Opinión

Unha carta para o presidente uruguaio

| 24 de noviembre de 2011
Sr. Mujica Cordano
Presidente da República Oriental do Uruguai

Moi prezado don Xosé:
Antes de pídolle desculpas pola utilización dunha vía non protocolaria para comunicarme con vostede. Non pense que o fago por protagonismo xa que despois de 30 anos defendendo aos emigrantes galegos no Río da Prata a verdade é que teño algúns centos de lectores que recoñecen a miña traxectoria divulgadora da achega galega ao Uruguai.
Se aproveito as páxinas deste aberto semanario ‘Galicia en el mundo’ é soamente para que os meus amigos montevideanos estean informados de que no vindeiro ano 2012 –se todo vai ben– andarei pola miña querida esquina de ex Propios e San Martín. Alí xustiño na fronte do ‘Rover’ ten a súa parada o ‘155’ que era o ómnibus ao que subía todas as mañás para ir ao Liceo Rodó.
Quero ofrecerlles os meus servizos –sen intermediarios– para axudar e colaborar na creación e implantación de proxectos que o seu goberno está levando adiante no referente ao amplo e sensible campo da diáspora uruguaia. A miña experiencia de neno emigrante fai que sexa dobremente rico en sentimentos que latexan en harmonía en ambas beiras do Atlántico.
Nunca esquecerei aquel 27 de novembro de 1958 cando desde a cuberta do ‘Cabo de Hornos’ buscaba, entre ducias de mans abaneantes, a do meu pai que viñera uns anos antes para preparar o niño familiar.
Na historia da Banda Oriental a emigración estivo e segue presente na conformación do actual Uruguai xa que o sangue galego corre por moitas das súas veas desde os heroicos tempos das loitas independendistas do egrexio Artigas. Miremos onde miremos teremos un galego facendo patria: Petrona Rosende, Leandro Gómez, José Pedro Varela, Juana de Ibarbourou, Horacio Quiroga, José Alonso y Trelles, Ramón Collazo, Víctor Soliño, Dogomar Martínez, Eladio Dieste, Idea Vilariño. O noso máis importante, pola súa ética, xogador de fútbol que se chama Obdulio leva dous apelidos galegos moi típicos Varela e Muíño [en castellano sería molino]. Estou recordando personaxes sen orde nin cronolóxica nin tématica; hai moitos máis, por suposto..
A miña colaboración pode encamiñarse arredor dos seguintes apartados: a) Asesoramento técnico nos programas que desenvolve o Ministerio de Relacións Exteriores; b) Consultoría en labores lexislativos [Estatuto dos Residentes Uruguaios no Exterior]; c) Coordinar e impartir cursos, seminarios sobre as migracións; d) Incentivar as relacións culturais con Galicia [Exposicións itinerantes sobre Tango e Carnaval, Visita oficial do presidente uruguaio a Galicia na que inaugure unha exposición en Santiago de Compostela].
Aquí en Galicia utilizamos moito a expresión “malo será” que nos permite afirmar, negar o deixar sen definición calquera conversación ou pensamento. As miñas ideas de futuro son sempre positivas cando se trata da miña patria de adopción –son cidadán legal uruguaio– e por iso afirmo con convicción que “malo será que as miñas liñas non fagan sorrir un pouco ao presidente Mujica”.
Agradezo a súa xentileza en deterse a ler un texto escrito en idioma galego que sei entenderá case na súa totalidade pero por se fose necesaria algunha pequena aclaración pode botar man da axuda da miña boa amiga Cristina Fernández. A neta artista do emigrante don Rosendo da Pastoriza [Lugo] foi criada no amor ao verde espazo dos mil ríos sendo unha firme defensora dos ideais rosalianos de afirmación da identidade propia de Galicia.
Sen máis, prezado presidente, despídese de vostede un artiguista que lle fai chegar un moi cordial saúdo desde a beira norte do mar que une en irmandade a galegos e uruguaios.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca