Desde 1964 sementando identidade galega en Montevideo
Na historia da emigración galega atopamos unha páxina moi especial onde se recollen os éxitos dos que apousaron na Banda Oriental. Desde moi cedo nas terras liberadas polo egrexio Artigas houbo achegas de sangue galego que empurraban polo progreso nun afastado espazo da “costa verdecente” de Galicia. O emigrante Farruco da parroquia de Santa María de Paraños [O Covelo] foi quen aconsellou ao heroe nacional para ingresar en 1797 no “Cuerpo Veterano de Blandengues de La Frontera de Montevideo”.
Quero dicir que levamos sementando na leira riopratense desde antes do nacemento da República Oriental do Uruguai. Aínda que é a nosa emigración familiar de finais do século XIX e comezos do XX a que deixou maior pegada nunha sociedade urbana que botou raíces nas beiras do Prata. Os galegos somos discretos e por tanto pouco amigos de fachendear. Sabemos da nosa honradez e non andamos a gabarnos de que os charrúas (nativo pobo orixinario) levan un nome que provén do concello ourensán de Allariz, do entroido alaricano onde as máscaras son as charrúas.
Cando o esforzo sae da nobre paixón non necesita de gabanciosas autoafirmacións. Facemos o que temos que facer. Coñecemos o camiño polo que vai, sen présa, o noso carro. Hai que pasar a ponte para chegar a meta. Así é que en 1964 nace o Patronato da Cultura Galega. Son anos nos que a colectividade montevideana está sendo baleirada da súa identidade propia por mor do persistente ataque desde a administración do estado. A nova entidade foi o vento mareiro que espertou o sentimento de pertenza que ía quedando esvaído dentro dun insípido e incoloro “espíritu nacional”.
O novo e pequeno Patronato tiña os mellores albaneis. Así foi que en poco tempo ergueu unha garimosa lareira espiritual onde acubillarse para manter aceso o lume patriótico de Rosalía de Castro na capital uruguaia. Axiña, a continuidade na loita identitaria, tivo éxito. Son moitas as realizacións pero vou lembrar só tres que coido moi significativas: a) A inauguración do busto a Castelao en Rianxo no paseo da Ribeira con bronce doado por socios e amigos; b) A impartición na primeira sede propia da rúa Río Branco do primeiro curso de galego normativo no exterior; c) Encargarse de manter ‘Sempre en Galicia’, a audición radial en galego que desde 1950 enche as mañás dos domingos de información e formación para que os nosos descendentes non esquezan onde están as raíces.
Achego os meus parabéns aos actuais membros da Directiva polo seu bo facer pois é moi necesario que na capital uruguaia haxa un fogar no que a nosa cultura quente o corazón dos socios. Os asociados participan con entusiasmo dunhas actividades que buscan a difusión dos valores culturais da moi fermosa terra de Rosalía e Castelao. Coido que ao Patronato ninguén vai para pasalo tempo ou entreterse un pouco, senón que é polo firme compromiso de sumarse a defensa dunha nación que leva séculos de resistencia diante dos que a menosprezaron e quixeron facerlle esvaecer os seus máis antigos sinais identitarios.