ESTE ANO RENDE HOMENAXE A ‘XERACIÓN NÓS’

O ‘Otero Pedrayo 2020’ premia á fundación do seu nome e as de Risco, Castelao e Losada Diéguez

| 26 de octubre de 2020, 10:58
Valéntin García –ao fondo– e Anxo M. Lorenzo, na reunión co xurado do premio.
Valéntin García –ao fondo– e Anxo M. Lorenzo, na reunión co xurado do premio.

As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. 

Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.

A entrega do Premio Otero Pedrayo, que será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite, está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose co tempo no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

Este recoñecemento ás catro fundacións coincide co centenario da publicación da revista ‘Nós’. Trátase dunha efeméride que a Xunta de Galicia está a conmemorar durante este ano cun amplo abano de actividades –entre as que se inclúen a exposición ‘Galicia, de Nós a nós’, que pode verse na Cidade da Cultura de Galicia– e que serven para poñer en valor a importancia deste grupo de intelectuais na construción do legado cultural da Comunidade galega.

Tamén a promociona, en colaboración co Museo do Pobo Galego, a través da mostra ‘Mar de libros’, de Isabel Pintado, que se exhibe en San Domingos de Bonaval ata o vindeiro 6 de decembro.

“A Xeración Nós abriu un tempo novo para a lingua, para a literatura e para as artes galegas en xeral, un cambio perfectamente retratado nesta fantástica exposición que nos amosa a pintura en diálogo cos libros, coas palabras, coa poesía, coa literatura”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención.

Más acciones:
MÁS NOTICIAS
  • Colección Crónicas de la Emigración

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca