Opinión

Unhas garimosas apertas de dona Diáspora

Aínda que os anos van facéndose notar no corpo de dona Diáspora non hai que preocuparse porque o seu espírito está incólume e por tanto moi forte. Segue en pé o seu compromiso de loitar para que remate a emigración. Non pode acollerse a ningunha xubilación ou plan de pensión porque hai moito traballo por diante.
Unhas garimosas apertas de dona Diáspora
Aínda que os anos van facéndose notar no corpo de dona Diáspora non hai que preocuparse porque o seu espírito está incólume e por tanto moi forte. Segue en pé o seu compromiso de loitar para que remate a emigración. Non pode acollerse a ningunha xubilación ou plan de pensión porque hai moito traballo por diante. Houbo un tempo no que case acepta a invitación do fillo maior do gran lucense don Manuel Meilán Martínez para quedarse na aba no cerro de San Antonio fronte ao mar de Piriápolis. Daquela semellaba que a Unión Europea ía sandar a vella ferida da avoa Galicia pero axiña a boa singradura foi coutada polos insolidarios que coidan que pechando as portas do norte non entra o aire do sur.
Hai que seguir no rego para defender aos nosos netos no exterior de todos os movementos introspectivos que non son outra cousa que ignorancia política e insensibilidade humana. Os nosos herdeiros na diáspora están sendo esmagados por media ducia de políticos oportunistas e por outra media ducia de cidadáns desagradecidos. Dona Diáspora fala moito coa súa neta arxentina Graciela e coa súa neta uruguaia Cristina e as queixas son as mesmas en ámbalas beiras do Prata. Non hai unha política de emigración que recolla as liñas mestras sobre das cales vai o camiño obrigatorio para que a Xunta de Galicia non teña que estar sempre no eido da improvisación.
A pregunta que se fan milleiros de netos e netas é: Quen somos nós? As respostas varían segundo veñan do goberno central ou do galego. Para Madrid os galegos son un colectivo máis de residentes no exterior mentras que para a Secretaría Xeral de Emigración a filosofía debería ser a de non establecer discriminación por situación xeográfica. Enténdese que o Ministerio de Traballo teña que atender aos asturianos e aos canarios pero a Xunta non divide entre coruñeses e pontevedreses. Para Galicia os netos son seus, sempre, aínda que naceran en Ushuaia ou en Alaska. O elo do sentimento non o proporciona ningún documento ou inscrición.
Dona Diáspora non sae do seu asombro. Coida que non se pode permitir a inxustiza de que sexa por medio da utilización dunha motoserra que se intente vender aos cidadáns que se está a facer política social con respecto aos emigrantes. Un pequeno grupo dentro dos tres partidos galegos con representación parlamentaria anda polas berzas repetindo as trangalladas de calquera desinformado. Din que xa somos abondos, que o paro, que non hai traballo e que os netos non poden ser cidadáns. Ata hai quen fala dos convenios de reciprocidade e do voto ou máis ben do non voto. Pero seguimos sen ter unha resposta clara á pregunta sobre a propia identidade: Quen somos nós?
A nosa vella petrucia lembra que cando desembarcaron en Montevideo os seus amigos Ramón de Aberte [Salto-Vimianzo] e Xesús do Rei [Tines-Vimianzo] non houbo por parte das autoridades uruguaias ningún freo nin pregunta absurda sobre a integración cultural. Na capital uruguaia tiñan claro que necesitaban brazos e que se alguén cruzaba o mar era para progresar ao mesmo tempo e ao compás da nova terra. Agora a noutrora aberta Europa púxose beata despois de andar esnaquizando as economías e as vidas de medio mundo. Hai que ser paspán para pretender xustificar o peche das portas cunha especie de exame onde suspende o que non saiba ou confunda unha ensaimada cunha sardana.
A verdade é que tampouco relocen moito os membros do Parlamento de Galicia xa que os problemas da emigración ocupan un minutiño da axenda parlamentaria mentras perden horas en criticar o que agora fan os elixidos que era máis ou menos o mesmo que facían eles cando gobernaban. Non son capaces as súas señorías de aproveitar a singularidade do noso caso migratorio. Supoño que por descoñecemento xa que coma ben dicía o poeta arxentino Vítor Luís Molinari: “La emigración gallega es un mundo sin límites”. Poida que só vexan problemas onde hai solucións. Poida que vexan pobreza onde hai moita riqueza. Poida que a loita electoral lles encha de brétema o cerebro pero a emigración galega está ateigada de forza para o futuro.
A nosa longa experiencia lonxe do abeiro da aldea fíxonos fortes e xenerosos. A forza foi agromando paseniñamente cada vez que na parroquia se festexaba ao patrón ou patroa. Alí onde fose oíase a campá da igrexa e as risas da mocidade no adro despois da misa. Non hai material máis nobre e duradeiro que aquel que leva unha pinga de morriña. Case todos os nosos deputados leron o que escribiu Ramón Piñeiro sobre a morriña [a saudade pura e non pura e a soedade ontolóxica] pero seguen sen aplicar as ensinanzas do sabio de Láncara. Uns dirán que son tempos de participación política e outros que os morriñentos nunca fixeron nada. Terán que volver sobre as páxinas de don Ramón porque hai moita máis leña da que arde.
Dona Diáspora lembra que cando era pequena agardaba con ilusión o nadal. Quería que viñese o apalpador ou pandegueiro coa súa manchea de castañas. Non había mellor agasallo que oír aquelas palabras dos seus pais de “Así, así esteas todo o ano”, mentras lle apalpaban con agarimo a barrigoliña. Agora quere repetir cos seus netos espallados polo mundo aquelas alegrías da infancia e por iso a súa man de avoa xenerosa está chea de castañas para os corazóns dos seus herdeiros no exterior. O futuro de Galicia está asegurado se latexamos en harmonía e ao mesmo ritmo emotivo alí onde sexa. Somos todos membros activos da mesma orquestra aínda que uns estean na beira do manancial parroquial e outros na praza de Maio en Bos Aires ou na praza da Independencia de Montevideo.