Galicia adapta a súa lingua ao presente e ao futuro co ‘Plan xeral de normalización da lingua galega’
Arredor dun milleiro de persoas –entre as que se topaban o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, así como destacadas autoridades políticas, militares, institucionais e relixiosas–, sumáronse a un acto no que se expuxeron as debilidades do galego para competir nos distintos eidos co castelán –idioma no se que manexan tamén parte dos colectivos de inmigrantes que se instalan en Galicia–, e tamén co inglés, sobre todo nas redes sociais e no uso das novas tecnoloxías.
Como contrapartida, apuntáronse as estratexias para contrarrestar esa corrente que sitúa o galego lonxe do lugar que lle corresponde como “lingua propia de Galicia” que é, segundo apuntou o académico e coordinador da proposta, Manuel González González, quen expresou o seu desexo de que o texto “marque un punto de inflexión na normalización” do galego; “o noso principal elemento de identidade”, aseverou.
Un primeiro pulo parte desta actualización do Plan xeral aprobado en 2004 –remitida xa ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices–, que supera as 700 propostas, nas que traballaron máis de 130 expertos asignados as 11 comisións representativas dos diferentes ámbitos sobre os que se fai necesario actuar.
O resultado conclúe cun ‘borrador’ sobre o diagnóstico, os obxectivos e as medidas a ter en conta para mellorar a presenza do galego nos sectores da administración, da economía, da educación, da sociedade, nos apartados da comunicación e das tecnologías e na transmisión patrimonial (familia, lecer e mocidade), así como en recursos lingüísticos e na xustiza, sen esquecerse da necesidade de remarcar a súa presenza tamén no exterior. Nel se fai fincapé nas zonas limítrofes co territorio (Asturias, O Bierzo), nos países lusófonos (Portugal e Brasil) e, especialmente, naqueles nos que a presenza numerosa de galegos emigrados xustifica a súa implantacion, como é o caso de Arxentina, Uruguai, Venezuela ou Cuba, en América, e Suíza, Francia, Alemaña ou Reino Unido, en Europa.
O proxecto de actualización, no que se estivo traballando desde 2024, preséntase deste xeito como unha ferramenta coa que “dar un paso ao fronte para avanzar nas políticas de desenvolvemento” do galego, dixo o conselleiro, para quen “o idioma non é alleo aos cambios sociais, económicos e demográficos que se están a dar”, que relegan ao galego por debaixo do lugar que lle corresponde.
Unha maneira de reverter esa corrente pasa por “reforzar a presencia da lingua galega nas plataformas” como instagram, e ante os “novos desafíos da intelixencia artificial”, pero tamén “nos espacios públicos de relación social” e nos restantes eidos, atestiguou.
Neste punto, apostou por desenvolver “un novo marco lexislativo que complemente a lei de normalización de 1983”, que impulsa o uso normal do galego, o recoñece como lingua propia da comunidade e como a oficial en todas as institucións e administracións e garantiza que ningúen sexa discriminado por razón de lingua.
Os “retos” de hoxe “non son os mesmos que hay 40 anos”, recoñeceu o conselleiro José López, polo que hai que “afrontalos”, engadiu, e non se pode pensar neles como “un perigo, nin como unha ameaza, senón como unha gran oportunidade”.
Ante as esixencias, López Campos referiuse á necesidade que houbo de traballar neste novo texto mediante “un gran pacto da sociedade, a través dun proceso aberto, libre e participativo” no que tiveron protagonismo, ademáis dos expertos, representantes de entidades e institucións vencelladas coa lingua galega, que fixeron máis de 1.400 aportacións, e aos que aproveitou o acto de presentación desta proposta para “agradecer a súa xenerosidade, o esforzo e a dedicación”.
Este “documento ambicioso”, como o calificou o conselleiro, foi presentado coincidindo co 141 cabodano do falecemento de Rosalía de Castro –a quen se referiu como “a nai das nosas letras”–, e a súa función é marcar “a folla de ruta da política lingüística” galega·da “próxima década”, poñendo o acento nas novas xeracións, incluíndo a toda esa poboación en crecemento que “non naceu en Galicia, pero que quere vivir en galego”, para que lles sirva tanto nos “novos modelos de comunicación” como para facer fronte “aos retos da intelixencia artificial”.
Rematada a primeira fase do proxecto de actualización do Plan, o conselleiro se fixou outros retos, como o de garantir os orzamentos necesarios para adaptar o galego á “nova realidade social” e acadar o acordo con outras forzas políticas para que se sumen a este “gran pacto social” coa lingua.
Promoción do galego no exterior
O galego ten presenza no territorio pero tamén no exterior, donde non posúe o mesmo nivel de protección legal nin político que ten en Galicia.
Os centros galegos da colectividade son mostra dese traslado da lingua galega fora das súas fronteiras –sobre todo no que atinxe á fala–, e, xunto co desenvolvemento no ámbito familiar, serven para manter e transmitir a lingua nai.
Non obstante, no momento actual, detéctanse dificultades para asegurar un contacto estreito coa lingua e a cultura galega nos descendentes de 2ª e 3ª xeración. Así mesmo, esas entidades da diáspora preséntanse como anacrónicas aos ollos dos galegos emigrados máis recentemente ou dos descendentes que desenvolven as súas profesións con total normalidade e co mesmo estatus social que os cidadáns dos países de acollida.
Nestes casos, o proxecto de actualización do Plan xeral de normalización lingüística contempla unha campaña da Xunta e dos concellos galegos para fomentar o uso da lingua neses centros da colectividade e apoiar a organización de actividades que a promovan, así como aquelas dirixidas á mocidade galega que incidan no coñecemento de historia, lingua e cultura galegas.
Outro obxectivo se basea na idea de crear condicións que permitan apoiar novas formas de organización da poboación galega no exterior que favorezan a presenza da lingua como elemento cultural de cohesión, e aproveitar a rede de centros para fortalecer a imaxe de marca de Galicia e a proxección da identidade propia no exterior. Tamén se propón estender o galego fóra do territorio, levando ao exterior a versión internacional da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) cunha programación activa que promova a lingua a través doutras manifestacións artísticas (música, cinema, teatro…), e trasladando a campaña de promoción da oferta audiovisual da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) alén das fronteiras e da súa oferta dixital.
Crear o ‘Instituto Rosalía de Castro’ como instrumento para promover e defender a lingua galega no exterior é outra das medidas incluidas no Plan, que recolle a necesidade de divulgar a existencia de orquestras, grupos musicais, teatrais… galegos, con miras a facilitar a súa contratación alén do territorio de Galicia e achegar o galego a través das outras artes fóra das fronteiras galegas (nomeadamente no resto de España e en Portugal).
Todo iso, apoiado coa promoción de edicións bilingües dos clásicos galegos para facilitar o seu coñecemento fóra de Galicia.
‘Galego de Caracas’ reivindica a lingua galega como “prioridade”
Os presidentes da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra; así como o secretario do Centro Ramón Piñeiro para la Investigación en Humanidades, Armando Requeixo, ou o catedrático de Filosofía Avelino Muleiro, se contaron entre os presentes no acto de reivindicación da lingua galega, celebrado o pasado día 15 de xullo no Museo Gaiás.
A convocatoria, na que tamén houbo actuacións musicais e testemuñas, estivo presentada pola xornalista Esther Estévez e polo actor Xosé Antonio Touriñán.
Abriu a parte do espectáculo o artista 9Louro, unha das principais voces da nova música urbana galega, e cobraron protagonismo tamén, entre outros, a cantante e presentadora Fátima Pego, a produtora Zaza Ceballos, a estudiante do curso Galego sen Fronteiras, Cleona Vaughan Spruce, e o poeta Simón Rodríguez, coñecido nas redes sociais como ‘Galego de Caracas’.
Neto de galegos, este caraqueño reside en Lugo, logo de beneficiarse dunha beca BEME que concede a Secretaría Xeral de Emigración para los galegos no exterior cun título universitario ou os seus descendentes, para que continúen a súa formación en Galicia mediante un máster.
‘Galego de Caracas’, quen fixo alusión ao dolor que se está a padecer en Venezuela tras os sismos, interpretou un poema e cantou unha canción, ao tempo que reivindicou a lingua galega como unha “prioridade”.