Opinión

Ánimo para Cristina e adeus ao prezado irmán Carbajal

Dona Diáspora estivo en dous funerais no Río da Prata. Tiña todo preparado para achegarse ata Montevideo cando recibe a nova do falecemento do ex presidente arxentino Kirchner. Así foi que lle pediu a Graciela Pereira que a acompañase ata a praza de Maio. A nosa neta ía repetindo que o golpe recibido ten que servir para fortalecer a unidade por enriba de calquera liña política.
Ánimo para Cristina e adeus ao prezado irmán Carbajal
Dona Diáspora estivo en dous funerais no Río da Prata. Tiña todo preparado para achegarse ata Montevideo cando recibe a nova do falecemento do ex presidente arxentino Kirchner. Así foi que lle pediu a Graciela Pereira que a acompañase ata a praza de Maio. A nosa neta ía repetindo que o golpe recibido ten que servir para fortalecer a unidade por enriba de calquera liña política. No medio das bandeiras azuis e brancas sentíase a dor de milleiros de cidadáns que despedían ao ex mandatario cun sinxelo: Graciñas, Néstor. A praza era un fervideiro de xente e sobre todo dunha irmandade que trasmitía apoio e esperanza á viúva presidenta.
Máis aló das ideoloxías os galegos queren que axiña se recupere a noutrora puxante República Arxentina. A todos nós dóenos no noso lombo calquera problema deles porque se a Arxentina vai ben, tamén así lles irá aos nosos familiares alí residentes. Se fóra de Galicia é o lugar con máis corazóns galegos haberá que concluír que logo do presidente da Xunta é mandataria arxentina a persoa que más inflúe na vida diaria dos nosos emigrantes. As estatísticas din que máis de medio millón de arxentinos teñen orixe galega. Cada unha destas persoas vota en liberdade por un ou outro partido político pero hai que ser respectuoso con quen gana xa que é o lexítimo representante da maioritaria vontade popular.
A señora presidenta está sendo moi criticada nos medios europeos que amosan un indisimulado machismo facendo coma se só se preocupase da cor dos zapatos que lle van mellor con aquel ‘tapado’ marrón escuro. Non é así. Os que a coñecen afirman que foi ela a que tomou as decisións máis trascendentes desque se namorou de Néstor nos tempos do ensino secundario. Se miramos para as nosas lareiras galegas coincidiremos en que a muller foi a que sostivo a economía familiar do mesmo xeito que Cristina empurrou polo seu home. A señora presidenta necesita da solidariedade da comunidade galega para evitar a toda costa que haxa inestabilidade e interinidade no país. Logo, no vindeiro ano as urnas han decidir quen gaña e quen perde pero agora os patriotas deberán de arroupar á viúva para que remate a lexislatura sen ameazas desestabilizadoras.
Despois da breve estadía porteña dona Diáspora colleu un billete en ‘Buquebus’ para desprazarse ata territorio uruguaio. A viaxe por auga e terra é a que mellor lle viña para poder deterse en Juan Lacaze para despedirse de José Carbajal ‘El Sabalero’. O poeta e cantor falecía nun balneiro do departamento de Canelones o xoves 21 de outubro. No ómnibus vai cantando en voz moi baixiña: “Pantalón cortito, bolsita de los recuerdos... pantalón cortito, con un sólo tirador”. Aínda que non ten ganas de cantar faino en homenaxe ao seu vello amigo Carbajal que era un home que exportaba toneladas de alegría e de vitalidade. Os seus fermosos e auténticos versos comezaron sendo a expresión da morriña que sentía ao instalarse na capital uruguaia. Aquela morriña coloniense sempre o acompañou e foi o seu sinal de identidade.
A pena que asulaga a dona Diaspora é porque o novo Uruguai do presidente Mujica queda orfo dun exemplo de honradez profesional que formou a milleiros de escolares no coñecemento das músicas propias. Agora no país non hai rapaza nin rapaz que non saiba o que é unha ‘chamarrita’. O cantor de Puerto Sauce foi un home excepcional que levou polo mundo adiante as súas fermosas composicións nas que estaba sempre presente a infancia dun neno que falaba cos seus compañeiros ‘sábalos’ [un peixe de río] na beiriña coloniense do Río da Prata. Cando se fala de Carbajal veñen á memoria as súas tres cancións máis coñecidas: ‘Chiquillada’, ‘La Sencillita’ e ‘A mi gente’.
O acto na praza ‘Chiquillada’ de Juan Lacaze –a vila na que traballou de anoador nun obradoiro téxtil– foi unha marabillosa demostración do agarimo dos seus veciños arredor dos familiares que viaxaron desde Holanda. Unha multitude foi camiñando paseniñamente ata o río polos mesmos vieiros que percorrera na infancia. Alí esparexeron as cinzas nas augas amigas e  todos observaron que na superficie na auga se ían formando as palabras de ducias de cancións que os sábalos interpretaban envoltos nunha máxica escuma. Máis abaixo e perto dunhas laxes branquiñas o seu vello amigo don Sábalo estaba reflexionando sobre a fugacidade da vida: “Una pena, che, que nuestro amigo no venga más por acá. Además de escribir buenas canciones era respetuoso con el medio ambiente ya que nunca tiró al agua nada que ensuciase ni siquiera una cáscara de naranja o de tanjarina”.
A despedida rematou en Montevideo o luns 1º de novembro. Aló foi dona Diáspora para non perderse a celebración no Velódromo Municipal. Foi camiñando desde avenida Italia comendo un saboroso ‘choripán’ e pensando en que escoitar as cancións de Carbajal quizais sexa a mellor forma de despedilo. Non cabía un alfinete nas instalacións deportivas que utilizan os ciclistas para os seus adestramentos. Quixo sumar a súa voz á dos milleiros de persoas que dicían: Graciñas, Sabalero. As pantallas xigantes proxectaban gravacións dos seus concertos e a súa voz entraba docemente nos corazóns dos nobres uruguaios que se ían pouco a pouco transformando en xeitosos sábalos que esvaraban entre as nubes azuis e brancas da bandeira da República Oriental do Uruguai.