Opinión

An Oriant, graciñas

| 29 de agosto de 2011
Dona Diáspora estivo polas terras bretoas de An Oriant [Lorient] aplaudindo aos 70 mozos e mozas das bandas de Gaitas e de Música da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo que participaron no gran Festival Intercéltico. O traballo de fusión que fixeron os directores –Carlos e Ramón– foi un éxito se atendemos aos milleiros de aplausos e noraboas recibidos dun público entendido que non se deixa enganar por propostas artificiais.
As rúas e prazas ateigadas de xente que escoitaba a música e logo se achegaba a preguntar e comentar que estiveran en Santiago de Compostela. No estadio de fútbol do equipo local as noites foron máxicas e moi emocionantes. Sentarse no medio de dez mil persoas compracidas coa actuación non ten prezo e non falemos das bágoas que lle escorregaron polas enrugas da nosa velliña cando alguén berrou “Forza Calo!” ao mesmo tempo que soaban os primeiros compases do fermoso Pasodobre de Mallou.
Dona Diáspora puido falar un anaquiño co director do festival que é o noso curmán asturiano Lisardo Lombardía Yenes. O responsable da organización é persoa cordial que non esqueceu o seu bable da conca mineira onde naceu. O seu esforzado labor merece todos os recoñecementos. Aínda que só foron uns minutos de conversa a nosa emigrante non esqueceu de falarlle a Lisardo do tango e dos emigrantes. Fíxolle o pedido de que pense na posibilidade de que o tango feito polos galegos nas terras riopratenses teña un oco no festival. Ten a certeza de que a interpretación duns tangos en galego na voz da neta arxentina Graciela Pereira serían ben acollidos no 2012 na “Année de L' Acadie”.
Haberá quen se pregunte se os tangos teñen sitio nun evento de música tradicional. Poida que teña unha resposta a galega Luz Casal que cantou en Lorient con enorme éxito –por certo, estivo no “Espace Marine” escoitando o ensaio dos grupos de Calo– e que ben se ve que posúe un sentimento enteiramente tangueiro. Se Graciela é convidada hai que preparar todo moi ben e para iso podemos contar coa colaboración de Stevan de Trelevern que fala un galego perfecto. O intérprete naceu preto de Morlaix [Saint Jacques] e namorouse de Galicia logo dun tempiño en Pontevedra. Os seus coñecementos poden ser utilizados para poñer en  francés e bretón as letras de tango que interprete Graciela e tamén media ducia de páxinas informativas sobre os autores galegos no Río da Prata.
Os interesados polas identidades e as linguas minoritarias agradecerán a lectura do libro de Hervé Lossec, ‘Les Bretonismes’. O autor analiza con rigorosidade os múltiples bretonismos presentes no francés actual. Sorprende a cantidade de verbos e preposicións e a sintaxe bretoa que utilizan cada día millóns de cidadáns franceses. Critica o centralismo dicindo: “Un État, une langue, une armée, c'est le principe de base de la nation française. Le bilinguisme n'est donc pas de mise en France et ne semble pas en voie de l'être de façon officielle, ce qui confère à notre pays une situation particulière”.
Poida que –sen coñecer aos bretóns– pensemos que nós somos uns privilexiados porque temos unha protección legal para a nosa lingua. Se imos alí axiña entendemos que son xente fondamente práctica e non andan con reviravoltas teóricas. Consiguen todo o que se propoñen e sen grandes algaradas. Pola contra, os corsos que teñen outro carácter, mediterráneo digamos, obteñen menos a pesar da súa longa e forte loita identitaria. Os bretóns son máis da nosa corda, pensa dona Diáspora, de pouco barullo e ir pasiño a pasiño. Nós enchemos máis o bandullo e eles beben máis sidra pero polo demais case da familia.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca