ÓSCAR IBÁÑEZ, GAITEIRO E FRAUTISTA GALEGO

“Os gaiteros da Galicia do exterior están ao nivel dos mellores do territorio”

| 14 Octubre 2016 - 13:01 h.
Óscar Ibáñez toca a gaita nunha das súas actuacións musicais recentes.
Óscar Ibáñez toca a gaita nunha das súas actuacións musicais recentes.

O seu primeiro traballo en solitario levou por título ‘Alén do mar’ e con el puxo no mercado discográfico un repertorio de temas que simbolizan o fluxo de emigrantes entre Galicia e América a finais do século XIX e durante o XX. Trátase de melodías galegas e latinoamericanas do gaiteiro Óscar Ibáñez, enriquecidas con elementos propios da música celta e inspiradas no poema ‘O fillo de Celt’, de Ramón Cabanillas. Con ‘Alén do mar’ abríronselle as portas a novas creacións musicais nas que traballa neste intre e coas que pretende interconectar a cultura galega coa cubana. As xustifica porque, segundo asegura, América “está más conectada culturalmente ao noso repertorio”.

 

A docencia lle permitiu viaxar ao exterior para impatir os cursos que programa a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta orientados a promover a cultura musical galega máis alá das propias fronteiras. Nos 20 anos que leva desenvolvendo esta actividad, o frautista e gaiteiro galego Óscar Ibáñez (naceu na localidade pontevedresa de Poio hai case que 40 anos) foi quen de atender á sensibilidade que xerou na súa vea creativa a presenza de galegos en América e tamén a de cidadáns doutros pobos na comunidade autónoma para compoñer as melodías do seu primeiro traballo en solitario: ‘Alén do mar’, co que colleitou importantes éxitos.

A súa ‘viaxe’ musical cara a América con este álbum preséntase como unha iniciativa para afondar nun camiño menos explorado pero con grandes posibilidades creativas.

 

Pregunta. Desenvolveu a súa actividade docente en México, Venezuela, Cuba, Perú, Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos e tamén en diversos países de Europa. Que percibiu en cada un destes lugares no que atinxe a música galega e, en concreto, á gaita? Cal foi a súa influenza?

Resposta. Os galegos, unha das cousas que levaron con eles cando emigraron foi a música tradicional e, en concreto, a gaita; non deixaron nunca a gaita atrás. Fixeron colectivos de grande tradición gaiteira e desenvolveron unha emigración con identidade propia.

Certo é que as xentes que emigraron foron asumindo estilos dos países de acollida e tamén os trouxeron acá. Agora temos habaneras, corridos, tangos... que se integran na nosa música por ese movemento de ida e volta dos fluxos migratorios.

Por mor da oportunidade que me deu a Secretaría Xeral de Emigración para impartir cursos de gaitas no exterior, decateime de que, despois de, a lo menos, 150 anos de emigración, a gaita segue viva, e que persoas descendentes de galegos de terceira e cuarta xeración seguen vinculados á nosa cultura e ao noso instrumento.

Eu considero importante o curso ‘Escolas abertas’ da Secretaría Xeral de Emigración, polo cal, mestres de música galega no exterior veñen a Galicia para continuar coa súa formación; este ano fíxose en Ourense e a través del se pode comprobar que a xente está moi en contacto coa tradición e que se segue formando no apartado musical.

P. Dos seus estudos do noso pasado musical, a que conclusións chega sobre o papel que xogou a nosa música no exterior?

R. A nosa música no exterior ten unha marca, porque xerou un movemento interesante. Por falar do caso de Arxentina, nese país se crearon selos discográficos e cinematográficos promovidos por músicos galegos que, ao longo do século XX, tiveron o seu público determinado; creáronse industrias cinematográficas e fonográficas, de tal xeito que non se pasaba desapercibido. Houbo producción propia e moitos músicos adquiriron representatividade.

A gaita galega foi unha marca presente máis alá de Galicia e ese traballo hai que agradecerllo aos músicos da emigración e aos colectivos que fixeron os traballos de difusión: rondallas, corais, grupos de folk. Foi todo un movemento de música que se abriu e se ten que ter en conta.

P. Que aportou aos nosos emigrantes manterse en contacto cun instrumento tan vencellado a Galicia como é a gaita?

R. A gaita une a todos os países europeos. Se se ten que escoller un instrumento que una a toda Europa, ese sería a gaita.

Hai unha serie de gaitas que destacan máis que outras, como é o caso da gaita escocesa. Hai unhas 50 morfoloxías de gaitas espalladas por toda Europa o que dá conta de que é o elemento máis representativo e universal. Coa emigración se espalla por todo o mundo, tamén a gaita galega.

P. Que futuro lle espera a este instrumento?

R. A gaita está en auxe; nunca houbo tantas escolas e industrias discográficas ao redor deste instrumento. Os artistas fixeron un traballo de expansión universal e isto contribuíu a súa difusión. O que ocorre é que vivimos nun contexto de globalización e os rapaces teñen ofertas que non esixen tanto esforzo, pero eu penso que a gaita ten futuro para moitos anos.

P. Sona distinta a gaita galega en América?

R. Sona distinta. En Galicia, con respecto á gaita, se seguiron dous caminos: nas cidades, se seguiu o modelo vencellado aos gaiteros de Soutelo de Montes (un gaiteiro ou dos e tamboril e bombo), mentres que no rural foron influenciados polas bandas de música, e incorporaron frauta, clarinete, saxo... Os músicos da emigración decántaronse por esta modalidade porque non lles quedou outra que asumir a música e os xéneros de moda nos países de acollida. En América, con máis permeabilidade, os músicos se adaptaron aos tempos e interpretaron música de películas, tangos, habaneras... e as integraron nos seus repertorios, porque o seu obxectivo era amenizar as celebracións festivas galegas e españolas.

Mentres, en Galicia, tamén se integrou a música dos que chegaban procedentes doutros países, que traían acá as polcas, maruzcas..., que se mesturaron con alalás, muiñeiras, alboradas...

Por outra banda, hai unha identidade galego-arxentina, galego-venezolana e galego-cubana que paga a pena ser estudada con profundidade. Algunhas desas peculiaridades foron chegando a Galicia ata aparecer como unha realidade diferenciada, pero agora están máis unidas por causa de programas como o da Secretaría Xeral, que favorecen o contacto entre as xentes de alá e de acá. Ao longo do século XX non había ese contacto. Agora, os de alá e de acá están máis conectados, non só por mor da iniciativa da Secretaría Xeral, senon tamén debido a fenómenos como internet e as novas tecnoloxías, que favorecen os canles para a interconexión.

Moitos músicos se queixaban de que nos anos 70 non había quen tivera un libro ou unha partitura sobre a que consultar, e esa circunstancia influíu na tradición e xerou unha evolución característica, pero hoxe en día isto xa non é así.

P. Continúan as novas xeracións da diáspora a demandar os sons da gaita?

R. Xa o creo que os demandan. Hai moita xente no exterior con moita calidade. Hai músicos nas escolas de gaitas e nos centros vencellados a emigración que teñen un gran nivel musical, equiparable ao da Galicia territorial.

A música galega é unha música que funciona mais ben fora. Quizais acá non somos quen de valorar ben a nosa música porque a temos. Non obstante, cando saímos, enchemos teatros e nos acollen como estrelas; fartámonos de vender discos; a nosa música funciona. No exterior se valora máis aos galegos e iso temos que traballalo un pouco máis. Hai que contribuír a que se xere nova industria para o país e iso só se pode conseguir comprando discos, acudindo a concertos... Ademais, hai artesáns que venden centenares de gaitas para a emigración.

O certo é que hai nivel. Dende o ano 97, que comecei a traballar nos centros galegos como docente, puiden comprobar que hai nivel. Este ano deille clase aos mestres que imparten música nesas entidades do exterior e podo dicir que están ao nivel dos mellores gaiteiros do territorio. Por iso, podo asegurar que hai gaitas para tempo.

P. Despois do tempo investido para sacar adiante o disco ‘Alén do mar’, en que se está a empregar neste intre?

R. Traballo nun disco en solitario; un libro disco sobre música galega en Cuba e tamén noutro tipo de traballos vencellados a música tradicional. É un traballo que vai a camiñar na líña de ‘Alén do mar’ tras a boa acollida que tivo este disco. É un camiño cara a América, unha liña, a da emigración, que está menos explotada e nos pode abrir as portar para a expansión da nosa música.

Unha traxectoria na compaña de ‘Óscar Ibáñez & Tribo’

Os seus comezos tiveron como protagonistas distintos grupos de música tradicional como ‘Celme’ ou ‘Pai da Cana’, cos que percorreu boa parte de Europa e América.

A súa ampla formación musical académica permitiulle a Óscar Ibáñez participar en máis de 20 traballos discográficos e catro libros-cd e emprearse durante máis de dez anos no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibligráfico da Deputación de Pontevedra.

Coa súa banda de directo ‘Óscar Ibáñez & Tribo’, formada por músicos de longa e recoñecida traxectoria, levou a música por toda a Península Ibérica, Gran Bretaña e Italia.

Inmerso en novas experiencias musicais, este creador de sons cos que fai mestura de diversas expresións culturais, aposta pola gaita como instrumento universal que une a todos os pobos do continente europeo.

 

Más acciones:
MÁS NOTICIAS

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Libros de Crónicas de la Emigración

Colección Cronicas de la Emigración

Gallegos en Cuba

Hemeroteca