre en Galiza’, crease tamén o Certame de Poesía en Lingua Galega ‘Rosalía de Castro’, que este ano chega a súa trinta edición.

A finais do ano 1986, convocase a primeira edición do certame coa finalidade de promove-la poesía galega e os novos poetas que saíran do país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a asociación. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron no certame o máis salientable dos escritores que cultivan a primeira das artes da nosa lingua, a poesía. Poetas noveis, aficionados e mesmo consagrados participaron cos seus traballos ao logo dos trinta anos de vida do Certame. Os gañadores desta edición súmanse ao elenco de poetas que forman o cerne da poesía galega actual, entre os que podemos atopar nomes como Darío Xohán Cabana, Miro Villar, Fiz Vergara Vilariño, Martín Veiga, Baldo Ramos, Marta Dacosta, Emma Pedreira, Alberte Momán, Iolanda López, Alba Cid, Brais González, Luz Airado, Israel Martínez, Cruz Martínez, Míriam Ferradáns, entre outros moitos participantes e hoxe destacan na poesía galega.

Tres décadas consecutivas da edición deste certame, que na actualidade conta cunha inmensa simpatía dentro dos acontecer poéticos do país e na emigración galega, no que levan participado poetas de tódolos lugares do mundo, alí onde os galegos e os seus descendentes se atopan e cultivan esta arte literaria na nosa lingua. Coidamos que se non é un dos máis importantes editados en lingua galega hoxe, sen lugar a dúbidas, si é o máis importante que se deu na Galicia exterior ó longo da súa historia, e os mesmos participantes dannos a razón, dado o seu interese ano tras ano por participar no Certame, e segundo as valoración dos diferentes xurados que se encargaron nestas edicións de dar a coñecer os gañadores, non só o número de participantes é altamente positivo senón que a calidade dos traballos presentados ao Certame, xeralmente e salvo contadas excepcións, é dunha calidade excelente.

A calidade dos traballos e os personaxes gañadores do certame fan que o Certame neste intre goce dunha inmellorable saúde e as expectativas de futuro son engaiolantes para todos nós que estamos ao redor deste importante evento cultural galego feito en Cornellà, e o que é máis importante para a Cultura Galega e para o noso país.