Opinión

Graciñas, don Xosé

Manuel Suárez Suárez | 21 de julio de 2014

Poida que a crise económica inflúa negativamente en cada unha das nosas actividades,  razoamentos e pensamentos. Coido é o que está a suceder coas desnortadas críticas sobre don Xosé Filgueira Valverde. Non semella que sexamos unha sociedade concienciada da nosa riqueza identitaria cando caemos na insensatez de descalificar a quen o merece porque disque hai eleccións no ano 2015. Os galegos que pensan nunha patria grande queren ter ao erudito pontevedrés no seu equipo e non andan perdendo o tempo coas trangalladiñas de se quen adestra é Alonso Montero ou Méndez Ferrín.

Nós aló enriba temos unha moi forte selección celestial de fútbol que xoga con paixón e habilidade técnica porque hai entendemento entre os 11 convocados polo adestrador nacional galego que é don Luís Seoane. O actual plantel titular é o seguinte: Ramón Piñeiro [1]; Filgueira Valverde [2]; Cotarelo Valledor [3]; Otero Pedrayo [4]; Álvaro Cunqueiro [5]; Castelao [6]; Rafael Dieste [7]; Paco del Riego [8]; Paz Andrade [9]; Blanco Amor [10]; Lorenzo Varela [11]. Sei que Alonso Montero e Méndez Ferrín elixirían outros xogadores –coido que a dianteira é do seu agrado– pero son respectuosos co labor de Seoane e cumpren como fieis seareiros berrando cada gol dos nosos heroes azuis e brancos.

A nosa patria non debe de quedar asulagada por leas que nos empobrecen. Se ninguén nega que don Xosé sexa merecente do recoñecemento da Real Academia Galega, non corresponde andar fedellando en aspectos secundarios como o de lembrar o seu pasado de alcalde franquista de Pontevedra. Por certo, foi grazas a súa xestión municipal que hoxe gozamos dunha fermosa zona histórica na capital do Lérez. Quero dicir que tempo haberá para que outros candidatos obteñan o seu recoñecemento. Agora mesmo don Xosé está escoitando a Castelao que o consola: Non sintas que hai quen non te quere, Xosé Fernando. Os rapaces que protestan contra da Xunta son lectores agradecidos dos teus marabillosos ‘Adral’ publicados polo xeneroso irmán Isaac”.

Os que coñecemos a don Xosé puidemos escoitar mil e unha historias de Galicia e da emigración. Lembro con especial agarimo o que me contou sobre a vida e a obra de Alejandro Campos Ramírez. Moitos xoves pola tarde compartín con el un par de horas en Santiago de Compostela e case sempre viaxábamos ata o Río da Prata para lembrar o meu paso polo Patronato da Cultura Galega. Preguntaba polos seus amigos montevideanos e eu faláballe dos meus primeiros anos de candombe, doce de leite e goles de Peñarol. Comenteille que tivera un futbolín [alí é futbolito] cos xogadores feitos en aluminio de fundición e coas camisolas dos dous principais rivais do fútbol uruguaio. Unha tarde compostelá coñecín todos os detalles da apaixoante traxectoria vital dun emigrante de Fisterra que encheu de alegría a millóns de nenos do mundo enteiro.

Que don Xosé foi un sabio con ampla cultura non se discute pero tamén –e ademais de grande especialista en lírica medieval galega– foi un divulgador excepcional que escribiu miles de zumentos artigos na prensa. En ‘Ediciós do Castro’ recolle as valiosas pezas xornalísticas que titula ‘Adral’ e que humildemente ofrece aos lectores: “podédeslle chamar monza, caixón de xastre, táboa revolta, trepezada ou manta farrapeira”. Podo asegurar que non hai mellor tratamento contra da baixada depresiva da conciencia identitaria que ler calquera dos tomos do ‘Corpus-Adral-Filgueirán’. Os textos do noso gran polígrafo pontevedrés nacido na praza do Peirao son fondamente vitamínicos e por tanto unha moi boa dose enerxética para ir avanzando esperanzados polos vieiros do futuro. Graciñas, don Xosé.

Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca