Opinión

Unha boa biografía de don Xesús Canabal Fuentes

Recibín o libro Don Xesús Canabal Fuentes ‘Fillo predilecto de O Pino’ que o seu autor, Manuel Losa Rocha, tivo a xentileza de enviarme desde Montevideo. O emigrante compostelán Losa Rocha tiña trece anos cando en 1953 desembarcou na capital uruguaia.
Unha boa biografía de don Xesús Canabal Fuentes
Recibín o libro Don Xesús Canabal Fuentes ‘Fillo predilecto de O Pino’ que o seu autor, Manuel Losa Rocha, tivo a xentileza de enviarme desde Montevideo. O emigrante compostelán Losa Rocha tiña trece anos cando en 1953 desembarcou na capital uruguaia. A súa profesión é a de libreiro –é o segundo vendedor de libros galego que coñezo logo do falecido Fernando Pereira Caamaño– e tamén desde hai un tempiño a de editor. Agradezo o bo traballo de Losa porque a vida e obra do inmenso galeguista do Amenal (O Pino-A Coruña) necesitaba dun texto no cal podemos documentarnos.

Montevideo “a taciña de prata” non era precisamente como Bos Aires “a raíña do Prata”. Nunha cidade máis pequena, menos dinámica, o ritmo de vida tamén era máis aldeán, había máis tempo para case todo. Non obstante ambas as dúas capitais tiñan gran similitude en moitos aspectos.

A miña admiración por don Xesús Canabal naceu en Montevideo dentro do seo do Patronato da Cultura Galega. Daquela eu era o dirixente máis novo da colectividade e don Xesús tiña sempre palabras de apoio diante dos meus sinsabores en momentos nos que o galeguismo brillaba pola súa ausencia nas actividades das institucións. Lembro que os seus consellos eran sempre na liña de sementar porque el vivira tempos moito máis escuros.  

Xesús Canabal enseguida percibiu os valores desta a súa nova sociedade, valores que el moito admiraba, apreciaba e formaban parte dos seus ideais tamén. Por máis que tería que empezar de novo, formando a súa pequena empresa co sacrificio correspondente dun emigrante con moi escasos recursos, moi novo, sen ter familia nin amigos a quen recorrer, todo o cal non o intimidaba en absoluto e estaba disposto a lograr un espazo.

No ano 1985 don Xesús foi distinguido coa Medalla Castelao e eu fun a primeira persoa que o souben porque don Xesús achegouse polo local social do Patronato na rúa Río Branco cun telegrama do doutor Sixto Seco. Quería preguntarme o significado daquel curto texto: Noraboa merecido galardón. Botei un brinco de alegría dicíndolle que era a Medalla Castelao. El dicía que non lle chegara ningunha comunicación da Xunta de Galicia. Intentei convencelo ao decatarme de que detrás da distinción estaba a xestión de don Agustín que naqueles anos tiña moi bo ‘feeling’ co presidente da Xunta xa que ademais de compañeiro de profesión de don Xerardo era socio seu no compostelán Policlínico A Rosaleda. Marchou un pouco intrigado. Tres días despois sorría feliz porque recibira o telegrama oficial do presidente da Xunta de Galicia e confirmaba que estaría en Santiago de Compostela o 28 de xuño na cerimonia de entrega das medallas.

Un ano despois de facerse socio de Casa de Galicia, nunha das reunións bailables “descobre” unha fermosa rapaza nove anos menor ca el, polo tanto moi nova aínda. Á primeira vista quedou abraiado desa dama o mozo Canabal, o incipiente empresario, observador como de costume, planificador e coa tranquilidade e a seguridade que o caracterizaba simplemente lle comentou aos amigos que o acompañaban ese día...”Esa bela rapaza será a miña esposa algún día”.

Lembrar a don Xesús é homenaxear tamén ao pequeno grupo de emigrantes que loitaban en Montevideo pola cultura de Galicia (Antón Crestar, Pedro Couceiro, Manuel Meilán...) e que mantiveron aceso o lume da galeguidade na banda oriental do Río da Prata. En Montevideo fíxose moito non pola cantidade senón pola calidade humana duns homes cultos, nobres e traballadores. Hai exemplos que logo foron seguidos por outras colectividades americanas coma ser a fundación o 3 de setembro de 1950 do programa radial ‘Sempre en Galicia’. O espazo radiofónico nunha emisora privada montevideana era costeado polos membros fundadores. Entre os fundadores estaba don Xesús quen sempre foi o que cubriu o déficit que houbese na recadación. Quero dicir que se a mensualidade era de 500 pesos e o recadado eran 300 pois don Xesús poñía o que faltaba. Así durante toda a súa vida e sempre coa máxima discreción.

Dona Carme non podía crer o que vía e sorría continuamente. O seu fillo, que fora para América con tan só trece anos de idade, unha maleta e moitas ilusións; regresaba agora triunfante, feito un señor, un cabaleiro de aspecto importante, cunha afabilidade, unha elegancia e unha educación coa que sempre soñara a súa nai e xamais dubidou que tería algún día e que agora a sorprendía...

Da xenerosidade de don Xesús pode dar fe Méndez Ferrín quen o coñeceu nuns famosos Xogos Florais organizados polo Centro Galego de Bos Aires nos que actuaba de mestre de cerimonias o meu bo amigo uruguaio Xosé Fernández Seivane. Poucos saben que don Xesús foi quen pagou a última intervención cirúrxica de Suárez Picallo. Teño moita información e coñezo anécdotas que me achegou o benquerido Meilán que tiña unha relación moi estreita con don Xesús desde que en 1936 foi polo seu comercio a encargarlle sobres na súa calidade de presidente do Comité de Axuda á República Española. Tódolos sobres e folios utilizados ata 1939 por Meilán foron de balde. Así era don Xesús Canabal Fuentes.
Recomendo a lectura do libro de Losa Rocha. Nel temos cumprida información sobre un egrexio emigrante que ten gañado un lugar de honor no futuro Espazo Emigrante do monte Gaiás de Santiago de Compostela. A lectura é doada non só porque está ben escrito senón porque amosa agarimo e recoñecemento. As 275 páxinas da obra comezan e rematan no Amenal. Que o libro abra e peche falando da súa aldea e da súa parroquia é quizais a mellor homenaxe posible porque agora mesmo está sorrindo e comentándolle ao seu irmán Manuel que el nunca estivo lonxe do seu fogar.

Unha boa biografía de don Xesús Canabal Fuentes