Opinión

O gran compositor betanceiro Carlos López García-Picos

Hai tempo que don Luís Seoane quere convocar a sesión de ingreso do egrexio compositor betanceiro Carlos López García-Picos na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense pero foise adiando por razóns alleas ao seu interese particular en homenaxear a quen foi amigo seu en Bos Aires. Agora que rematou o Mundial de fútbol conta cun horario de máxima audiencia na Radio do Ceo.
O gran compositor betanceiro Carlos López García-Picos
Hai tempo que don Luís Seoane quere convocar a sesión de ingreso do egrexio compositor betanceiro Carlos López García-Picos na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense pero foise adiando por razóns alleas ao seu interese particular en homenaxear a quen foi amigo seu en Bos Aires. Agora que rematou o Mundial de fútbol conta cun horario de máxima audiencia na Radio do Ceo. Os valedores do novo membro son: Maruxa Villanueva, Fernando Iglesias e Isidro Maiztegui Pereiro. As intervencións terán lugar pola orde alfábetica do nome de pía para quitarlle protocolo e cerimonia ao ingreso dun compañeiro de loitas e esforzos.
Fernando: Coma ben podes supoñer, prezado Carlos, eu de música caseque non sei nada. Se estou aquí é porque don Luís lembrou que compartimos choio extra-profesional xa que ambos os dous traballamos premendo timbres para cobrar as cotas dos socios do Centro Galego. Daquela nin eu vivía do teatro nin ti da música polo que os pesiños da cobranza viñan moi ben. Eran tempos felices nos que o mundo era noso.
Carlos: Home...ti saber sabes de abondo porque sempre tiveches un bo oído e unha voz especial para as nosas vellas cántigas. Cando te escoitaba nalgún cantar de arrieiro  nunha obra de teatro o meu peito enchíase de patriotismo betanceiro. Xa sabes que coincido co meu mestre Olivier Messiaen que dicía que “un erro dos músicos contemporáneos é o de dárlle demasiada importancia ao fenómeno sonoro xa que a música non se compón exclusivamente de sons”. No teu caso e no de Maruxa hai moito máis que sons nas interpretacións xa que a vosa forza sentimental fíxome escorregar bágoas.
Isidro: Sexas benvido, mestre da composición. Agora que temos tempo poderemos falar longo e terei a oportunidade de entender o significado da “politonalidade” que coidofoi creación de Darius Milhaud, o profesor teu en París. A miña formación foi escasa e ti es sen dúbida o maior compositor de Galicia nestes últimos cincuenta anos. Espero gozar aquí enriba cunha representación da obra sinfónica ‘Sindy’ ou se pode ser tamén co ballet ‘La farsa de la búsqueda’. Coido que o mestre Andrés Gaos aceptaría encantado se lle pedimos que se poña ao fronte da Orquestra Celestial Riopratense.
Carlos: Non me parece Isidro que tiveses escasa formación. Escribiches páxinas musicais fermosas ao principio para o cine e logo a túa cantata escénica ‘Macías o Namorado’ que é unha grande obra. Aló en Gualeguay [Entre Ríos] e logo en Bos Aires tiveches a mellor formación posible. O teu paso por Madrid [1952-1969] deixou composicións para o recordo sobre todo nas boas películas de Juan Antonio Bardem.
Maruxa: Que eu participe nesta recepción só se debe a xenerosidade de don Luís. Fun unha afeccionada que actuaba e cantaba pero sen estudos específicos. Se fixen algo foi por amor a Galicia. Non sendo profesional de nada é cando se perdoan os erros técnicos porque coido que nunca tiven ningún erro sentimental. Dicían que cantaba ben os alalás... pode ser... pero era a miña santiña dona Rosalía de Castro a que me facía cantar.
Carlos: O meu mestre Messiaen dicía que a música non se compón exclusivamente de sons.
A súa reflexión é certa benquerida Maruxa porque ti cantabas co corazón. Eran os carballos e os prados da Barrela os que movían en harmonía as cordas vocais dunha moza xeitosa que pasou á historia por ser a ‘Raíña do Alalá’. Ti eras paixón e talento e iso non se aprende en ningunha escola de canto. O mestre pode ensinar a técnica pero o sentimento é interior. Enriba das táboas e diante dun micrófono eras Galicia no Río da Prata e iso, miña amiga, non hai quen o poida negar nin mellorar.
Fernando: Tamén estou aquí porque comparto contigo Carlos o sermos ambos os dous non homenaxeados coa medalla Castelao.  Certamente que me houbese sentido honrado e non é por fachenda persoal senón porque sei que o recoñecemento faría fondamente feliz á miña querida filla Clotilde. No meu caso houbo quen a pediu [foi o doutor Sixto Seco] pero no teu ninguén se molestou nadiña en facer a solicitude.
Carlos: A verdade é que nunca pensei que a Xunta tivese que lembrarse de min. Síntome compensado con dúas estreas: unha en Bos Aires no Teatro Colón con ‘Elegía para un amigo’ e outra na Coruña cando a Orquestra Sinfónica de Galicia estreou In memoriam de una lucha fratricida. Antes fun gratificado coa amistade dos membros da Coral Polifónica ‘Os Rumorosos’ do Centro Betanzos de Bos Aires. Naqueles anos era unha grande alegría vivir no seo dunha colectividade chea de actividades culturais e de agarimo. Polas tardes cando remataba coa cobranza achegábame ata a casa de Pepe Fernández. Alí dona Lola, sempre xenerosa, tiña un saboroso bocata de chourizo agardando por min. Aquelas conversas deberían recollerse nalgún folletiño sobre a Memoria Histórica. Escoitar a dignidade coa que o meu amigo recordaba o inxusto fusilamento do seu pai [Maximino Fernández Rodríguez] na estación monfortina de Canabal en agosto de 1936 fixo nacer en min un patriótico respecto polos demócratas republicanos no exilio.
Isidro: Non caben comparacións, prezado Carlos. A túa obra pode calificarse de vangardista. Fuches un grandísimo compositor con talentosas obras de cámara e orquestrais. Lembro un par delas que me impresionaron moito: Serenata [para quinteto de vento] e Promenade [para frauta, clarinete, trompeta, violín, violonchelo e piano]. Fuches alumno de Olivier Messiaen, un dos maiores organistas de todos os tempos que ademais fora prisioneiro dos nazis. Supoño que os seus ritmos non retrogradables e a súa Suite provençale influíron nos teus traballos compositivos.
Carlos: Pois agora que o dis o que máis me animou sendo alumno de Messiaen foi a súa concepción do fenómeno musical. Era de Avignon e nunca esqueceu en París a súa língua de Oc. Coma ben sabes dicía que os paxaros eran os mellores músicos. Tiven a oportunidade de falarlle dos merlos do río Mandeo e das calandrias das beiras do Paraná. A súa sólida formación facíao interesarse en músicas alleas ao continente europeo. O jazz era das súas músicas preferidas e foi o mestre nos Estados Unidos do gran Dave Brubeck.
Maruxa: Hai veces que me pregunto se fixemos o papel duns verdadeiros pasmóns. O meu ‘Tacholas’ sabe do que estou a falar. Nós, non tiñamos vida privada. Sempre fóra da casa porque Galicia nos chamaba. Moitos esforzos sen un peso no peto. Cando me concederon a Medalla Castelao sentín unha forte labazada e estiven chorando varios días porque o meu compañeiro de loitas quedaba sen ela. Unha moi clara inxustiza porque quen a merecía era don Fernando Iglesias Sánchez.
Carlos: Tamén eu fago o mesmo, Maruxa. Penso que se non fose pola Guerra Civil eu seguiría tocando o meu clarinete na Banda Municipal de Betanzos e tería un pequeno grupo para ir tocando polo río na romería dos Caneiros. Así sería a miña vida. A túa, miña amiga, estaría arredor das teas e panos do comercio lucense dos teus pais en Carballedo. Claro que son ilusións. Non é tempo de trasacordos pero somos así de líricos. Houbo que ser fortes. Coido que cumprimos ben xa que temos moitos herdeiros que non se esquecen de nós. No meu caso, agradezo a xentileza de Gracieliña Pereira que está escribindo unha biografía deste humilde servidor. Graciñas e ata outra.