Opinión

Un agasallo dos galegos das mil singraduras

| 10 de enero de 2011
Dona Diáspora comezou o novo ano polas rúas de Avellaneda. Quixo aproveitar a mañá na capital arxentina antes de que as fortes temperaturas lle abafen o seu paseo pola avenida Mitre ata a sede social de ‘Independiente’ que naceu xustamente neste primeiro día de xaneiro de 1906. Os famosos vermellos naceron ao mesmo tempo que ao seu redor se ían abeirando centos de ilusións galegas. O equipo de fútbol fai que os recén chegados sexan un activo corazón máis no novo país. Aquí na beira sur riopratense desapareceron as friaxes e as familias axiña puideron quecer os ósos e o espírito despois de longos invernos sen horizonte do progreso.
Dona Diáspora vai ata praza principal para sentarse preto do cruceiro enviado pola Xunta e mirar a fronte dun fermoso edificio de tres andares que simboliza o triunfo dos nosos emigrantes. O Centro Galego de Avellaneda é o máis antigo do país xa que naceu un 22 de outubro de 1899. O solar no que se edificou a sede social foi mercado un ano antes do nacemento do clube de fútbol. Aínda recorda perfectamente a festa de inauguración en xaneiro de 1927 xa que naquela celebración foi cando escoitou falar dun baile e dunha música que non coñecía. Foi moi ben informada   sobre o tango xa que estivo falando con Manuel Andrés Meaños, un fillo da emigración que daquela era un mozo de 25 anos e estaba a piques de rematar a letra do tango ‘La Reja’ que logo no ano 1928 foi gravado polo xenial intérprete uruguaio de Tacuarembó, Carlos Gardel.
Naquela praza tivo tempo para reflexionar sobre a incomprensión,  a ingratitude e a demagoxia barata dos partidos políticos españois arredor dos emigrantes. Quixera ter ao seu carón aos parlamentarios autonómicos e estatais coa súa vista dirixida ao edificio do Centro Galego. Está convencida de que a maioría dos parlamentarios son xente de fiar. Cre que se visen cos seus ollos o éxito dun pobo non terían a ousadía de menosprezar aos milleiros de corazóns galegos na diáspora. Os maiores albaneis de futuro foron aquelas familias de Avellaneda que se asociaron para que estivese sempre aceso un lume no que sandar o corpo e a alma por medio dos servizos culturais e sanitarios.
Antes de achegarse ao aeroporto de Ezeiza para viaxar ata Londres onde ten un compromiso patriótico con Francisco Alvedro López que é o delegado na capital británica da asociación ‘Alba de Groria’ colleu unha folliña na que escribiu tres palabras que desapareceron do vocabulario dos emigrantes: identidade, irmandade e integración. O roteiro solidario da diáspora galega básease nestas tres palabras. Un exemplo pode explicar mellor: Imos con Pepe que emigra. Cando chega ao seu destino xúntase con Paco e María que son da mesma parroquia e xuntos empurran no seo dunha entidade social na que falan das súas cousas. Os tres están perfectamente integrados na nova sociedade pero ningún deles esquece onde está a auga máis fresca do mundo.
Pepe, Paco e María estaban esperanzados agardando que a recuperación da vida democrática mellorase as relacións coa vella terra. O que recibiron foron tres paus no lombo que lles fixeron esquecer o significado da identidade, da irmandade e da integración. Se nos tempos escuros foron firmes defensores dunha nova Galicia contra vento e marea agora cando as augas están mornas perden as tres palabras que lle deron certo sentido ao seu forzado desprazamento. Un grupiño de deputados representantes de si mesmos xa que non da vontade popular deciden que no Congreso dos Deputados fai falla combatir a crise mediante a recuperación dun antigo oficio en vías de desaparición. Así é que nace a Asociación dos Capadores de Dereitos no Exterior. A acta fundacional foi asinada polos dous grandes partidos políticos españois e índa que pareza incríble reciben peticións de ingreso de outros grupos parlamentarios que non queren quedar fóra dunha futura saída laboral cando se lles acabe o choio.
Dona Diáspora está moi afectada. Dóelle que os lexisladores do PSOE e do PP que non atopan consenso para resolver os grandes problemas estean de acordo en capar o voto dos emigrantes. Case parece unha comedia se non fose unha traxedia escrita por dramaturgos sen currículo que actúan en contra dos intereses xerais da cidadanía. O que necesitamos con urxencia, diante deste gran bache no camiño é unha saída que será máis rápida se contamos coa forza anímica, espiritual, económica e sentimental dos irmáns que residen lonxe da súa aldea. Non debemos de esquecer que os únicos que fixeron trapalladas co voto foron os partidos políticos. Eles son os responsables das irregularidades. Alguén contratou e pagou aos axentes electorais e non parece que Harry Potter tivese tempo libre para meigallos máxicos nos servizos de correo dos países con maior número de censados.
Onde foron parar a identidade, a irmandade e a integración? Está sen confirmar pero poida que as tres palabras capadas do vocabulario dos nosos emigrantes foron acubillarse nos corazóns dos inmigrantes que buscan unha lareira en Europa. Os nosos parlamentarios en Madrid descoñecen que as palabras ameazadas ou prohibidas sempre resucitan cando hai quen as necesita. Os que petan na vella porta europea recibirán un fermoso agasallo dos galegos das mil singraduras. Cada home e muller que se estableza ao noso carón será un compañeiro de loita que deberá repetir o itinerario diaspórico comezado polos fillos de Rosalía de Castro hai más de 150 anos. O éxito está asegurado para aqueles que non perdan a súa identidade e que se xunten en irmandade. A integración en harmonía irá abrindo as cancelas mentais daqueles que non queren que entre o anovador aire do sur.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Álbumes de Fotos

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca