Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Moi boas tardes.

Vostedes terán noticia dos moitos premios que, durante todo o ano, distinguen a galegos e galegas que destacan en diferentes actividades. Asociacións de todo tipo, organismos privados, medios de comunicación, e administracións públicas louvamos o mellor da nosa sociedade. Non hai sector que non estea representado no elenco de premiados. Entre eles móstrase ademais unha alentadora combinación entre o traballo innovador que dá os seus primeiros pasos, e aquel outro que leva detrás unha longa andaina.

A imaxe que ofrecen estes galardóns é a dunha Galicia en marcha, que coñece e recoñece os seus principais expoñentes. Produce unha fonda satisfacción que a nosa terra conte cunha canteira sólida de mulleres e homes notables, e resulta alentador que ese talento sexa admirado. Somos un pobo rico en capital humano, e sentímonos orgullosos diso.

Cómpre destacalo, e subliñar tamén que esa aparición de persoeiros dignos de ser recoñecidos, non cesou nos momentos máis duros das turbulencias económicas.

Nos transos máis aciagos, Galicia non parou de esforzarse, de investigar, de estudar, de emprender. Galicia atravesou unha crise, pero o noso xeito de ser e de facer nunca estivo en crise. Os nosos valores mantivéronse en pé. Non diminuíu a solidariedade. Non se reduciu a tolerancia entre nós. Non deixamos de ser unha Comunidade que quere estar xunta. Xamais desertamos do porvir. Existía na conciencia de cada galego a convicción de que nese futuro prometedor, Galicia estaría en pé e reclamando un papel importante.

Empezamos a vivir nese futuro. Nese futuro representado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, aquí no Porriño, onde me atopo. É un bo lugar e unha boa ocasión para recoñecer o labor de todos os galegos que non foron premiados oficialmente, pero que son artífices desa nova etapa. Porque comezamos a vivir unha nova etapa. Ninguén entendería un doente que non fixese caso dos primeiros síntomas da enfermidade, nin tampouco outro que desprezase os primeiros sinais de recuperación. Galicia non cometeu ningún deses erros.

Na miña opinión, soubo anticiparse con terapias apropiadas, cando aínda se dicía que a crise era ficticia. Sabe agora aproveitar os indicios de rexurdimento, cando aínda teiman algúns en ver un panorama sen esperanza. A nosa é unha esperanza fundada. Fundada en feitos e realidades froito do esforzo, a constancia e a perseveranza das galegas e galegos:

Así, a Galicia que estaba nunha nación que arrastraba un problema de déficit é agora a Galicia que durante seis anos controlou as súas contas nunha España que por fin repeleu o rescate.

A Galicia que tiña unha débeda pública superior á media de España é agora a Galicia que incrementou a súa débeda pública menos que a media das autonomías.

A Galicia que decrecía economicamente é agora unha Galicia que aspira a crecer un 2% o próximo ano.

E a Galicia que destruía emprego é agora unha Galicia que está empezando a crear emprego.

Non é dabondo para levar a tranquilidade a tantos fogares con problemas; pero é un limiar necesario.

Sen dúbida, debemos ter presentes tantas familias que aínda padecen as consecuencias da crise, especialmente as que sofren o paro; pero tamén convén ter presente que o que hoxe aínda nos parece insuficiente, non hai tanto tempo que nos parecía inalcanzable.

Así, do mesmo xeito que non debemos esquecer que aínda permanecen dificultades, temos que valorar o moito xa acadado entre todos, porque é a mostra de que Galicia é quen de seguir acadando o que se propón.

Galicia pode sentirse orgullosa como pobo e a este recoñecemento únese á valoración que tamén fan de nós desde fóra.

Cada vez se achegan máis visitantes a coñecernos e este ano batemos o récord de viaxeiros internacionais, coas mellores cifras de turismo, a excepción das do Xacobeo 2010.

Valórase a calidade coa que se identifican os nosos produtos e o traballo que hai detrás deles e este ano 2014 mantemos os niveis da mellor marca de exportacións e balanza comercial que conseguimos en 2013.

Crese na nosa capacidade. Valórannos e vennos como un pobo que cumpre coas expectativas e ben dotado para a innovación. Un lugar axeitado para desenvolver proxectos.

Quedan obxectivos por alcanzar pero, anos despois, aos nosos estaleiros está volvendo a carga de traballo e no ámbito da automoción –no que este centro é unha referencia internacional en tecnología– logramos a mellor noticia posible para as 19.000 familias que dependen del.

Os anuncios recentes de contratos e investimentos nestes sectores non son unha casualidade, nin un regalo. Competiamos cos mellores do mundo, e gañamos. É un triunfo colectivo no que interveñen tanto a destreza profesional dos traballadores, como a nosa estabilidade social e institucional.

Estabilidade social non é sinónimo de conformismo. Nunha sociedade viva, teñen que xurdir desacordos e hai inquedanzas. A misión dos poderes públicos é respectalas, escoitalas e darlles resposta, procurando que as medidas adoptadas favorezan o interese xeral e impulsen solucións a medio e longo prazo. Mentres a demagoxia cae no simplismo e trata o pobo como menor de idade, a misión do gobernante democrático é dicir a verdade, con toda a súa complexidade, a unha cidadanía adulta.

Estabilidade institucional non é parálise. Ao longo destes anos, os galegos definiron un modelo que non ten outra inspiración que a súa maneira de ser. Como vimos dicindo desde hai tempo, ser galegos non é algo excluínte, senón incluínte. Non supón levantar muros senón tender pontes. Formar parte de realidades máis amplas enriquécenos, amplía os nosos horizontes e axúdanos a comprobar a nosa importancia. Xa non se entende o significado de España, nin o de Europa, sen ese compoñente que nós achegamos, coa nosa cultura, coa nosa historia e a nosa creatividade.

A aspiración nosa é a mesma que a dos nosos devanceiros: estar presentes no mundo tal e como somos. Por iso resultan difíciles de entender as teimas por erguer fronteiras políticas alí onde non hai fronteiras humanas. Fronte a eses intentos de fuxir da realidade con ideas ilusorias, non vemos no alleo ameaza ningunha, senón unha posibilidade de cooperación.

Gañamos xuntos moitos desafíos, e xuntos podemos gañar unha batalla crucial que atinxe á limpeza da nosa vida pública. Existe a forza necesaria para vencer individuos que militan no seu interese persoal. Está na indignación cidadá que producen, tamén na dos cidadáns –de todos os partidos– que nos dedicamos á política e que asistimos a como se desvirtúa o servizo público polo que tratamos de dar o mellor de nós mesmos. Confiemos na carraxe que nos leva a mellorar o que levou tanto tempo construír, non naquela outra que destrúe sen presentar os planos do novo edificio.

Neste ano que pechamos, con tantos avances acadados, non quixese, non obstante deixar de recordar aqueles que deixaron a súa vida no mar. Debemos ter presentes ademais tantas vítimas desa vergoña colectiva que é a violencia de xénero. Todas estas persoas están no noso recordo e en todos nós o propósito de que non se volvan producir situacións así.

Alguén dixo que o papel dun Goberno é facer un país axeitado para os heroes que viven dentro. En Galicia, esa condición a teñen todos os galegos. Todos están escribindo esta páxina de superación na nosa historia. Galicia é a catedral de Santiago; Galicia é este Centro Tecnolóxico; Galicia son as mozas e mozos. Pasado, presente e futuro.

Galicia é tamén unha lingua, unha lingua que expresa o que fomos, o que somos e o que queremos ser. Cómpre lembrar como naceu e como chegou a moitos de nós. Para moitas xeracións de galegos, o idioma está asociado a un pai, a unha nai, a un avó, a un mestre que lles ensinou a querelo. Para moitas xeracións, o galego evoca unha complicidade afectiva que se sobrepuxo ás dificultades. É posible recuperar ese clima? Todos sabemos que si. Todos sabemos que o galego nos enriquece, e mesmo nos facilita estar no mundo con boas ferramentas expresivas.

Fálolles coa nosa lingua nun recinto innovador e punteiro onde galegas e galegos traballan con tecnoloxía de futuro. Son a imaxe dunha Galicia que nunca se resigna, dunha Galicia que escribe o seu destino. Seguirémolo facendo neste 2015. Queda e quedará camiño por andar, mais os cidadáns deste país seguiremos demostrándonos que o xa avanzado foi na dirección axeitada.

Deséxolles un novo ano venturoso na compaña dos seus.

Moitas, moitas grazas.