Opinión

Perfecto López, egrexio vimiancés en Bos Aires

Manuel Suárez Suárez | 21 de diciembre de 2018

Que na actualidade a emigración galega en Bos Aires estea desfeita en anacos non debe levar a esquecer aos esforzados albaneis que ergueron nas beiras do Prata unha lareira identitaria para quecer da friaxe secular que freou o desenvolvemento en Galicia. Coido que é necesario ser agradecidos con aqueles emigrantes que mantiveron a nosa cultura na capital arxentina. A “Editorial Galaxia” acaba de publicar un excelente traballo de investigación da autoría de Xosé María Rei Lema que se titula Perfecto López. Un vimiancés na Galicia ideal. É moi recomendable esta biografía xa que nos permite coñecer a vida e a obra dun emigrante da Terra de Soneira que vai chegar ao alto do podio sen esquecer nunca onde están as raíces. No prólogo o alcalde de Vimianzo (unha das persoas que máis empurrou para que Perfecto López tivese a súa biografía) expresa: Xosé María Rei Lema consegue narrar, nunha síntese moi completa, unha parte fundamental da nosa historia recente, baixo o fío condutor da obra política e vital do vimiancés Perfecto López.

A lectura deste libro debería facernos reflexionar sobre a forza sentimental que alimentou a aquel rapaz analfabeto que recollía pinas polos montes da súa aldea. Coido que se chegou a triunfar e ser respectado polos persoeiros do galeguismo foi, precisamente, por non deixar de ser o Tato da Valiña. Supoño que estaba fondamente agradecido a moi nobre República Arxentina por permitirlle ascender ata o altar máximo do patriotismo que é estar ao carón de Alfonso R. Castelao. O seu corazón latexaba agradecemento, bondade e xenerosidade e non deixaba que lle faltase nadiña a Castelao e a súa esposa. Perfecto foi dos que puxo máis cartos para axudar ao noso guiero xunto con Manuel Puente e Xesús Canabal. Poida que comentase co egrexio rianxeiro sobre o rapaz que pintara subindo polo piñeiro no fermoso cadro ‘O neno das piñas’ de 1926. O gran Castelao fíxolle a maior das homenaxes xa que, sen coñecelo, pintouno tal cal era nos seus primeiros anos de vida.

A importancia de Perfecto López na historia da emigración riopratense atópase en que ademais de mecenas (Castelao, Editorial Galaxia, Congreso da Emigración, Historia de Galiza) estivo comprometido no consenso e bo entendemento entre os dous grupos do galeguismo que loitaban contra da ditadura franquista e a prol da República. Perfecto era bo amigo de case todos e no seu oficio de “andoriña” tiña que conciliar o carácter de Suárez Picallo coa bonomía de Rodolfo Prada ou as arroutadas de Blanco Amor. O libro de Rei Lema divídese en sete apartados: 1) Os primeros anos en Vimianzo (1904-1922); 2) As viaxes a Bos Aires e o seu asentamento (1922-1935); 3) O ascenso social e o achegamento ao galeguismo (1935-1943); 4) Anos de loita a carón de Castelao (1944-1950); 5) Os anos cincuenta; 6) Os últimos anos; 7) A semente que agroma. Perfecto López Romero. A rigorosidade na investigación leva a Rei Lema a corrixir varios erros que se veñen repetindo. Ademais puxo unha forte dose de agarimo para recuperar o exemplar labor dun herdeiro orgulloso da súa avoa analfabeta. Gloria eterna para Perfecto López de Vimianzo!

 

Sentido recordo

No mesmo intre que cheguei

a aquela terra tan boa,

con anceo preguntei

a tomba da miña aboa.

 

Dirixinme ao camposanto

levando angustia na i-alma

e mirei por todo o campo

hasta poder encontral-a.

 

I achegueime a humilde pedra,

baixo a que estaba enterrada,

dándolle bicos de pena

mentras meus ollos choraban...

¡Cómo non iba a chorar

pol-a santa conselleira

que, indo as pinas ou labrar,

era a miña compañeira?...

 

Marcheime con fonda pena

de aquel sagrado lugar,

bicando de novo a pedra

co pensamento en voltar...

 

[Este poema, o único que escribiu Perfecto López, foi publicado na revista Alborada en 1950]

               

Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca