Opinión

Unha emigrante de Sarria chamada Iolanda

Estou a lembrar cando lle pedín ao doutor Sixto Seco que falase co presidente Fernández Albor (amigo seu e tamén socio na clínica compostelá ‘A Rosaleda’) para que a Xunta lle concedese a medalla Castelao ao moi egrexio loitador galeguista, residente en Montevideo, Manuel Meilán Martínez. Un pouco antes, no ano 1985, recibira a medalla outro emigrante tamén ancorado na capital uruguaia, Xesús Canabal Fuentes. Neste caso a iniciativa foi do propio médico de Mugardos que admiraba o labor galeguista e a solidaria man de don Xesús que sempre estaba onde era necesaria unha axuda. Pois agora corresponde engadir aos dous premiados a unha muller (Iolanda Díaz Gallego) que foi o sangue novo que desde Sarria achegou a súa paixón nas actividades que defendían a identidade propia de Galicia na capital da República Oriental do Uruguai.

Unha emigrante de Sarria chamada Iolanda

Lembro que coñecín a Iolanda no ano 1971 nos cursos que impartía o ‘Patronato da Cultura Galega’ nun pequeno local alugado nunha galería comercial do centro de Montevideo. Alí xunto a Iolanda, que se encargaba do curso de literatura galega, estaban Carlos Zubillaga Barrera (clases de historia) e Fernando Pereira Caamaño (clases de lingua galega). Cando a coñecín quedei engaiolado pola súa forza emotiva e conteille que recén chegado a Montevideo fora levado por meus pais ao Teatro Odéon para asistir a representación de O fidalgo do carballés Xesús San Luís Romero. O meu desembarco foi o xoves 27 de novembro de 1958 (tiña cinco anos) e o sábado 29, ía a un teatro onde falan galego. Díxenlle a Iolanda que anos despois, escoiteina recitando un poema en ‘Sempre en Galicia’ e que meu pai comentou que eu xa a coñecía de vela no teatro. A verdade era que pouco lembraba da obra pois os meus recordos eran pola sorpresa de ver un gran salón ateigado de persoas que estaban caladiñas ata que cando remata a función se erguen para aplaudir.

A traxectoria de Iolanda en Montevideo merece os maiores recoñecementos xa estivo empurrando en todo o que fose defensa e promoción dos valores culturais diferenciados de Galicia. Formou parte activa do Centro Lucense (Meilán era o presidente) e na fundación da ‘Casa Compostelana’ que era unha entidade encamiñada a recadar fondos para axudar ao recén creado ‘Patronato Rosalía de Castro’ que buscaba mercar a casa onde morrera a cantora do Sar. Tamén estivo na orixe do Patronato da Cultura Galega que foi a asociación na que se implicou con ánimo e foi unha peza básica na súa consolidación. Quero suliñar xa que é pouco coñecida a súa tarefa de mecanografado dos centos de folios que Otero Pedrayo escribiu para a Historia de Galiza (Editorial Nós, Tomo I e II) que se imprimiu en Montevideo no obradoiro gráfico ‘Barreiro y Ramos’ en 1962. Otero Pedrayo enviaba por correo os textos, manuscritos, cunha letra que moitas veces cumpría interpretar. Cando Iolanda tiña dúbibas, falaba con Lois Tobío que era o encargado da supervisión da edición. Daquela Iolanda traballaba no ‘Banco de Galicia’ e aproveitaba, sempre que podía, a dedicarlle algún tempo ao uso da máquina da oficina para pasar a limpo os manuscritos de don Ramón.

Coido que unha das maiores virtudes de Iolanda era a súa simpatía que lle permitía abrir moitas portas nunha colectividade que desde a ‘Embaixada’ se dedicaba ao ensalzamento do ‘Caudillo’. Os galeguistas eran minoría na colectividade emigrada e o Patronato da Cultura Galega non formaba parte da ‘Federación de Sociedades Españolas del Uruguay’ e por tanto non recibía ningunha das axudas que repartía o Instituto Español de Emigración, fundado en 1956. Quero lembrar unha boa xestión de Iolanda que lle permitiu recadar ao Patronato uns bos pesos ao tempo que se evitou o veto da ‘Embaixada’. A compañía Iberia regalaba un billete aéreo a Madrid para que as sociedades fixesen unha rifa e así recadar fondos. O Patronato foi excluído do agasallo, como así tamén o Casal Catalá e o Euskalerría, pero Iolanda conseguiu un billete gratuito por medio de ‘Viajes COT’ (Compañía Oriental de Transportes) que era a axencia de viaxes na que traballaba. O gañador do sorteo foi Sande, un emigrante que tiña a concesión do Hotel El Mirador de Colonia.

Son moitos os méritos de Iolanda xa que ao exitoso labor en Montevideo súmase a súa moi eficaz traxectoria en Barcelona. Tendo en conta que, por desgracia, xa non podo contar coa colaboración do doutor Sixto Seco quero facer a suxestión de que o concello de Sarria e a deputación provincial de Lugo (sexa individual ou conxuntamente) presenten á atención da Xunta de Galicia a petición de outorgamento da Medalla Castelao para dona Iolanda. Sei que se recibe a distinción vai sentir a maior das emocións xa que ela sempre actuou, camiñou e sementou identidade nos vieiros da emigración en cumprimento dos ideais patrióticos da nai Rosalía e do pai Castelao.