Opinión

Un pazo galego na Habana

| 03 de marzo de 2011
Dona Diáspora está dándolle voltas aos recentes acontecementos de cambio político na terra dos faraóns e recordando que os máis vellos da Terra de Soneira acertaban cando dicían que “estamos de paso”. Se a vida é fugaz haberá que pasar por ela con xenerosidade e recoñecendo os erros. Agora mesmo na capital cubana non caben as desculpas de mal pagador sobre a devolución do Centro Galego aos seus lexítimos propietarios. Se miramos para atrás vemos que se o grande edificio habaneiro segue en pé non é pola forza revolucionaria senón pola aliaxe emigrante entre obxecto e espírito. A nosa obra arquitectónica de calidade garda no seu interior o alento emocional dos milleiros de asociados que tiveron alí o seu fogar de solidariedade lonxe do manancial parroquial.
A colocación da primeira pedra tivo lugar o 8 de decembro de 1907. O encargado da cerimonia foi o presidente Xosé López Pérez. Hai que indicar que a pedra, un bloque de granito, viñera dunha canteira das terras lucenses de Parga. O detalle non é menor xa que nin en Bos Aires [2-V-1907] nin en Montevideo [30-8-1879] se puxeron pedras galegas nos cimentos dos seus centros e tampouco comezaron unha obra desde cero. Na capital arxentina o primeiro local social foi en arrendamento ata que en 1917 se mercou o actual terreo da rúa Belgrano. Non hai edificio social de emigrantes que se poida comparar ao Pazo Social do Centro Galego da Habana xa que a illa caribeña estaba inzada de fortes empresarios galegos e por tanto tamén de cartos.
Dona Diáspora lembra coma se fose hoxe aqueles longos aplausos cando na noite do 15 de abril de 1915 remata a representación da obra ‘Don Juan de Austria’ na inauguración oficial do Gran Teatro da Habana. O teatro relocía por todos os seus recantos e tamén as facianas dos verdadeiros protagonistas do evento que eran os emigrantes que o construíran investindo dous millóns de pesos nas obras. O Paseo do Prado foi unha festa pero sen dúbida que o acontecemento merecía unha boa celebración. Cando ía camiñando na compaña de don Antonio Villaamil camiño dun restaurante foise atopando con ducias de directivos do Centro Galego que amosaban o seu orgullo polo labor ben feito. Eran os satisfeitos pioneiros dun novo xeito de enriquecerse que consistía en encher as alforxas de identidade.
Na cea, don Antonio que daquela era o presidente da entidade fíxolle un agasallo que aínda conserva moi ben gardadiño e que moito agradeceu. Trátase dun exemplar da revista ‘Bohemia’ do 25 de abril de 1915 que estaba dedicado ao Centro Galego. O anfitrión rogoulle que fixese a lectura do poema ‘A traxedia das follas’ de Ramón Cabanillas que viña publicado na páxina 8 da revista. Na sobremesa houbo un anaco de bo humor xa que dona Diáspora –que nunca fumara– quixo quedar ben con don Antonio e fixo uso da palabra na sobremesa para dicir: Los buenos fumadores, fuman: Flor de A.Villaamil. O habano era da mellor calidade ou debía selo porque aínda permanece na súa memoria os comentarios dos comensais cando dixeron que a súa cara se lle puxera coma un tocororo. O cumprido foi certamente axeitado xa que o fermoso paxaro leva  as cores da bandeira nacional na súa plumaxe.
Dona Diáspora quere falar co secretario xeral de Emigración para pedirlle que intente incluír na axenda institucional da Xunta de Galicia o tema referido á recuperación do Centro Galego da Habana. Aínda que comprende que o goberno galego ten moitas preocupacións e prioridades non por iso debe quedar adiada a xestión que leve a recuperar un edificio que forma parte da historia de Galicia. O vindeiro 20 de decembro non debera de pasar sen recordar ao ferrolán Fontenla Leal no mesmo lugar en que promoveu a estrea en 1907 do actual himno galego. É só unha suxestión que roga se estude sen présas, así coma tamén a proposta de  convite ao investigador Francisco Rey Alonso para que fale da historia do Gran Teatro da Habana.
O recoñecido filólogo Rey Alonso é o maior especialista en danza de Cuba e tamén quen máis afondou na investigación sobre a historia do edificio do Centro Galego. Son súas dúas obras de obrigada consulta: Gran Teatro de La Habana. Cronología mínima, 1834-1987 [1988] e Gran Teatro de La Habana. Biografía de un coliseo [2006]. O autor ten un libro inédito –El Gran Teatro de La Habana, trayectoria de un edificio– que ben pode ser editado pola Xunta de Galicia para ser presentado no vindeiro mes de decembro. Se pensamos nos asistentes ao acto pódese reimprimir a edición facsímile que editou o Centro Ramón Piñeiro no ano 2008. Poida que asista don Fidel agora que semella ter unha actividade máis acougada. Quizais se lle escoite dicir que “rectificar é de sabios” e que o goberno cubano está considerando a posibilidade de que o Centro Galego volva aos herdeiros cubanos dos seus fundadores galegos.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca