Desde 1964 sementando identidade en Montevideo
Cando se fala das actividades das asociacións de emigrantes na República Oriental do Uruguai temos que considerar o momento histórico e o país no que ofreceron os seus servizos. Non é o mesmo que desembarques na Habana que en Bos Aires ou en Montevideo. Poida que a morriña sexa idéntica para todos pero o seu acougo terá unhas cores na beira caribeña o outras na beira riopratense. A historia da emigración dinos que as máis fortes foron o Centro Galego da Habana e o Centro Galego de Bos Aires e a Casa de Galicia de Montevideo. Estou a falar de patrimonio edilicio pero tamén de algo moi importante que ofrecían as tres entidades: a asistencia médico-hospitalaria para os seus asociados.