Opinión

Sempre en Montevideo (1958-2008) Na esquina de Propios e Carabelas

| 17 de noviembre de 2008
Os meus pais falan de instalarse pola conta. A miña nai insistía en que na ‘Casa Ponti’ os salarios eran baixos. O meu pai fora ascendido a capataz de sección pero ela sostiña que aínda así gañaba menos que un condutor de CUTCSA. O meu pai retrucaba afirmando que traballaba menos horas e sen ter que facer quendas. Logo de moito mirar atopan en Propios e Carabelas un amplo terreo cunha vivenda vella no fondo que está sinalizado co número 3937. O propietario viña de enviuvar e vendía para arranxar a herdanza cos seus fillos.
Don Joaquín íase para un pequeno apartamento alugado e non tiña espazo para un can. Quedounos a nós. Cun par de chapas galvanizadas o meu pai fíxolle unha boa caseta co teito en dobre caída para substituír unhas estragadas madeiras. A cucha quedou perfecta. Fun o encargado de pintarlle o nome utilizando unha pintura negro-mate que viñera de ‘Ponti’. O noso ‘Lobo’ era vello pero impoñía certo respecto. Eran os primeiros días de xaneiro de 1960.
Axiña se fixeron melloras na casa. Os dous cuartos foron renovados en paredes, pavimento e portas. Na fronte un par de parras de uva frutilla protexían do sol ao mesmo tempo que meu pai se introducía na elaboración de viño caseiro. Alí debaixo tiña sempre estacionado o meu coche vermello. A porta de entrada miraba para Propios que era unha avenida con moito tránsito. Un longo camiño de cemento ía desde a casa ata o portón de ferro da entrada. Agora pedalaba sen saír ao exterior.
A nosa casa era a anterior ao solar que facía esquina con Carabelas. Neste terreo estaba Aquiles e un empregado que se dedicaba á fabricación de bloques de cemento pero que non vivía alí. Indo para San Martín tiñamos o galpón dos irmáns Tomaduz. Tiñan unha empresa de construción que herdaran do pai italiano e gardaban alí o material das obras e un camión ‘Volvo’ con motor ‘Perkins’. Logo viña o edificio no que vivían os meus amigos Claudio, Gildo e Horacio. Os tres eran montevideanos. No baixo estaba o almacén de dona Clelia, a nai de Claudio, que viñera de Pordenone no norte de Italia.
Diante do almacén había tamén un paraíso o cal era sen dúbida un bo sinal. Debaixo xogaba cuns coquitos un rapaz flacucho que semellaba ser do meu tempo. Achegueime a modiño e antes de que eu abrise a boca preguntoume: ¿Vos de cuadros sos? Como non sabía que responder fíxenlle outra pregunta: ¿Y vos?; entón el afirmou: Yo, de Peñarol; ao que engadín: Ah, bueno… yo también. Aquel peñarolense era Horacio Pablo Izaurralde Dorrego. Seguimos sendo amigos íntimos porque a irmandade aurinegra non a separa ninguén. O prezado ‘Flaco’ descoñecía que eu viña da outra beira do mar e que nunca escoitara falar dun equipo chamado Peñarol.
Lembra perfectamente a primeira festa na casa de Propios. Debaixo da parra as mesas con saladitos, sandwiches, masitas e bebidas. O que máis lle sabían eran as pildoritas. A voda da curmá Dulzura foi un acontecemento. Entre os invitados estaba don Vicente que era tío do noivo e loitara as ordes do xeneral Líster en Teruel. O padriño foi meu pai quen recordou con orgullo que seu irmán maior estivera preso na Coruña por axudar ao Foucellas. Houbo moita troula. Varias horas xogando con Claudio, Horacio, Gildo, Constantino, Elvira e Manuel. Os tres últimos eran os curmáns de Cuchilla Grande –vivían na rúa Helvecia– ou sexa os fillos de Teresa de Señorás e Ramón de Castro.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca