Opinión

Don Voto Perdido busca refuxio

| 11 de febrero de 2011
Don Luís Seoane anda camiñando sen acougo. Vai comentando co seu compañeiro Lorenzo Varela que a sesión do Senado na que se derogou o dereito a votar nas eleccións municipais é o máis lamentable e egoísta triunfo dos ignorantes mesturadores de dereitos con xeografía e sentimentos. Coida que a Radio do Ceo terá moi boa audiencia porque o programa que agora mesmo comeza convidou a tres figuras representativas da vida política galega que foron deputados na II República e no Parlamento de Galicia. Antes das intervencións de Alfonso Rodríguez Castelao, Antón Alonso Ríos e Ramón Piñeiro López o recén chegado presenta o saúdo protocolario aos membros da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
–Don Voto: Agradezo a boa acollida e o refuxio que me ofrecedes. A verdade, meus prezados amigos que nunca pensei que nestes tempos de vida democrática tivese que fuxir ao exilio coma fixen despois do fatídico mes de xullo de 1936. Os nosos partidos políticos son os amos e nós uns pobriños paduanos indefensos. Eles actúan coma se fosen os donos da verdade esquecendo que teñen un mandato condicionado e limitado. Case parece que fose o portador dun virus que se debe eliminar para exterminar o perigoso dereito de querer decidir sobre os asuntos referidos ao lugar de nacemento.
–Alfonso: Sorprende moito ver que hoxe as Cortes son algo ben diferente daquelas nas que os galeguistas loitábamos polo recoñecemento da identidade de Galicia. Non entendo moi ben o razoamento xeográfico porque se só poden votar os residentes entón Galicia terá que devolver os centos de millóns das vellas pesetas que enviaron os meus irmáns emigrados na Arxentina. Aqueles cartos eran estranxeiros entón a pregunta é se só estamos ás maduras non imos a ningures. Poida que os actuais deputados e senadores non coñezan moito ou case nada da Guerra Incivil, pero... meu Deus... están moi desnortados.
–Antón: A min caseque non me sorprende nada porque estou vendo que a única preocupación é a de vivir ben eu e que se fodan os demais. Así de claro. Quero dicir para que se me entenda ben que a min non me ofenden. Non, faltaba máis. Sería darlles unha importancia que non teñen. Un grupo de desagradecidos cuns bos salarios e que se poden xubilar coa paga máxima despois de cotizar coido que 11 anos non teñen a categoría moral para ferir ao Siñor Afranio. Se soubesen os señores lexisladores que están aí grazas a que eu e outros máis estivemos fuxidos polos montes. O frío, a chuvia e o medo foron as bases enriba das que logo se puxeron os alicerces da democracia actual. Non hai que ser moi espelido para decatarse que aqueles que están lonxe son fillos da mesma nai.
–Ramón: Pídovos desculpas, meus amigos. Sinto que parte ou moita da culpa é miña. As miñas teses sobre a morriña e a miña posición arredor da necesaria galeguización de todos os partidos políticos galegos foron un fracaso. Pensei que o máis acertado era que a identidade formase parte fundacional de todo partido político galego democrático. Non sei, estou desconcertado. Poida que a crise creada pola avaricia dos delincuentes financeiros made in U.S.A. contaxiase de insolidariedade aos nosos políticos que se defenden arredor da patria xeográfica e abandonan a patria sentimental.
–Don Voto: Sinto ben que fose quen vos puxese así tristeiros e desencantados. Vos non sodes responsables de nada. Se cadra, aínda hai algún cerebro pensante que  sostén que fun manipulado e que se viaxo máis aló do río Miño deberán de determe por estraperlista. Cando non se queren aceptar os erros propios hai que buscar un culpable fóra. Semella que o incumpridor son eu que só son un medio para que os cidadáns expresen a súa escolla nunha cita electoral. Agora que o penso ben non sei se acudir ao Tribunal Penal Internacional para defender a miña honra xa que estou farto dos insultos descalificatorios de suxo, trapicheiro e vendido. Agradezo a vosa acollida garimosa no seo dunha Asemblea que de agora en diante será o meu novo fogar neste fermoso espazo galego de paz.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca