ESTáN ORGANIZADOS POLA ASOCIACIóN GALEGA EN CORNELLá

Un mozo de Salceda e outro de Tenerife gañan o ‘Certame Literario Rosalía de Castro’

Os premios do ‘Certame Literario Rosalía de Castro’, organizado pola ‘Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro’ de Cornellá (Barcelona), entregaronse recentemente, na modalidade de poesía, que este ano acadou a súa 21ª edición, e a cuarta en narrativa.
Un mozo de Salceda e outro de Tenerife gañan o ‘Certame Literario Rosalía de Castro’
Os premios concedéronse no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da entidade.
Os premios concedéronse no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da entidade.
Os premios concedéronse no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da entidade, e presidida polo alcalde da cidade de Cornellá, Antonio Balmón, e mailo presidente da Asociación, Ricardo Pérez Anta, á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a política de Cataluña, ademais de representantes do Pleno Municipal de Cornellá, delegacións do resto de entidades galegas de Barcelona, xunto co presidente da Federación de Entidades Culturais Galegas, Luís Lamas, e representantes dos gobernos galego e catalán.
O xurado estivo composto pola escritora Fina Casalderrey (presidenta), Premio Nacional de Literatura Infantil; Anxo Angueira Viturro, (vicepresidente), escritor, poeta e ‘Premio Xerais de Novela’ en 1999; e polos vocais Xosé Lamela (escritor e colaborador literaria e alcalde de Lobios-Ourense); Xulio Simón Rúa (profesor en Pontevedra, licenciado en Filoloxía Galega e colaborador de ‘Sempre en Galiza’ e ‘Lúa Nova’); Xulio Couxil Vázquez (escritor, promotor cultural, colaborador de ‘Sempre en Galiza’ e ‘Lúa Nova’); Pura Salceda Carballeda (escritora, poeta, doutora en Filoloxía Románica e profesora de Lingua e Cultura Galegas en Cataluña); e Xosé Carlos García González (doutorado en Filoloxía pola Universitat de Barcelona e director de Sempre en Galiza. Editor.)
Como secretaria actuou Mónica Rancaño Fernández, licenciada en Dereito e secretaria da A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellá.
Na modalidade de poesía, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi acadado por Brais González Pérez (de Salceda de Caselas, Pontevedra) polo seu poema titulado ‘Veño sen mans do profundo’.
O segundo premio, dotado con 400 euros, recaeu en Xerardo Quintiá Pérez (Lugo) polo poema ‘Ailalalelo’.
O terceiro premio, para o que se destiñou unha dotación de 300 euros, foi para Pablo Bouza Suárez (Culleredo, A Coruña) polo seu traballo ‘Na procura da morte’.
Na modalidade de narrativa, o mesmo xurado concedeu o premio da cuarta edición do Certame ‘Rosa Reboredo’, dotado de 1.000 euros ao traballo presentado por Angel Francisco Quintero Lugo (La Laguna, Tenerife) titulado ‘Habana’.
Nas súas conclusións, os membros do xurado felicitaron aos premiados e aos participantes no certame, e a entidade organizadora pola súa contribución ao espallamento da poesía e da lingua galega desde a Asociación.
Do mesmo xeito, quere salientar a excepcional calidade dos traballos presentados, que, entenden, dan a medida real da importancia e prestixio que ten acadado este certame no mundo, tendo en conta o volume de participación e a procedencia dos orixinais enviados.