Opinión

Dona Diáspora en Borneiro

Elena Carbajales | 21 de enero de 2013

A nosa vella emigrante quere retirarse. Confesa non ter forzas para continuar ao servizo da familia emigrante. Antes do remate de 2012 foi ata Baíñas para aconsellarse coa súa boa amiga Pedra da Arca e agora mesmo está en Borneiro [Cabana de Bergantiños] falando co seu grande amigo Dombate para ter una opinión máis sobre o seu retiro voluntario no areal uruguaio de Piriápolis.

 

–Boas, meu amigo megalítico. Non puiden despedir o ano contigo –tes que perdoar– pois quedara coa túa curmá Pedra da Arca. Ben sabes que non quero abusar da túa hospitalidade pero non ando ben. Estou asulagada na poceira do desalento e coa miña saúde emocional polo chan. Levo un século enteiro acumulando fracasos e por iso dicidín deixar o meu oficio de costureira das morriñas emigrantes.

–Non sei, miña amiga, semellas estar moi nervosa. Acouga un anaquiño mentras vou buscar a bolsa de ‘Canarias’ para axiña preparar uns bos e ralaxantes amargos coa túa ‘yerba mate’ preferida. Sempre teño ao meu carón un caldeiro de auguiña quente para matear con devagar ao estilo montevideano. Coido que aos teus anos, querida Diáspora, non son nada boas as súpetas subidas da tensión arterial e máis aínda se temos en conta que coa crise recurtadora poida que hoxe domingo non haxa quen te atenda no P.A.C. de Zas.

–Non teñas medo, son dura de roer. Os meus nervos están xustificados pero irán minguando despois duns sanadores mates. O meu problema non é físico xa que a pesar das longas singraduras aínda vou mantendo o rumbo. Tes que axudarme! Perdín a fe e así non podo seguir vogando. Onte mesmo predicaba a fin da emigración e mañá non podo ir por Alemaña adiante contando historias fantásticas sobre o noso verde paraíso. A mocidade expulsada pola praga da crise non escoitará o meu caducado discurso que ancorou en emocións do pasado.

–Entendo esteas enfurruñada. Sempre fuches unha moi cumpridora costureira que cosía coa mesma profesionalidade xa fose un remendo ou un encargo da máis “haute couture”. Son da opinión de que nin a tú agulla nin o teu fío están pasados de moda porque non hai tecnoloxía no mundo que poida superar unha puntada que une en irmandade os farrapos sentimentais dos galegos no exterior. Poida que esaxeres a importancia das novas tecnoloxías xa que non perden identidade os novos emigrantes que se comunican mediante un ‘twit’ ou un ‘whatsaap’.

–Agradezo queiras animarme pero vexo escuro o meu futuro. Son unha vella fracasada que non cumpriu a súa promesa de rematar coa exportación de pastores galegos que deixan orfos os seus vizosos montes para ir coidar de afastados prados sen herba. O que máis me doe é pensar en que non fun quen de facer sorrír a Rosalía de Castro. A nosa egrexia ‘Cantora do Sar’ estará rezando con devoción para que Galicia volva axiña ao rego do progreso e así poder quitar do dicionario a  palabra ‘emigración’.

–Non miña amiga, non. Estás asumindo a totalidade dunha carga que se ten que dividir entre todos os que vimos a luz no fogar de Breogán. Ti traballaches sempre de balde e sen outra meta que non fose a promoción da cultura galega no seo da familia emigrante. A túa democrática e xenerosa achega é merecente da máis alta distinción das Nacións Unidas por manter activa a forza das raíces identitarias. Se as portas dos corazóns emigrantes se abriron foi porque confiaron nos teus sabios e desinteresados consellos e ninguén pode negar que te implicaches persoalmente en cada unha das saudades do amplo colectivo emigrante. Se me fas caso e antes de coller o bañador, pídoche fales co secretario xeral de Emigración para explicarlle que non queres ser unha mariñeira esquecida no peirao da desilusión.

–De acordo, Dombate. Pedirei cita e irei ata a rúa compostelá de Basquiños. O teu consello coincide co de Pedra da Arca –nótase que sodes da familia– que insistiu moito en que coñeza a Rodríguez Miranda. Agora que o penso e tendo en conta a súa orixe ourensá, vou aproveitar a visita para falarlle do meu amigo porteño Juan Manuel Sánchez. Informareino de que Sánchez é un dos máis importantes artistas plásticos da Arxentina e co valor engadido de descender de pai ourensán. Hoxe é o único sobrevivinte do recoñecido grupo artístico ‘Espartaco’ que foi un moi importante movimento renovador no Río da Prata. Hai tempo que Juan Manuel quere expoñer en Galicia pero certamente que aos seus 80 anos non corresponde que ande a pedir esmola. Supoño que se o convidan ven encantado e como non é nada interesado, retribuirá a xentileza pintando un mural nalgunha parede que desexe enfeitarse coa arte dun fillo da emigración.

 

Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca