Opinión

Dona Diáspora dóese do golpe que recibiu

| 06 de mayo de 2010
A familia de dona Diáspora é moi ampla xa que as súas únicas fillas, América e Europa, teñen descendentes en todos os currunchos do mundo. A filla maior, América, naceu en 1870 e lévalle á pequena exactamente cen anos. As reunións familiares son anuais porque cada unha ten o seu traballo e unha intensa vida social. Cada 25 de xullo debaixo do carballo da aldea parroquial a heroica dona Diáspora recibe compracida os aloumiños das súas herdeiras. A empanada e o viño animan o debate que comeza cun informe detallado do estado da cuestión emigrante segundo a seguinte orde de intervencións: a) O informe americano; b) O informe europeo; c) As conclusións da matriarca.
Dona Diáspora estálle a dar voltas ao vindeiro cumio familiar. A súa previsión é de que terá moito miolo. Cadansúa filla ten o seu carácter. Son do mesmo sangue pero moi diferentes aínda que coinciden na louvanza ao traballo honrado. A maior é máis retranqueira e tamén máis clásica no seu vestiario. A menor fala sempre sen cortarse e non hai tema que se lle escape. Cando América lembra aquelas longas cartas coas que se ía poñendo ao día en Bos Aires ou Montevideo axiña a súa irmá contesta que agora as novas tecnoloxías permiten estar en Berlín ou en París diante do ordenador mentras se fai un percorrido pola horta aldeá da curmá de Vimianzo. Unha di “antes era así” e a outra contesta toda chea de razón que “agora mellorou”.
Coida que neste vindeiro encontro haberá pouco espazo para os recordos saudosos e porén moita discusión sobre o presente. Case con certeza que a filla maior se poñerá a esbardallar contra dos intentos de limitación do voto emigrante e ata perderá o seu habitual sosego para denunciar que estamos diante de escuros movimentos que saen do Congreso dos Deputados. A pequena estará máis tranquila afirmando que o sangue non chegará ao río e que os emigrantes seguirán votando porque nos sistemas democráticos o recurte de dereitos non dá réditos electorais. Dona Diáspora ten a súa opinión pero non falará ata que rematen as súas fillas. Está sorprendida e moi doída. Entende que hoxe os problemas sexan o paro e a crise económica e que as familias estean preocupadas pola inseguridade cidadá. O que non é quen de dilucidar é o razoamento baseado na demonización dos emigrantes galegos. Non sabe se dentro dos indicadores que se avalían para a calificación da débeda pública do Estado español hai algunha referencia de Standard & Poor´s desaconsellando a entrega de tarxetas sanitarias aos residentes no exterior.
Xa se sabe da grande influencia destas empresas cualificadoras que esquecen por exemplo un valor enteiramente galego que debera de facerse constar na conta de ingresos. Trátase da inclusión dentro do IBEX-35 dun activo moi valioso da emigración que se chama M.R. ou sexa para entendérmonos mellor: a Morriña Activa. Sendo posuídores de centos de millóns de euros en M.R. hai que incorporar este capital social ao patrimonio galego. O actual P.I.B. recolle unhas cifras que están por debaixo da realidade xa que non incorporan aos 350.000 accionistas maioritarios da M.R. Non se trata de elucubracións senón dunha realidade constatada por dona Diáspora desde 1870. Unha gran parte da riqueza deste noso país xérase fóra dos lindeiros xeográficos pero dentro sempre dos sentimentais.
Non ten nada claro –supón que as súas fillas o clarexarán– o espertar dun certo movimento Neoguillotinador dos dereitos sociais. Considera irracionais os enfrontamentos contra dos traballadores estranxeiros que co seu sangue novo fan funcionar os obradoiros europeos. Os partidos políticos están a pecharse ao imparable feito social da mestura étnica. Non parece que haxa moito futuro en países que non son capaces de manter unha taxa positiva de nacementos. De seguir así coa venda nos ollos só terán emprego os enterradores e os médicos especializados en xeriatría. Algo que lle doe moito é ver como os máis preparados historicamente para seren os líderes da renovación son tamén socios silenciosos desta vaga de egoísta inxustiza.
Quere que os 75 deputados galegos sexan protagonistas e adaíles da esperanza. Desexa que aposten por un futuro que en Galicia virá do sangue anovador da emigración. O fogar de Breogán está esmorecendo asulagado nunhas taxas de envellecemento da poboación que acaban con nós. A solución non está en pechar as portas e moito menos aínda aos membros da nosa propia familia. A terra da egrexia Cantora do Sar está en vantaxe con respecto aos problemas de integración inmigrante que se poidan producir noutros países. Calquera observador non fundamentalista coincidirá comigo en que é moi positivo que volvan os nosos netos. Cómpre que axiña se recupere o espírito emigrante que forma parte da vizosa árbore galega que posúe milleiros de pólas arredor do mundo. Así teremos a posibilidade de retribuír algo do moito que nos deron as avoas e os avós que ergueron as súas lareiras de solidariedade polo mundo adiante.
Dona Diáspora falará con todos aqueles que teñan o corazón aberto porque Galicia necesita con urxencia que se convirtan en promotores do retorno. Está pensando nunha celebración ao redor dos rexos penedos de Pasarela nunha festa na que os netos da emigración escoitarán o tango ‘Arrabalero’ mentras beben unha caipiriña ou comen unhas arepas. Os sabios penedos teñen boa memoria e recoñecen naquelas facianas aos lexítimos herdeiros dos seus amigos emigrados da Terra de Soneira. A mocidade ollará para o val de Traba berrando con convencemento que eles son de aquí e que se viñeron de lonxe é para axudar na singradura que leva ao peirao do futuro.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca