O INSTITUTO VICENTE CAÑADA BLANCH IMPARTE A DOCENCIA DE LINGUA GALEGA A ESTUDANTES PREUNIVERSITARIOS

‘Fala Londres’, un proxecto educativo para promover o galego no Reino Unido

| 23 Marzo 2015 - 12:06 h.
Alumnado do Cañada Blanch e o seu profesor Xaime Varela na Cidade da Cultura, no marco da visita de estudos a Galicia que realizaron o curso pasado.
Alumnado do Cañada Blanch e o seu profesor Xaime Varela na Cidade da Cultura, no marco da visita de estudos a Galicia que realizaron o curso pasado.

A Secretaría Xeral de Política Linguística, a través da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, fai posible o ensino da lingua galega no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, grazas ao proxecto educativo ‘Fala Londres’, creado polo profesor Xaime Varela, quen imparte docencia de galego no mencionado centro, logo dun convenio que vén renovándose dende o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España, organismo do que depende o Instituto.

O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda; os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires– é un dos centros educativos de fóra de Galicia onde se imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios. Estes colexios e institutos permiten responder ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dar a coñecer o idioma propio tamén entre a poboación de orixe non galega.
‘Fala Londres’ está a servir como ferramenta para incentivar a participación de toda a comunidade educativa asentada na capital británica, moi especialmente do alumnado e das familias, e para dignificar e promover entre os galegos de Londres o aprecio e o uso da lingua galega, mostrando as súas posibilidades para tratar calquera tema e ligándoa ás tecnoloxías máis innovadoras.
É por iso que o proxecto foi seleccionado no ano 2012 como ‘Boa prácTICa 2.0’ polo Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF), pertencente ao Ministerio de Educación, Cultura y Deportes.
No ano 2014, o mencionado proxecto foi premiado pola Fundación Barrié na modalidade de proxectos de centro da súa Convocatoria de proxectos escolares.
A Convocatoria responde ao obxectivo de estimular e recoñecer a tarefa do profesorado, dos centros e doutros axentes do sistema educativo de Galicia.
Na edición de 2014, estableceu tres modalidades –proxectos intercentros, proxectos de centro e proxecto colaborativo en que participe un colexio e unha entidade sen ánimo de lucro– e outorgou cinco premios.
Ademais do Instituto Español Vicente Cañada Blanch, foron recoñecidos pola Fundación Barrié polos seus proxectos o CPR San José de Pontedeume, o CIFP A Xunqueira (coa Asociación Amencer ASPACE), o IES David Buján de Cambre (en colaboración con diversos centros estranxeiros) e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (xunto coa Asociación Cultural Xermolos e o Grupo de Investigación de Pedagoxía, Historia e Sociedade da Universidade da Coruña).
O blog da área de Galego do Instituto Vicente Cañada Blanch recolle diversas propostas didácticas con aplicacións da web 2.0 realizadas con alumnado de educación primaria, ESO e Bacharelato. Ademais, informa de todas as actividades culturais relacionadas coa materia que se producen no centro e mais das novas de interese relativas a Galicia que teñen lugar en Londres.
Deste xeito, as tecnoloxías serven de apoio ao enfoque comunicativo da aula de lingua e promoven a participación e a cohesión da comunidade educativa, na liña das propostas da Consellería de Cultura e Educación, que, no marco do Proxecto Abalar, aposta pola introdución das TIC como estratexia de renovación metodolóxica e para a implicación das familias e do alumnado.
Nas redes sociais e no blog do proxecto reflíctese a enorme actividade que se desenvolve no instituto londinense Vicente Cañada Blanch arredor da área de lingua galega ao tempo que se incentiva a participación de toda a comunidade educativa neste proxecto.

Más acciones:
MÁS NOTICIAS
  • Colección Cronicas de la Emigración

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca