Ao longo da semana organizan diversas actividades nas que participan os socios

Grande éxito da tradicional Semana Cultural do Centro Galego de Lleida

O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, ven de celebrar a súa tradicional Semana Cultural, que cada ano polo Antroido leva a termo desde xa hai moitos anos, un evento no que ao longo da semana organizan diversas actividades nas que participan a maioría dos socios da entidade, así como moitos lleidanos que teñen ao Centro Galego como referente da Cultura Galega na cidade do Segre.

Grande éxito da tradicional Semana Cultural do Centro Galego de Lleida

O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, ven de celebrar a súa tradicional Semana Cultural, que cada ano polo Antroido leva a termo desde xa hai moitos anos, un evento no que ao longo da semana organizan diversas actividades nas que participan a maioría dos socios da entidade, así como moitos lleidanos que teñen ao Centro Galego como referente da Cultura Galega na cidade do Segre. Máis de tres décadas de promoción da cultura, a gastronomía, o turismo de Galicia en Lleida.

Entre as actividades levadas a cabo este ano na celebración da Semana Cultural cabe significar algunha das máis sobranceiras. Así o luns 1 de febreiro o presidente da entidade, Xosé Terceiro Folgar, presentaba as diferentes actividades programadas nun acto no que foron acompañados por personalidades como a presidenta da Vogalía da Muller, Marta Roigé Mostany; a profesora de patchwork María Alba Gil Bardanca e as ‘rexedoras’ do Concello de Lleida Sara Mestres i Llusa e Dolors López Aguilar, e no que inauguraba a Semana Cultural do Centro Galego de Lleida (Casa de Galicia) coa exposición de manualidades na que as compoñentes da Vogalía da Muller fixeron durante o curso. Ao final do acto, o presidente da entidade ofreceu a tódolos asistentes un ágape regado con viño do Ribeiro.

O martes, no local social da entidade, os nenos, fillos e netos dos socios do Centro, fixeron uns divertidos debuxos, ao mesmo tempo celebráronse interesantes e disputadas partidas de cartas e parchís. Unha vez rematados os actos, todos foron obsequiados cun saboroso e rico chocolate acompañado dunha exquisita coca doce.

O mércores, cun cheo total do local social da entidade fixeron a presentación do número 29 da revista ‘Xurdimento’ 2016, a cargo de Mª Belén Iglesias Cortés, concelleira de Ourense, que se trasladou a Lleida para participar nos actos da Semana Cultural. O presidente do Centro dáballe a benvida a todos os presentes, socios, amigos e simpatizantes, e moi especialmente ás distintas autoridades locais que os acompañaban, entre elas os ‘rexedores’ do Concello de Lleida, Joan Gómez López, Dolors López Aguilar, Mª Carme Culleré Llavoré, José Luis Osorio Fernández, e tamén o deputado do parlamento español Antoni Postius Terrado, así coma Jordi Curcó i Pueyo, director de Serveis Territorials de la Generalitat de Catalunya en Lleida, e o presidente da Federación de Casas Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir, ademais dos presidentes das casas que pertencen a Federación de Lleida. Ao finalizar, tódolos presentes foron obsequiados cun viño galego e un ágape.

O xoves, no local social do Centro, levouse a cabo unha demostración culinaria de diferentes pratos salgados e doces que os socios e simpatizantes achegaron. Acompañounos a ‘regidora’ do Concello de Lleida Rosa María Salmerón Pallarés. O acto finalizou coa degustación por tódolos presentes dos múltiples e exquisitos pratos.

Ás 20 horas do venres, Juan Ramón González, presidente da ‘Associació Amics de la Seu Vella’, pronunciou unha conferencia baixo o título ‘Candidatura de la Seu Vella de Lleida a Patrimoni de la Humanitat de la Unesco’. O conferenciante fixo unha disertación moi detallada do camiño que se leva recorrido para conseguilo, e das singularidades que ten a Seu Vella de Lleida. Acompañáronos as seguintes autoridades locais: os ‘rexedores’ do Concello de Lleida, Juan Gómez López, José Luis Osorio Fernández e Cristina Nuria Simó Andreu e tamén Rafael Jiménez Sanchez, delegado de Defensa en Lleida. Unha vez rematado o acto, todos os asistentes degustaron un refrixerio regado con viño do Ribeiro.

O domingo, ás 12,30 horas, celebrouse un acto relixioso adicado aos ausentes da entidade durante as máis de décadas de asistencia, na igrexa parroquial de Sant Jaume, e ás 13,30 horas, no local social da entidade, tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria de socios, na que, seguindo a orde do día, procedeuse a presentación do estado das contas da entidade mailos orzamentos para o ano 2016, que foron aprobados por unanimidade; o vicesecretario, leu un resumo das actividades levadas a cabo no ano 2015 e un anticipo das que se ten previsto desenrolar no ano 2016 na entidade. De seguido, procedeuse a confirmar a Xunta directiva, por un ano máis, quedando constituída da seguinte forma: Presidente, Xosé Terceiro Folgar; vicepresidenta primeira, María Alba Gil Bardanca; vicepresidente segundo, Daniel Vila López; secretario, Eligio Suevos Otero; vicesecretario, Carlos Alonso Bellmunt; tesoureiro, Luís Trigo Domínguez; vogal organización actos, Xosé Domínguez Rodríguez; pta. Vogalía da Muller, Marta Roigé Mostany; vogal Relacións Públicas, Dolores Blanco Roo; e vogal, Antonio Sanmartín Sanmartín.  Despois tódolos asistentes, degustaron un viño procedente de Galicia e máis un apetitoso aperitivo.

Acto seguido, tódolos asistentes remataron a xornada cun bo xantar de irmandade con queimada incluída, e sendo todo ilo amenizado polo cantautor Alfredo González Vilela, que ofreceu un extraordinario recital de música galega, que foi moi aplaudida por tódolos asistentes. Tamén os acompañaron os concelleiros do ‘Ajuntament’ de Lleida Joan Gómez López e Cristina Nuria Simó Andreu, ademais do presidente da Federación de Casa e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir.

Como se pode comprobar, unha Semana ateigada de actos, actividades que non só se reducen a estas datas senón que durante todo o ano levan a termo nos múltiples eventos de toda índole que organizan, diso dan boa conta na extraordinaria fiestra que teñen para a súa divulgación como é o seu Blog no que se informa do acontecer diario do Centro: https://cengallei.wordpress.com.