Opinión

Día das Letras, o valor da palabra herdada

Non é un cartel, nin un nome. A conmemoración anual do Día das Letras Galegas trascende o persoeiro celebrado, incluso a data, por festiva que sexa, para converterse nun referente da importancia cultural dunha lingua, dunha cultura, dun pobo.

Día das Letras, o valor da palabra herdada

Un pode estar de acordo ou non coa categoría da obra ou da persoa a quen se lle ten asignada tan magna efeméride, incluso que exista un certo desencontro, mesmo confusión, entre a declaración do ‘Ano Oteriano’ este 2026 –en razón dos cincuenta anos do pasamento de don Ramón, figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea, así como o centenario da publicación dunha das súas grandes obras, a Guía de Galicia–, confrontado cunha figura que algúns din de cupo e outros de xustiza, como Begoña Caamaño. Cabe pensar que algo estamos a facer regular.

Mais o verdadeiramente relevante é a arquitectura dunha fala que sostén a nosa cultura máis próxima e consustancial, en convivencia co castelán e mesmo coa portuguesa-brasileira. O que importa é que as novas xeracións comprendan que o galego non é un vestixio, senón unha ferramenta de vangarda e un patrimonio universal, capaz de competir nun mundo global, dixital e mesmo no que a intelixencia artificial tenta suplir a natural. Non somos máquinas, pero somos emocións e representamos un eslabón dunha cadea férrea que nos ancla a un territorio e a unha forma peculiar de vivir, de sentir e de crear.

A escrita en Galicia funcionou historicamente como un refuxio e, á vez, como unha ventá. Ao observar o panorama actual, resulta imperativo reflexionar sobre como ese legado debe servir de exemplo, non como unha peza de museo estática, senón como un organismo vivo que require de novos aires. A transcendencia desta xornada radica na capacidade de situar a creación singular no centro do debate público, lembrando que unha sociedade que non valora a súa propia voz está condenada a repetir os ecos alleos. O galeguismo foi un soño e é unha realidade palpable; á nosa maneira somos quen de ser, de convivir e de competir.

Esta persistencia cultural non se limita ao exercicio solitario da pluma, senón que se expande hoxe nun ecosistema creativo onde o galego dialoga coa imaxe e o son, demostrando unha ductilidade asombrosa para habitar as novas pantallas e os novos soportes. O idioma non é un límite, é un punto de partida que dota á nosa produción audiovisual, artística e científica dunha perspectiva única, unha mirada periférica pero universal que nos permite explicar o mundo desde o noso propio centro. O verdadeiro triunfo das Letras Galegas reside, xa que logo, na súa capacidade de ser un motor de modernidade, transformando o afecto polas raíces nun impulso de innovación que impide que nos diluamos na uniformidade dun mundo cada vez máis estandarizado.

É na continuidade da escrita, e na súa proxección noutras artes, como a plástica, a música, a escena ou o audiovisual, onde reside o verdadeiro logro da nosa cultura. As novas promocións de creadores deben ver nesta conmemoración o compromiso dun pobo coa súa capacidade de fabular, de nomear a realidade con termos propios e de proxectarse ao exterior desde a autenticidade. Á marxe das preferencias persoais sobre a autoría homenaxeada en cada edición, o que permanece é a estrutura dun pensamento que nos define.

O idioma é o espírito da nosa fala, e cada palabra que rescatamos é un anaco de liberdade que gañamos para o noso pobo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o deixouo escrito. O reto actual non é só lembrar o feito, senón fomentar unha curiosidade insaciable que permita aos mozos entender que a creación galega, moi en especial a literatura, é un territorio de posibilidades infinitas, un espazo onde a modernidade e a tradición se abrazan para construír un porvir sólido e consciente.

É un desafío, hai que acabar coa adscrición personalista de himnos, bandeiras ou territorios. Galicia é de todos nós, incluídos os discrepantes. A endogamia é unha enfermidade que atenaza algunhas institucións desde hai décadas, e iso é peor que regular; está á altura dos cupos, da falta de creatividade elevada e da competitividade, que é tanto como dicir fóra do mundo.

Alberto Barciela

Xornalista