Opinión

No paraíso dos paraísos!

No paraíso dos paraísos!

Os anos pasan aínda que aquel neno emigrante da aldea de Tines [Vimianzo] non esquece a súa grande alegría cando identificou a man do seu pai abaneando no peirao do porto de Montevideo. O desembarco tivo lugar o 27 de novembro de 1958 logo dunha viaxe que non foi doada xa que o vello ‘Cabo de Hornos’ ía perdendo forzas. Na longa singradura de 20 días perdín moito peso e non foi ata chegar a Santos que puiden recuperarme un pouco grazas ao meu tío Xosé de Romarís que subiu a bordo cunhas saborosas bananas brasileiras. Hoxe os plátanos canarios semellan case insípidos en comparanza coa máxica forza enerxética de aqueles fermosos cores amarelos.

Antes de baixar do barco fixen un percorrido visual por todas e cada unha das edificacións que rodeaban o porto. Axiña comprobei que o sol americano era moito máis forte que o da aldea xa que ninguén levaba abrigo. O meu pai e quen o acompañaba –despois souben que era o seu amigo Ramón de Castromil– levaban camisas de manga curta. A miña nai dicía que aquí non ía necesitar zocos xa que chove pouco e non hai lama nos camiños que ademais son de pedra. Pois, certamente semellaba que a cousa pintaba ben. Aínda estaba no barco pero moi convencido de que os meus pais escolleran aquela cidade para que eu puidese correr máis lixeiro.

O apartamento que alugara o meu pai na rúa Pantaleón Artigas e Ipiranga no barrio de Aires Puros, estaba ben. Non era grande pero tiña moita luz e na beirarúa contaba coa sombra protectora dunhas árbores chamadas paraísos. Alí foi onde artellei o meu novo espazo e sistema de vida. Todo canto vía era novo e todo canto oía era diferente. Na cociña un aparello chamado ‘primus’ encendía sen leña. A tarde enteira xogando ata a noitiña que era cando volvía o meu pai do traballo. Arredor das cinco facíase a pausa obrigada para o ‘refuerzo’ de pan con mortadela. Aquel Montevideo era estupendo.

O primeiro domingo en terras riopratenses coincidiu cunha data histórica no Uruguai: a celebración de eleccións nacionais. Por suposto que non me enterei do asunto electoral nin de que o Partido Nacional gañara despois de nove décadas de gobernos do Partido Colorado. Para min foi o domingo no que ingresei como socio de pleno dereito na xenerosa República Oriental do Uruguai. Un lugar moi especial, cheo de felicidade, no que os nenos fan pozos na praia de Buceo e corren polo Parque Rodó e aplauden aos murguistas nos tablados. Quero agradecer a Mercedes Vázquez Rama que foi quen me abriu as portas do novo país coa súa cordial hospitalidade.

O matrimonio Vázquez-Rama tiña a súa casa propia na rúa Santa Ana a uns dez minutos do noso apartamento. O máis direto para chegar era baixar ata Propios e logo ir pola rúa Tudurí. Mercediñas nacera en Vimianzo e tamén viñera nun barco. Quedei marabillado con ela. Atendía todo o que decía e gustábame todo o que facía. O seu caderno escolar non tiña unha mancha e os debuxos eran moi bos. Mercediñas utilizaba unha técnica –descoñecida para min– que consistía en premer máis ou menos o lapis para obter unha ou outra intensidade de cor. Foi quen me informou de que na escola tería que aprender a cantar o himno nacional.

A nova amiga tiña a experiencia adquirida en dous anos de residencia e non quería que eu chegase a escola sen saber quen era Artigas. Foi a quen lle escoitei por primeira vez a palabra heroe para definir a don Xosé. Calei a boquiña a pesar de non entender o seu significado. O único que me quedou claro foi que Artigas era amigo dos indios e que o deixaron morrer lonxe no esquecemento. Na merenda confirmei que desembarcara no mellor lugar do mundo. Mercediñas trouxo para beber unha auguiña quente e para comer unhas rodelas de pan cunha crema de cor beixe por encima. A bebida e a comida eran descoñecidas pero non preguntei nada.

A auga quente botábase nunhas herbiñas e chupábase por unha caniña metálica chamada bombilla. Era o mate doce e sabía ben. Pero a emoción máis forte recibína cando levei a boca un anaco de pan. Quedei fondamente sorprendido por un moi saboroso doce de leite segundo lle chamou Mercediñas. Aquela delicia deixaba moi en segundo plano ao chocolate que a avoa Concepción mercaba na feira de Baio. Volvín sorríndo para o apartamento. O meu pai falaba de erguerse cedo para ir a traballar en ‘Casa Ponti’. Pensei na miña boa sorte xa que na aldea non había nin mate nin doce de leite nin ‘primus’ para cociñar. O paraíso dos paraísos estaba alí na beira do Río da Prata.