Opinión

A maleta montevideana de dona Diáspora

Menos mal que dona Diáspora chegou ao aeroporto de Carrasco cun paraugas de Peñarol na man porque senón tería dificultades para saír coa tonelada de emocións que levaba comprimidas na maleta. Os funcionarios da aduana sorriron cando miraron para o paraugas e comentaron: Buen cuadro, ése ¿no?. A nosa velliña viaxeira ten poucos amores pero un deles está na capital uruguaia.
A maleta montevideana de dona Diáspora
Menos mal que dona Diáspora chegou ao aeroporto de Carrasco cun paraugas de Peñarol na man porque senón tería dificultades para saír coa tonelada de emocións que levaba comprimidas na maleta. Os funcionarios da aduana sorriron cando miraron para o paraugas e comentaron: Buen cuadro, ése ¿no?. A nosa velliña viaxeira ten poucos amores pero un deles está na capital uruguaia. Despois de andar mil camiños afirma que non hai maior alegría que andar paseniñamente pola feira de Tristán Narvaja para informarse sobre a identidade cultural dos cidadáns da terra de Xosé Artigas. Se imos tomando mate e cunha torta frita na man pois non hai dúbida de que estamos no chanzo máis alto da felicidade.
Alí sempre estará o que buscamos. Así foi que a nosa amiga atopou o domingo 22 de maio un exemplar de ‘El Uruguay y su sombra’ que hai máis de 30 anos que está esgotado. En 1963 sae da imprenta este libro da autoría de Walter González Penelas. Polos apelidos sabemos que era fillo de galegos. Estivo traballando no Instituto Nacional de Colonización en importantes traballos de campo no interior do país. Foi un sociólogo prestixioso e un gran poeta case descoñecido. O libro debería ser de lectura obrigatoria no gabinete do presidente Mujica nun momento en que se debate sobre o mundo rural e os seus desafíos. O gayego Lorenzo, ministro de Economía, deberá tomar nota das sabias recomendacións dun paisano seu que anticipara hai 48 anos moitos dos actuais problemas.
No seo da colectividade ten boas e duradeiras amistades. Se vai polo Centro Ourensán, recibirá as apertas de Suso Vázquez e Eliseo Rivero, dous fillos de Vilanova dos Infantes que non esquecen onde están as raíces. Tamén pode coincidir con Isabel Porteiro que aínda segue sendo a mellor camareira do mundo especializada en callos. Se falamos da Casa de Galicia hai que achegarse pola parroquia de Lema, en Arzúa, para ir ata a casa do actual presidente. Hai que aplaudir moi forte ao loitador Manuel Ramos Pérez porque o seu esforzo fixo que a entidade saíse da poza do endebedamento. Certo é que ten bos colaboradores como a presidenta de Cultura, Emilia Rego Trobo, que fai que cada peso uruguaio sexa case un euro en poder adquisitivo. A boa de Emilia mantén as actividades culturais contra vento e marea.
As mozas do Patronato están cada día máis novas e poida que a razón estea en que atoparon novos azos na avenida Rondeau. Os equipos bos sempre triunfan, antes ou despois, e iso sucede con Ana María –a filla da bergantiñá Sabina– e con Carmiña de Lousame e con Consuelo de Tella que non esquece as troitas do río Anllóns. Tamén están apoiando Maricarmen de Gondomar e Consuelo Cabo que xa ía polo Patronato nos tempos de Yolanda Díaz Gallego. Falando coas nosas herdeiras confirmamos que a cultura galega ten futuro nas terras uruguaias porque está nas mellores mans posibles.
Que Peñarol é un sentimento ninguén o pode negar e por iso foi que dona Diáspora se fixo aurinegra. Non é certo que o equipo dos galegos sexa Nacional aínda que evidentemente foi galego o seu mellor presidente. Por sorte, o emigrante Añón escolleu ser ‘bolso’ xa que doutra maneira hoxe estarían en segunda división. Aclarado o tema hai que dicir que despois da feira de Tristán Narvaja é obrigatorio coller por ‘18’ ata o parque dos Aliados. Na esquina con Martín C. Martínez hai que mercar un choripán para o camiño xa que logo na entrada na Tribuna Olímpica –na man esquerda– temos novamente os saborosos chourizos agardando por nós. Para gritar un gol hai que ir sempre acompañado. Se imos na compaña de Joaquín e Franco teremos cumprida información sobre as tácticas que utiliza Diego Aguirre.
Despois do partido o peche de ouro foi a cea na casa do matrimonio D'Alessandro-Vázquez na rúa Carabelas. Con Graciela e Osvaldo estamos en familia. Son dúas persoas moi responsables, preocupadas polo futuro do país e dos seus dous fillos. Na súa casa hai que seguir o estilo tano-gayego de encher o bandullo. Para ir facendo boca unha torta frita que vale por media ducia das compradas e logo uns ñoquis caseiros que fan gozar ao padal. Osvaldo lembra cando aló en Carpintería [Durazno] andaba detrás dos niños de teru-teru e Graciela garda enteiriña a imaxe do seu avó de Oróns [Bamiro-Vimianzo] cando a levou pola feira de Baio. Se queremos un bo asado hai que ir pola avenida Millán ata ulir un arrecendo. Non hai perda. Estamos no patio do fondo da casa de Pura e Pepe. Arredor dunha mesa branca os anfitrións e os convidados van debullando ducias de fermosas historias das lonxanas aldeas de Vimianzo e Zas.