Opinión

A morte do Centro Galego de Bos Aires

A morte do Centro Galego de Bos Aires

O acolledor fogar porteño onde Castelao recibiu o agarimo e o respeto dos emigrantes está intervido por orde xudicial e por tanto por vez primeira na súa historia non son as autoridades electas as que o gobernan. O feito é triste pero con lamentacións non imos saír da lameira. Só temos posibilidades se nos esforzamos en poñer a maior xenerosidade da nosa parte para que o Centro Galego de Bos Aires volva ao seu normal funcionamento.
A nosa colectividade na Arxentina foi a máis forte do mundo en riqueza económica e cultural e tamén en morriña activa na defensa da identidade galega. É certo que os tempos cambian pero non entendo que o cambio sexa deixar que morra unha entidade que posúe un dos máis grandes patrimonios do mundo. Ninguna asociación emigrante galega ten o seu tesouro artístico e falando de edificios só hai outro caso semellante en Montevideo coa Casa de Galicia.
Quero suliñar que a crise no Centro Galego coincide cun ciclo de crecemento na Arxentina polo cal os problemas non se lle poden cargar nas costas do actual goberno arxentino. Hai que ser valente e recoñecer que sucesivas directivas xestionaron mal ata que perderon o temón dunha embarcación sen rumbo. Poida que a crise económica galega tivese a súa importancia ao non poder botar man do salvavidas da Xunta de Galicia a través de xenerosas subvencións da consellería de Sanidade.
Pois ben... o que pasou... pasou e non hai que andar fedellando e petando enriba dos directivos que non souberon administrar unha grande entidade mutualista que se lle foi das mans. Hai persoas que sufriron moito ao ter que ser protagonistas forzosos dunha desfeita que os deixou en fóra de xogo; estoume a lembrar do ex presidente Vello que perdeu moita saúde en poucos meses. Os membros das agrupacións ‘Pro Centro Gallego’ queren o mellor para o Centro Galego pero que coido están nun estado de semi-inconsciencia que non lles permite actuar con ánimo e criterio.
O golpe foi moi forte. Agora é unha persoa allea aos asociados –Carlos La Blunda Criado– a que ten a responsabilidade de que na esquina de Belgrano e Pasco estean funcionando as consultas médicas. O que máis preocupa aos socios é a súa asistencia médica porque que haxa ou non concertos da coral semella serlles totalmente secundario. O interventor fai o que pode de acordo co seu mandato temporal que coido remata no mes de outubro. Para min abonda con que manteña abertos os consultorios e o Teatro Castelao para actividades culturais.
Sendo a misión de La Blunda a prazo fixo non corresponde criticarlle que non explique os gastos do orzamento se antes as agrupaciones non lle ofreceron ningunha colaboración dicindo  que era un pasmón ‘montonero’ que viña “a llevarse el Centro Gallego para la chorra de Cristina”. Nunca foi positivo a mestura entre touciño e velocidade. Disque o touciño vai moi ben enriba dun anaco de molete pero que non casa nin con ‘macristas’ nin con ‘antimacristas’. Quero dicir que o partidismo político non debería de ter cabida nun problema que afecta a máis de 10.000 asociados.
Haberá quen diga que eu falo desde lonxe. É certo pero dóeme o que está sucedendo e négome a que morra o meu querido Centro Galego de Bos Aires. Quixera pedirlle aos asociados e aos integrantes das agrupaciones e ao Sr. La Blunda que se leve a cabo unha xornada ou xornadas de debate arredor do futuro do Centro Galego. Un debate aberto no que os participantes poidan facer as súas propostas en total liberdade. Sería lamentable e moi irresponsable que despois da intervención houbese eleccións e que a nova xunta directiva non puidese pagar os salarios e volver aos bombos polos corredores do hospital. Se hai debate haberá futuro e non morrerá un centro sanitario-cultural que foi sempre a nosa lareira solidaria nas beiras do Prata.