Manuel Suárez Suárez, escritor

Fernando Amarelo de Castro: apaixoado defensor do esforzo emigrante

Os que tratamos a don Fernando nos seus tempos de responsable máximo do servizo de atención aos residentes no exterior e centros galegos na emigración, estamos de loito. Perdemos a un esforzado traballador que foi pioneiro xa que asentou as bases programáticas do ámbito competencial da secretaría xeral de Emigración. Estiven moitas veces na Casa da Parra.

Fernando Amarelo de Castro: apaixoado defensor do esforzo emigrante
Manuel Suárez Suárez
Manuel Suárez.

Os que tratamos a don Fernando nos seus tempos de responsable máximo do servizo de atención aos residentes no exterior e centros galegos na emigración, estamos de loito. Perdemos a un esforzado traballador que foi pioneiro xa que asentou as bases programáticas do ámbito competencial da secretaría xeral de Emigración.

Estiven moitas veces na Casa da Parra. Alí sempre recibín a resposta axeitada aos meus pedidos de axuda cultural para entidades montevideanas coas que tiña especial relación polo meu pasado de emigrante na capital uruguaia. O trato con don Fernando era doado. Escoitaba con atención o que lle dicías xa que desexaba ter información completa sobre cada un dos fogares galegos na diáspora.

Naqueles anos o goberno galego non destinaba moitos cartos para os asuntos da emigración. Lembro que foi Amarelo quen enviou a primeira bandeira galega oficial a máis de 100 entidades emigradas e tamén quen instalou fermosos cruceiros de pedra en moitas encrucilladas do exterior. O seu comentario era que tiña pouco presuposto para as moitas necesidades.

Falando con el sentías o seu firme compromiso coa unidade sentimental de todos os fillos de Galicia. Na súa actividade diaria poñía paixón e razoamento. Así foi que moitos centros da emigración recibiron unha forte transfusión de enerxía por parte dun galego de Murias que lles animaba a organizar actos para non esquecer que as boas raíces tamén botan froito no outro lado do mar.

Quero destacar unha teima de don Fernando. Pensaba que a pervivencia da Galicia exterior estaba na incorporación da mocidade. Dicía que se manterían activos aqueles centros que fosen deixando espazo aos fillos e netos das respectivas xuntas directivas e para iso organizaba xornadas formativas onde os netos aprendían a xestionar con criterio as sociedades fundadas polos avós. Certamente que tiña razón xa que hoxe están no temón os herdeiros de aqueles valentes buscadores de felicidade. 

Manuel Suárez Suárez