Opinión

Dona Diáspora no Río da Prata

A nosa sempre disposta dona Diáspora asistirá a unha serie de celebracións que en Bos Aires e Montevideo lembrarán ao Día das Letras Galegas. Aínda que leva moitos séculos de singraduras no seu lombo non quere perderse o convite dos irmáns emigrantes residentes nas capitais da Arxentina e do Uruguai.
Dona Diáspora no Río da Prata
A nosa sempre disposta dona Diáspora asistirá a unha serie de celebracións que en Bos Aires e Montevideo lembrarán ao Día das Letras Galegas. Aínda que leva moitos séculos de singraduras no seu lombo non quere perderse o convite dos irmáns emigrantes residentes nas capitais da Arxentina e do Uruguai. Alí ten centos de amigos e milleiros de coñecidos que latexan ao mesmo ritmo que as ondas do mar de Fisterra e que se emocionan cada vez que diante do Pórtico da Gloria admiran a obra do xenial Mestre Mateo.
Quere achegarse ao Centro Cultural do Partido da Estrada para ver a exposición ‘Inmigrantes ayer y hoy’ e falar un pouco con Carolina Roig sobre a xente das comarcas de Tabeirós-Terra de Montes. Buscará recordos e comentará cordialmente con Carolina de que alí entre tantos retratos iría moi ben unha foto de Carlos Gardel. Non calquera imaxe senón a máis famosa que é onde aparece con sombreiro e camisa de raias feita en Montevideo en 1933. O que a fixo foi un estradense, o fotógrafo preferido de Gardel, Xosé María Silva Fernández, que nacera en Montillón na parroquia de Santo André de Souto.
Irá tamén ao café literario Montserrat para escoitar a fermosa voz de Graciela Pereira nalgún tango de autor galego. Quizais sexa ‘Arrabalero’ ou ‘Garufa’ ou poida que algún vello tema de ‘El Viejo Pancho’. A neta de Lalín ten unha especial sensibilidade e unha excelente formación xa que foi a alumna predilecta do gran humanista Antonio Pérez Prado. O neto de Parga escribiu en 1994 na presentación do disco Terra Meiga: “Nadie hizo en estas playas de la diáspora gallega lo que tu hiciste y nadie podría hacer lo que te propones y vas a lograr, sin perder, ni la sonrisa ni la paciencia, a pesar de todo”.
Cando o domingo cedo estea cruzando o Río da Prata no rápido barco de ‘Buquebus’ estará desexando chegar ao porto de Montevideo para ir axiña ata a rúa de Tristán Narvaja. Ten que atopar a David Pezzano, agora libreiro e antes de 1970 alumno do Liceo Rodó, que sempre lle garda vellas edicións de revistas montevideanas cheas de imaxes que a enchen de morriña. Na feira é onde mercará a camisola de Peñarol para o neto ‘celtarra’ de dona Valentina de Tines. O mozo de Calo [Teo] está abraiado coa historia futbolística do Uruguai e di que aquela pequena república merece todos os eloxios. Das súas canchas [por certo, unha palabra de orixe quechua] saíron os mellores xogadores de América nos primeiros 50 anos do século pasado; sen esquecer que dentro das ringleiras aurinegras xogou un ‘gayego’ chamado Xoán Pena que foi o primeiro gran goleador do fútbol uruguaio.
O luns pola mañá irá correndo ata unha oficina do Rexistro Civil que está nos baixos da Intendencia Municipal [concello] para ver de localizar a partida de nacemento de Obdulio Jacinto Varela. Cando fale con Cristina Fernández comentará que Obdulio leva dous apelidos enteiramente galegos: Varela [=varilla] e Muíño [=molino] polo que o Gran Capitán debería de recibir o nomeamento póstumo de ‘Cidadán Honorario de Galicia’. Tamén lle pedirá á neta da Pastoriza [Lugo] que fale co seu amigo Daniel Viglietti sobre Obdulio. O gran intérprete de ‘A desalambrar’ é un bo amigo de Galicia e amigo persoal do presidente Mujica. Trátase de que a vida exemplar do heroe de Maracaná –foi decisivo na victoria dos celestes– sexa coñecida polos escolares do Uruguai. Hai un trío de grandes homes que os uruguaios deben manter sempre no máis alto: Artigas, Gardel e Obdulio.