Enmárcanse no Plan de Reactivación cultural

‘Un mantel de contos’ e ‘Triloxía meiga’, dúas propostas de promoción da lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación de dúas iniciativas enmarcadas no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación cultural. Por unha banda, presentou, a proposta gastronómica ‘Un mantel de contos’ e, por outra, o audiovisual ‘Triloxía meiga’, da compañía Queiman e Pousa.
‘Un mantel de contos’ e ‘Triloxía meiga’, dúas propostas de promoción da lingua galega
13.Proyectos Xacobeo- iniciativas
Valentín García –2º izda.–, con Begoña Blanco, Diego López e Carlos Montilla, na presentación gastronómica.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación de dúas iniciativas enmarcadas no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación cultural. Por unha banda, presentou, a proposta gastronómica ‘Un mantel de contos’ e, por outra, o audiovisual ‘Triloxía meiga’, da compañía Queiman e Pousa.

‘Un mantel de contos’ destaca pola unión da tradición oral en galego e a gastronomía da man de dous dos lalinenses máis recoñecidos nestes ámbitos, Celso Sanmartín e Diego López ‘Moli’, e do narrador-gastrónomo máis coñecido da literatura galega, Álvaro Cunqueiro.

No acto, o secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado da concelleira de Cultura lalinense, Begoña Blanco; do cociñeiro Diego López ‘Moli’, de La Molinera, e do responsable da empresa xestora da actividade, Carlos Montilla. 

A cita cun ‘Mantel de contos’ desenvolverase o sábado 31 de outubro no vestíbulo do Concello de Lalín, en dúas sesións (a primeira, matutina, de 12:30-13:30 horas; a segunda, en horario de tarde, de 19:30-20:30 h.) e con capacidade limitada para 40 persoas, polo que para asistir cómpre reserva previa con confirmación no enderezo [email protected] desde hoxe.

Queiman e Pousa

Ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais tamén se levará a cabo a iniciativa audiovisual ‘Triloxía meiga’ da compañía Queiman e Pousa, co que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comeza a divulgación dos produtos dixitais creados para o Fondo Xacobeo 21.

O secretario xeral de Política Lingüística remarcou que este fondo “permitiu sacar adiante proxectos culturais moi variados en canto a soporte, temática, estilo, público potencial ou tipo –videoclips, pezas teatrais, discos, documentais, filmes de ficción, libros...–, pero todos eses proxetos teñen un nexo común que é o uso e a potenciación da lingua galega”. 

Xunto co representante de Política Lingüística da Xunta de Galicia, participaron na presentación dos tres videoclips Miguel Ángel Leis, alcalde de Negreira; José Jesús Novo Martínez, alcalde do Vicedo; a concelleira de Política Social, Igualdade, Cultura e Turismo de Mos, Sara Mª Cebreiro, e mais a cantante Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, creadores do proxecto ‘Triloxía meiga’.

A triloxía inclúe os videoclips interpretados por Andrea Pousa ‘Axendados’, ‘Camiñares’ e ‘Alalá meigo’, cada un deles dedicado a un dos seguintes elementos da natureza: auga, terra e fogo, respectivamente. 

O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos. Todos os  traballos teñen por obxectivo a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia e empregan distintas artes (danza, música, circo...) para alcanzar esta meta. 

O primeiro dos videoclips, ‘Axendados’, é visible no Portal da Lingua Galega e os outros dous serán divulgados nas vindeiras semanas.

Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021

No marco do Plan de Reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da Covid-19, a Xunta de Galicia promove este fondo con 2,5 millóns de euros para a creación dun repositorio de propostas creativas de interese cultural en lingua galega. 

O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma de iniciativas presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.