Opinión

Un milleiro de parabéns para o irmán Cordeiro Monteagudo

Aínda que a nosa dona Diáspora non ten a vista que tiña distingue perfectamente ao lonxe se o que se achega é un avión o unha gaivota. Anda moi alporizada porque agora resulta que os controladores aéreos, meus pobriños, traballan moitas horas. Os  emigrantes galegos que percorreron o mundo na busca dun traballiño cren que haberá que recordarlles que non están cobrando dunha empresa privada senón dos nosos impostos.
Un milleiro de parabéns para o irmán Cordeiro Monteagudo
Aínda que a nosa dona Diáspora non ten a vista que tiña distingue perfectamente ao lonxe se o que se achega é un avión o unha gaivota. Anda moi alporizada porque agora resulta que os controladores aéreos, meus pobriños, traballan moitas horas. Os  emigrantes galegos que percorreron o mundo na busca dun traballiño cren que haberá que recordarlles que non están cobrando dunha empresa privada senón dos nosos impostos. Home, xa está ben! Un condutor de calquera autobús urbano transporta miles de persoas por día e ten a mesma responsabilidade que eles pero cobra exactamente 200 mil euros menos por ano. Este grupiño de insolidarios tiñan o seu couto ben pechadiño para que ninguén soubese sobre o seu inxustificado e altísimo salario.
Na conta das alegrías fai un brinde polo éxito conseguido polo MERCOSUR xa que despois de anos de negociacións houbo acordo entre Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai para avanzar na consolidación dun mercado común. A integración rexional americana será o motor que empurre para o incremento do benestar social destes países que teñen moito futuro se eliminan antigos aranceis e vellas desconfianzas.Xa que viaxou ao interior arxentino ---o cumio do MERCOSUR tivo lugar en San Juan--- de volta fixo unha única paradiña en Bos Aires. Non quería perderse a exposición de Manuel Cordeiro Monteagudo na Galería de Arte do Centro Galego. Lembra que é a terceira vez que felicita ao artista coruñés; a primera foi en Montevideo no Centro Coruñés e a segunda no barrio porteño de La Boca cando amosou as súas creacións no museo Quinquela Martín. Coñeceu ao irmán Cordeiro cando era un destacado atleta que gañaba carreiras de fondo por toda Galicia aló polos anos 1947-1951.
Cando se fala de Cordeiro sempre é para eloxiar a súa nobre traxectoria de galeguista enteiro. Nel non caben as reviravoltas. É un auténtico patriota que foi activo dirixente no seo das Mocedades Galeguistas na compaña de Neira Vilas,  Santamarina Delgado e Carlos, o fillo de don Bieito Abraira. O coro “Brétemas e Raiolas” e o “Conjunto Artístico Breogán” naceron pola súa iniciativa e foi o editor da estupenda revista “Lume Novo”. Os seus debuxos e as fermosas pinturas en coiro enchen de arte ducias de centros galegos riopratenses. A súa xenerosidade fixo que os centros galegos teñan pendurado no seu salón de actos un estandarte saído das súas mans. Por certo, dona Diáspora non esquece e quere facer constar que don Manuel Cordeiro Monteagudo non ten a Medalla Castelao. Se o di é para que logo non veñan con desculpas xa que se hai acordo unánime en que a merece a Xunta de Galicia debe actuar en consecuencia.
No capítulo das penas ou lamentacións dona Diáspora está moi preocupada polo futuro do Centro Galego de Bos Aires. Está pensando en contactar co seu vello amigo de Noia, Eduardo Sánchez Millares, para que faga de mediador diante da Xunta de Galicia. Entende que é a persoa axeitada para trasmitirlle ao presidente da Xunta cal é a posición e o pensamento dos ex presidentes e directivos que deixaron o seu suor erguendo o Centro Galego. Houbo unha reunión de urxencia na que fixo de secretario don Rodolfo Prada Chamocín [Os Peares-Ourense] quen reflictiu na acta as palabras de cada un dos asistentes. Todos eles coincidiron en que non son tempos de dividir esforzos. A fonda crise do Centro Galego non se arranxa coa volta ás loitas electorais senón que se agrava porque en vez de centrarse na recuperación o que se fai é perdendo o tempo detrás duns votos. Os vellos dirixentes afirman que a entidade progresou e aforrou moito logo do histórico acordo de rotatividade na presidencia entre as cinco asociacións electorais existentes.
Foi don Rodolfo segundo o conta don Valentín Fernández [curmán do ex presidente Fernández Albor] quen logo da reunión se achegou ao carón do activo noiés para comentarlle en voz baixiña: Ti ben sabes, meu prezado Eduardo que nos nosos tempos houbo enfrontamentos moi fortes que remataron cando se fixo o acordo histórico da rotatividade na presidencia entre as cinco asociacións. Foi un avance que evitou estragar recursos en facer campaña cando todos temos o mesmo compromiso que é loitar polo benestar do Centro Galego. Pídoche interveñas para facerlle chegar ao presidente da Xunta a mensaxe de que é moi negativo que se traslade ao Centro Galego unhas regras de xogo electorais que están pensadas para un espazo máis amplo de xente e de espazo.
As palabras de don Eduardo disque foron as seguintes: De acordo, Rodolfo. Ben sabes o respecto que teño pola túa persoa e pola sensatez que sempre practicaches. Estou pensando en comentarlle o asunto a Cuíña porque foi el quen me axudou con cartos do seu peto cando estiven mal nos meus últimos anos aló embaixo. Foi a súa axuda persoal a que me permitiu ter unha persoa ao meu servizo. Supoño que o presidente poñerá máis atención nun ex conselleiro que nun ex presidente do Centro Galego. A miña opinión é que unha cousa é votar en Galicia e outra moi diferente no Centro Galego. Cos problemas económicos que ten a nosa institución non hai que andar buscando votos senón cartos e solucións. Poida que haxa que facer unha viaxe a Montevideo. Haberá que achegarse a tomar un cafeciño no “Expreso Pocitos”. Falando co arzuán Ramos  aprenderemos da recuperación da Casa de Galicia que hai anos nos superou en número de socios e tamén e sobre todo, en boa xestión. Os de Montevideo non tiveron que andar detrás de empresas que queren gañar cartos coa sanidade. Nunca pensei que houbese que mirar para a outra beira do Prata cando sempre foron eles os que miraban para nós. As voltas ou cousas da vida que diría o noso benquerido Castelao.