O Centro Galego de Lleida celebra o Día da Muller Traballadora

O xoves 14 de marzo, no local social do Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Fogar, fixose unha conferencia a cargo de Dolors Comes Saureu, presidenta da Asociación de Veciños da Partida de Granyana, secretaria da Comisión da Horta do Concello de Lleida, baixo o título ‘La dona a l`horta de Lleida’.

O Centro Galego de Lleida celebra o Día da Muller Traballadora
Dolors Comes Saureu, durante su conferencia.

O xoves 14 de marzo, no local social do Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Fogar, fixose unha conferencia a cargo de Dolors Comes Saureu, presidenta da Asociación de Veciños da Partida de Granyana, secretaria da Comisión da Horta do Concello de Lleida, baixo o título ‘La dona a l`horta de Lleida’. O acto foi un rotundo éxito e dun gran interese para tódolos asistentes, baseado na evolución e a realidade e inquietudes da muller nos labores de levar a casa e axudar ao seu marido nos traballos do campo.

O acto contou con numeroso público ademáis de autoridades como a concelleira de Lleida, María Rosa Ball i Papiol, e representantes doutras entidades socio culturais de Lleida. Finalizou o acto coa entrega pola presidenta da Vogalía da Muller da Entidade, Marta Roigé Mostany, dun agasallo á conferenciante, despois tódolos asistentes degustaron un refrixerio.


XVI Encontro de Corais
Por outra banda, o sábado día 16, a Coral Cengallei de Centro Galego participou no Ateneo da localidade barcelonesa de Cerdanyola del Vallés, no XVI Encontro de Corais Galegas de Catalunya, no que participaron as seguintes corais: coral convidada ‘Camins de Cerdanyola del Vallès’; coral ‘Cengallei’ do Centro Galego de Lleida; Coral ‘Lonxe da Terra’ do Centro Galego de Barcelona; coral ‘Alborada’ de A.C.G. Alborada de la Llagosta; coral ‘A Nosa Galiza’ da Irmandade A Nosa Galiza de Mollet; e coral ‘O Botafumeiro’ da A.C.G. O Botafumeiro de Cerdanyola. A coral Cengallei baixo a dirección de Rosa González Mahía, interpretou as seguintes pezas: ‘Alalá de Lemos’, ‘Alalá da Pena’, ‘A Rianxeira’ e ‘Foliada de Cambados’. Tódalas cancións foron moi aplaudidas polo público asistente. O acto foi presentado por Toni Cotado. Unha vez rematada a actuación das corais participantes, todos xuntos interpretaron, ‘Els Segadors’ e ‘Os Pinos’.


Calçotada
O domingo 17 de marzo, na Ermida de Grenyana, o Centro celebrou a tradicional Calçotada. Ás 11:00 horas na Ermida, celebrouse a santa misa, que foi cantada polo ‘Grupo Coral Cengallei’, dirixida por Rosa González Mahía, que, como sempre, é unha ledicia escoitala e sendo moi aplaudidos o final da misa.
Ás 14:00 horas celebrouse o tradicional xantar dos ricos manxares, comezando polos calçots que coa saborosa salsa (de receita secreta) estaban estupendos; continuouse cun segundo prato de ‘monchetas’, longaíza e ‘chuletiñas’ de cordeiro, todos eles regados cun bo viño do Ribeiro e se finalizou coas sobremesas a base de deliciosos manxares ao cal mellor: tartas, pasteis e froita, sen faltar os licores e unha extraordinaria queimada.
A xornada foi moi completa, acompañados polos concelleiros do Concello de Lleida, Dolors Arderiu Sabaté, Joan Gómez i López, Francesc Josep Cerdá Esteve e Xema Solé Solà; a directora do Centro de Normalización Lingüística de Lleida e profesora de Universidade, Paquita Sanvicén Torné; e o presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir.
Cabe resaltar que a organización foi exquisita, grazas ao ‘chef’ José Domínguez e ao equipo que lle axudou a elaborar os ricos manxares.