ORGANIZADA, COMO CADA ANO, POLA ASOCIACIÓN GALEGA ROSALÍA DE CASTRO

Milleiros de galegos e cidadáns de Cornellà asistiron aos diferentes actos da Festa Galega de Can Mercader

| 27 Junio 2019 - 09:50 h.

Un ano máis, a popular Festa Galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Maior’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares. Tanto no tocante á participación cidadá que lle deu vida, coa súa masiva presenza, no mítico Parque de Can Mercader, como no apoio institucional por parte do Concello de Cornellà, co seu alcalde, Antonio Balmón, así como toda a Corporación Municipal, así como doutras autoridades, entre elas o expresidente da Generalitat José Montilla e a delegada do Gobierno en Catalunya, Teresa Cunillera, e demais institucións de Catalunya.

O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu coa expectativa prevista pola entidade organizadora. Así, durante os días 21, 22 e 23 de xuño, milleiros de galegos e non galegos asistiron aos diferentes actos, facendo que esta Festa Galega siga sendo unha cita destacada dentro dos actos programados en Cornellà, co gallo da súa ‘Festa Maior’ e tamén como acto conmemorativo dos 39 anos de andadura de entidade galega de Cornellá.

 

 

Noite Celta

Os actos comezaron o venres 21 pola noite coa Noite Celta, un concerto musical coas actuacións de ‘As Rosaleiras’ e un grupo de Pandereteiras e Cantareiras, mozas da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro que levan desde cativas no seu grupo de Danza e Música e que desde hai un par de anos están a traballar na recolleita e interpretación de pezas tradicionais da música celta e o folclore galego. Un brillante e talentoso traballo que amosaron na súa actuación coa que se inaugurou unha das Festas Galegas máis espectaculares celebradas fóra de Galicia e coas que deron paso no escenario ao concerto do popular gaiteiro Anxo Lorenzo, que este ano foi o protagonista de esta máxica noite de música galega, que congregou en Can Mercader a milleiros de persoas. Unha noite chea de boa música e espectáculo.

Non sei se este concerto en Cornellà, celebrado nun escenario espectacular como é o Parque de Can Mercader, e coa multitude que a arroupou coa súa presenza e o goce da súa actuación, lle deixará un bo recordo, desde logo aquí sí que quedou. A Asociación Rosalía de Castro, a xunta directiva e socios si que consideran que o grande esforzo que fixeron para poder traer o elenco de este ano, si que mereceu a pena, xa que lle deu a esta gran festa galega unha categoría que en Cornellà este ano foi do mellor para tódolos cornellanenses dentro dos actos da Festa Maior da cidade.

 

Ofrenda floral a Rosalía de Castro

O sábado 22 pola mañá, despois da resaca do venres, numerosas persoas asistiron á ‘Ofrenda Floral’, un acontecemento que anualmente realiza a entidade, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellá, Antonio Balmón Arévalo, xunto co presidente da Asociación, Oliver Fernández Expósito, presidiron, depositando o tapiz de flores, representando a Galicia e Catalunya, diante da escultura de Rosalía de Castro, que preside un espazo destacado no Parque Can Mercader.

Acto ao que asistiron outras autoridades como os portavoces dos grupos municipais de Cornellà, ademais da corporación municipal, e diversas entidades socioculturais de Cornellà, os partidos políticos con presenza na cidade, depositando cada un deles o seu correspondente ramallo de flores no monólito á Rosalía de Castro. Un acto ao que cada ano se suman mais entidades e institucións. Este ano cabe significar que se incorporaron o Club Deportivo Espanyol de Cornellà, a Sociedade de Augas de Barcelona e a Delegación do Goberno do Estado en Catalunya, entre outros, que convive cos visitantes e moradores deste fermoso Parque desde o ano 1990.

Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe á musa das letras galegas, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados pola Banda de Gaitas Rosalía de Castro, xunto cos grupos Toxos e Xestas de Barcelona, Rosalía de Castro de Cornellà e a Banda de Gaitas de As Portelas, do concello de Lubián (Zamora), que foi a convidada especial no eido da música popular, desprazándose a Cornellà para participar nos actos da Festa, co seu alcalde, Felipe Lubian, e tamén como intercambio cultural, xa que no mes de agosto o Grupo de Rosalía de Castro estará en Lubián participando no Festival Popular que cada ano celebran. Participaron no acto coas súas correspondentes actuacións. 

Xa pola tarde, despois do tradicional xantar campestre, ao que asistiron unhas duascentas persoas, socios e amigos da entidade, representantes municipais e da vida asociativa de Cornellá, e o presidente de honra da entidade organizadora, José Montilla; a delegada do Goberno en Catalunya, Teresa Cunillera, así como representantes da práctica totalidade de entidades galegas en Catalunya, o recinto da festa adornouse coas actuacións dos seguintes grupos: ACG Agarimos (Badalona), Banda de Gaitas de As Portelas (Lubián, Zamora) e ACG Rosalía de Castros, nas súas diversas modalidades, seguido da gran festa rachada, tarde e noite, coas orquestras ‘Essencia’, de Pontevedra, e ‘Fania Blanco Show’, de A Coruña.

O domingo, pola mañá, comezaron as actuacións dos grupos ‘Blas Infante (Cornellà) San Isidro Labrador (Cornellà) e Irmandade Galega (Rubí), así como un espectáculo infantil. E xa pola tarde, despois dun xantar campestre, actuacións dos grupos: Casa Galega de L’Hospitalet, Cornellà Per Les Dones e o da entidade organizadora, Rosalía de Castro, cos diferentes grupos que compoñen a súa escola de danzas e gaitas galegas.

Ás 20.30 horas deu comezo a festa rachada coas orquestras ‘Essencia’ e ‘Fania Blanco Show’, rematando a festa cos tradicionais fogos artificiais e a fin de festa coa popular queimada galega.

Cabe significar que este ano coincidiu o ultimo día de festa coa tradicional Verbena de San Xoán, así que a celebración que cada ano organiza a ACG Rosalía de Castro trasladouse ao recinto da festa, alí no Parque da Can Mercader cunha Cea á que asistiron a redor de trescentas persoas que despois tiveron unha noite de festa rachada, ata altas horas da noite desfrutando e bailando ao so da orquestra galega ‘Fania Blanco Show’.

Ademais de tódalas actuacións, que estiveron á altura que a festa merece, no eido gastronómico, numerosas familias déronse cita á sombra das centenarias árbores de Can Mercader para degustar xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familiares.

Asemade, os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etcétera, así como información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, e todo tipo de produtos da gastronomía galega.

 

Más acciones:
MÁS NOTICIAS
  • Colección Cronicas de la Emigración

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca