Opinión

Dona Diáspora busca traballo en Montevideo

“Cuando hablo de mi patria yo prefiero decir paisito”Mario BenedettiA nosa vella avoa emigrante quere botar unha man no ‘Departamento 20’ da República Oriental do Uruguai. Se Galicia ten a súa quinta provincia fóra tamén os uruguaios engaden un vixésimo departamento no exterior.
Dona Diáspora busca traballo en Montevideo
“Cuando hablo de mi patria yo prefiero decir paisito”
Mario Benedetti

A nosa vella avoa emigrante quere botar unha man no ‘Departamento 20’ da República Oriental do Uruguai. Se Galicia ten a súa quinta provincia fóra tamén os uruguaios engaden un vixésimo departamento no exterior. Aínda que os anos pasan aínda garda folgos físicos e espirituais para colaborar no melloramento da vida dos cidadáns que residen lonxe do “paisito”.
Sendo unha boa coñecedora das singraduras galegas non quere que sexa desaproveitado o legado emocional de máis dun século abrindo sulcos solidarios ao abeiro dos ombús da terra de Artigas. Cre que debe ofrecer os seus servizos ao goberno uruguaio porque dentro da longa historia da emigración galega inclúese un capítulo moi importante que comeza no peirao do porto de Montevideo.
Os que desembarcaron na capital uruguaia eran albaneis de futuro. O seu pasado de rexos membros da antiga etnia erguedora de antas facíaos buscar un currunco onde aquelar o berce dos fillos que ían nacer lonxe da lareira parroquial. Poida que o empedrado de lastros do porto montevideano fose máxico xa que despois de pousar alí os pés producíase en cada viaxeiro unha moi rápida transformación. Os que antes só falaban de vacas e leiras de millo agora comentan aspectos dos seus oficios de camareiros, carniceiros, condutores de ómnibus ou panadeiros.
Poida que fose o mate ou o sol da bandeira do novo país que alumea con forza os que fixeron desaparecer as brétemas. Non esquecen que os seus mortos quedaron do outro lado do mar pero é tempo de pensar nos que seguirán no rego ou “en la huella” dentro de 50 anos. A mentalidade de pequenos propietarios dos recén chegados foi paseniñamente entrando no corazón dos uruguaios que se foron contaxiando da sensibilidade atlántica dun grupo humano pouco amigo de rir ou de apaixoarse por calquera tontería.
Os responsables do ‘Departamento 20’ teñen moita tarefa por diante. A súa reflexión levará a que se lexisle para o establecemento dunha política oficial de Emigración e Retorno. A xeito de suxestión vai a seguido uns temas orientativos para considerar:
A) Unha lei da Cidadanía Uruguaia no Exterior. Trátase da aprobación en sede parlamentaria do Estatuto dos Uruguaios no Exterior no que se establece a normativa aplicable ao fenómeno migratorio [dereitos, censo electoral e retorno];
B) A creación da Federación de Centros Uruguaios no Mundo. Será a entidade coordinadora de todas as entidades que obteñan o recoñecemento oficial. Soamente  recibirán axudas e subvencións as que cumplan cuns requisitos básicos de funcionamento [democracia interna]. Os centros son destinatarios privilexiados da acción exterior.
C) Posta en funcionamento do ‘Centro Cultural Exterior José Artigas’. Un instituto para a difusión da cultura uruguaia no exterior. Comparten competencias os ministerios de Relacións Exteriores e de Educación. Aquí é onde se organizarán os cursos de Historia, Xeografía e Literatura. Con especial énfase nos ciclos específicos: O carnaval, o tango, o candombe, as murgas e o fútbol. Unha exposición posible: ‘De José Artigas a José Mujica. Doscientos años de historia uruguaya’.
D) Os empresarios no exterior. Crear una Asociación Mundial para que axuden desde o país no que residen ao fomento do coñecemento de produtos do país. No aspecto turístico a súa misión principal será a organización de mostras e exposicións sobre as diferentes ofertas do Uruguai. Hai que divulgar a ampla riqueza natural [cerros, ríos, praias, termas] e a riqueza patrimonial [por exemplo, un roteiro polas fortalezas coloniais desde o Cerro montevideano ata as rochenses de Santa Teresa e San Miguel].
Certamente haberá quen pregunte a razón de que dona Diáspora enfoque o seu obxectivo sobre o pequeno e lonxano Uruguai. Os que a coñecemos sabemos que o seu interese non é económico senón que está namorada daquel candombe que a fixo vibrar nun carnaval e non esquece as emocións que se lle gravaron no corazón un domingo pola mañá pola rúa de Tristán Narvaja buscando unha “figurita” que chamaban “sellada”.