Opinión

Dous herdeiros riopratenses: Noemí Rial e Jorge Muíño

| 04 de octubre de 2010
Dona Diáspora está a pensar nunha coincidencia de datas pois o mesmo día en que na capital uruguaia o gran Eduardo Galeano cumpría 10 anos nacía unha audición radial enteiramente feita na lingua propia chamada ‘Sempre en Galicia’. Aquel 3 de setembro de 1950 a voz de don Manuel Meilán Martínez espertou aos emigrantes galegos desde os estudos da emisora CX 16 Radio Carve e sesenta anos despois segue co seu histórico saúdo de Bos días, galegos!
Aquel histórico programa dominical de radio ten reservado por dereito propio un lugar de honor no futuro Espazo Emigrante. Haberá un arquivo no que os interesados poderán achegarse aos programas riopratenses que foron escola de galeguismo moitos anos antes de que en 1985 nacese a Radio Autonómica Galega. Os investigadores poderán analizar os acentos montevideanos e porteños dos pioneiros que se puxeron diante dun micrófono: Pedro Couceiro, Antón Crestar, Maruxa Boga, Maruxa Villanueva, Fernando Iglesias, Luís Seoane, Segundo Pampillón.
Hai que falar axiña con dous herdeiros do esforzo emigrante para que se poñan a empurrar desde os seus respectivos cargos no goberno arxentino e uruguaio para establecer programas de cooperación con Galicia. Se hai vontade de colaboración solidaria as portas galegas están sempre abertas ao establecemento de convenios e actividades nas dúas beiras do Atlántico. Na capital arxentina temos a Noemí Rial [Secretaria de Traballo] e na uruguaia a Jorge Muíño [Director Xeral de Asuntos Consulares].
Cando dona Diáspora viaxe ao Río da Prata espera que Noemí e Jorge lle fagan un oco para tomar un café. Os lugares elixidos son a confitería ‘Las Violetas’ e o ‘Expreso Pocitos’. Considera que o diálogo será máis afectivo e cordial se acontece en terreo ‘gayego’. Os boliches son un sinal de identidade que vai asociado ao esforzo galego. Desde os primeiros anos do século pasado foi sempre unha das actividades con maior número de empresarios do noso sangue. A mesma palabra “boliche” é un galeguismo moi presente na linguaxe popular como así se indica no capítulo VIII do libro ‘A emigración galega no tango riopratense’ [Tórculo Edicións,Santiago de Compostela; 2000]. A antiga botella de gaseosa que tiña unha boliña de cristal na gorxa chamábase en Galicia ‘boliche’ e quen as vendía era o bolicheiro.
Quere falarlles de aproveitar positivamente a nova realidade na que milleiros de emigrantes riopratenses residentes en países europeos son descendentes de inmigrantes galegos. Hai que entender que non son estranxeiros senón os nosos netos que volven. Nestes momentos regresivos en que na vella Europa queren construír muros aquí en Galicia dicimos que ninguén pode frear os nosos sentimentos porque nós somos canteiros erguedores de pontes. Os que andiveron polo mundo adiante non queren que os seus netos sexan discriminados. Os que fixeron ducias de arriscadas singraduras defenden a integración familiar xa que os que veñen son os gromos da vizosa póla americana do antigo carballo de Rosalía de Castro.    
Dona Diáspora quere falar de tango con Noemí e Jorge. O 30 de setembro de 2009 o tango foi declarado pola UNESCO coma Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A proposta foi conxunta entre Arxentina e Uruguai, o cal amosa a irmandade entre as dúas beiras do Prata. Se temos unha herdeira e un herdeiro comprometidos coas raíces non será difícil obter a aliaxe que nos permita inaugurar en Montevideo e en Bos Aires unha exposición sobre a achega dos emigrantes galegos ao tango riopratense.
Os emigrantes galegos participan no nacemento e na consolidación do tango. O tango é a expresión cultural urbana coa que mellor se identifican os porteños e os montevideanos porque segundo escribe Daniel Vidart “todos los frioleros, los desamparados, los marginales se iluminan con esa música”. A dignificación de Galicia en ambas repúblicas é o froito da esforzada loita de milleiros de vontades que sementaron na nova terra a súa xenerosidade. Os galegos pecharán a súa singradura cando a presidenta arxentina e o presidente uruguaio inauguren unha mostra na que os textos e as imaxes sexan unha homenaxe de agradecemento aos viaxeiros do lonxano norte atlántico.
Se a presidenta arxentina e o presidente uruguaio escoitan a Carlos Gardel cantando ‘Como todas’ terán que ter cumprida información sobre o autor da letra. Neste caso falamos dun emigrante [José Alonso y Trelles] que nacera en Ribadeo [Lugo]e que todos coñecen polo seu alcume de ‘El Viejo Pancho’. Seguindo con Gardel se o tema que canta o gran ‘zorzal criollo’ é ‘Arrabalero’ haberá que recordar ao letrista Eduardo Calvo Souto que era de Padrón [A Coruña]. Son só un par de exemplos porque o que realmente se pretende facer é un percorrido emocional polas esquinas e rúas desde o porto ao conventillo e logo ata aquela casiña propia erguida en Avellaneda ou en Maroñas.
A exposición debería ir acompañada dun concerto especial coas voces de dúas netas da emigración: Cristina Fernández e Graciela Pereira. En Bos Aires pódese convidar a Adriana Varela e en Montevideo a Laura Canoura. Ademais iría moi ben unha charla sobre Vítor Soliño [Baiona-Pontevedra]que impartiría encantada a súa neta Marta Camou Soliño. Dona Diáspora fai constar a súa cordial noraboa para Noemí e Jorge. Sostén que os seus netos son xente de fiar e por iso confía en que sexan receptivos ás suxestións dunha vella avoa mariñeira que só desexa enviar un aloumiño de agarimo aos seus familiares espallados polo mundo.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca