Opinión

Carta aberta ao Interventor do Centro Galego de Bos Aires

Elena Carbajales | 18 de febrero de 2013

Prezado don Carlos:

O primeiro é pedirlle desculpas pola miña indiscreción de escribirlle unha carta pública. Se publico estas liñas na prensa é porque estou fondamente preocupado polo futuro do Centro Galego de Bos Aires que como vostede comprenderá non é un tema de carácter reservado ou privado. Síntome apenado diante da intervención xudicial da máis importante entidade galega na Arxentina. A centenaria asociación de emigrantes está fóra das mans das súas autoridades electas. Abondan entón os motivos para estar ao axexo dos acontecementos que se vaian sucedendo xa que o espazo porteño no que faleceu Alfonso Rodríguez Castelao non é unha asociación máis da colectividade.

Estamos a falar de máis de 100 anos dunha historia chea de éxitos na contribución solidaria ao benestar físico e espiritual dos emigrantes aínda que se somos obxectivos temos que poñer un punto negativo no ano 2012 dentro do apartado de xestión dos fogares sociais galegos no exterior. O avós emigrantes ergueron unha acolledora lareira na que quentaban os corpos e os espíritos os milleiros de asociados que mediante unha cota mensual apoiaban a obra comunitaria. Aqueles albaneis que cruzaron o mar fixeron un niño en Bos Aires con vimbios riopratenses pero sen esquecer a tradición artesá galega de crear pezas de utilidade.

Os esforzos e suores dos fundadores están presentes no sangue dos herdeiros que recibiron un dobre legado: material e sentimental. Os netos non poden renunciar ou presentar a demisión da estirpe orixinaria xa que o ADN non se pode elixir coma se fose unha saia ou un pantalón. Nestes tempos onde os pesos mandan moito temos que ser serios e defender con firmeza a viabilidade dunha sociedade mutualista e non caer no erro de moda chamado “privatización”. O fallo no Centro Galego non foi motivado polo modelo asociativo e o exemplo témolo en Montevideo onde a Casa de Galicia sae adiante cos seus propios recursos.

Son consciente, don Carlos, que o seu labor está cheo de dificultades. Non é doado cumprir un encargo ético que non recibirá ningún premio ou medalla. O que vostede faga será analizado polos historiadores cando dentro duns anos recollan as crónicas destes días de incerteza e desalento. Terá que vacinarse para poder ir polos corredores debidamente inmunizado diante de calquera nociva “chamuyada” dos receitadores de apócemas máxicas que prometen sandar ao enfermo sen tratamento agresivo. O noso paciente da esquina de Belgrano e Pasco está infectado por unha activa bacteria da variedade “malandra” que destrúe as células sas como fai o verme na cesta das mazás.

Quero pedirlle convoque reunións mensuais para debater sobre a concreción e definición da estructura societaria do novo Centro Galego de Bos Aires. O consenso das partes implicada é imprescindible. Se vostede o considera axeitado convidará aos representantes dos asociados, dos traballadores, dos organismos arxentinos e da Xunta de Galicia. Sobre a participación da Xunta corresponde precisarlle a miña particular opinión de que é moi necesaria porque a achega do goberno autonómico vai máis aló dunha  subvención das cotas dos socios nacidos en Galicia. O noso goberno ten a obriga e o compromiso moral de non deixar esmorecer o patrimonio material e inmaterial dos galegos no exterior.

Eu son optimista e sei que das reunións que vostede convoque sairá unha entidade de futuro ou dúas [Hospital e Instituto de Cultura] que non virá das présas nin das improvisacións senón do debate serio e sensato dos proxectos que se presenten. Espero que ningún dos asistentes levante o tello do pote para botar dentro un chisco de “privatización” xa que o noso caldo tradicional non admite compoñentes alleos que estraguen o seu sabor. As actuais propiedades foron mercadas para uso social e as obras de arte [Castelao, Colmeiro, Díaz Pardo, Maside, Laxeiro, Seoane] forman parte indivisible do inmoble. Os cadros son símbolos e representan a cada un dos emigrantes desembarcados na Arxentina. Así o quixeron os seus agradecidos autores cunha terra na que sempre tiveron ao seu carón un mate quecedor de morriñas.

Remato estas liñas esfiañadas ofrecéndolle o meu entusiasmo e a miña maior disposición para colaborar de xeito honorario na recuperación do noso egrexio Centro Galego de Bos Aires. En especial para axudar na recuperación o más axiña posible da actividade cultural no seo do Instituto Arxentino de Cultura Galega. A miña proposta é a  impartición dun curso sobre la presencia de la emigración gallega en el mundo del tango. Coido que o camiño máis axeitado para revitalizar a chama cultural é a lembranza e posta en valor dos autores galegos de tangos universais que hoxe son Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade [Declaración da UNESCO do 30-09-2009].

Reciba un cordial saúdo desde as beiras de Santiago de Compostela.

 

 

Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca