Opinión

A maleta arxentina de dona Diáspora

| 02 de junio de 2011
A nosa velliña dona Diáspora volveu da capital arxentina chea de emocións e de agasallos. O certo é que as emocións non as trouxo na maleta senón dentro do seu corazón de filla devota de Rosalía de Castro. Os agasallos son recordos de antigos e novos amigos que teñen gran valor porque simbolizan a unidade coa terra dos avós e confirman que Galicia latexa con forza en Bos Aires.
Sempre estivo agarimada polos seus netos e netas. Os nosos descendentes son agradecidos cidadáns arxentinos que lembran cando no patio da casa porteña se falaba en galego ao mesmo tempo que se xantaban ñoquis con estofado ou saborosas tiras de asado. Tamén están os que baixaron dun barco naquel amplo peirao que axiña os fixo membros da filosofía riopratense do esforzo creador de futuro. Hoxe son donos da alegría. A viaxe non foi de balde porque os herdeiros tocan a gaita ou a pandeireta coma se estivesen na festa parroquial.
Que a terra galega é máxica ninguén o nega xa que as raíces cruzaron o mar sen perder forza. Disque, pola mañá cedo, o mate é a mellor medicina contra da morriña. Con Graciela falou de Rosalía, de Maruxa Villanueva, dos tangos, de ‘Patoruzito’ e de que a asociación Os Gromos vai mantendo a súa actividade. Con Rosa Puente lembraron aquelas vacacións xuvenís en Punta del Este. Con Ramón aprendeu que os muxos semellan seren salmóns aló por Salvaterra do Miño. Con Adolfo coñeceu onde están as mellores ‘mollejas’ de Ribadeo. Con Beatriz foi polo río Mandeo ata a rúa Venezuela sen esquecer que Eladia Blázquez vivía en Gerli na esquina de Lacarra e Bustamante. Con Cordeiro fixo unha maratón pola Boca levando diante o estandarte cunha vieira do Riachuelo. Con Mariana fixo un paseo polas rúas de Villa Bosch para quitar unha foto na esquina de Martín Miguens e Carlos Echagüe.
A grandeza de Galicia está na súa xenerosidade xa que os emigrantes deixaron o paraíso para sementar solidariedade nas beiras pratenses. A etnia do carballo fíxose ombú aló do outro lado pero non hai vento pampero que poida coas nosas follas: Dinora [Foi quen de falar de Artigas de Paco Lores ao mesmo tempo que abría unha histórica edición de Antón Alonso Ríos]; Verónica [A súa imaxe é un lugar único chamado a Casa do Monte]; María Elena [Ía polo río Xallas ata Varilongo]; Penelas [Coido que afirmou que a única Flor Alta chámase Rocío]; María Paz Freire [Unha lucense da Muíña en Bernal]; María Gerpe [Os seus 15 anos enriba do “Cabo de Buena Esperanza”]; Pepita [Aquel porto patagónico non é Fisterra, non]; Delfina [Chegou o americano...chegou o americano!]; Consuelo [Cheliño! Ide a buscar a rapaza]; Norma e Elena Fraga [Avellaneda, os albaneis de sangue vermello]; Pepe Filgueira [Os hórreos de madeira máis fermosos do mundo].
Unha das maiores recompensas que se poden recibir despois de 50 anos en Arxentina son as bágoas de felicidade e os sorrisos de misión cumprida. O emigrante Abel Lema Espasandín chorou cando escoitou falar de seu pai, o maior regueifeiro de Vimianzo. Case lle pareceu que o tiña ao seu carón cantando nunha voda na parroquia de Tines. Hai tres sorrisos de dúas mozas e dun mozo que manifestan o peche da ferida migratoria. O de Carmen de Feles de Torelo que fala mentras vai polo salón adiante do Corcubión levando os boísimos ravioles de ricotta e noz da recoñecida fábrica ‘La Juvenil’ ou o de Lola de Cumeiro, unha fermosa rapaza da Vila de Cruces que fai que calquera paella porteña escureza o arroz ao estilo de Valencia ou o do retranqueiro Pepe Vidal de Laxe que pasou por Fornelos ata Baio un 29 de agosto de 1957 cando ía camiño de Vigo para embarcar. Graciñas, irmás, irmáns, curmás e curmáns. Xa sabedes que aquí tedes alguén que vos recoñece o traballo e que cando queirades estará convosco para berrar forte:  Forza Arxentina! Forza Galicia!
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca